AGE adhírese ao Pacto Galego contra a Pobreza e denuncia "a actitude hipócrita do PP"

Sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza © AGE

AGE asinou esta mañá o Pacto Galego contra a Pobreza impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD, polo que se compromete a manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento que garanta que, antes do remate do 2017, cando menos o 0,7 por cento do orzamento consolidado da Xunta de Galicia se dedique á erradicación da pobreza. Este pacto foi rubricado o 16 de outubro de 2010 polos tres partidos políticos con representación parlamentaria naquel momento, PP, PSdeG e BNG.

Beiras denunciou "a actitude hipócrita do Partido Popular" e as "políticas de recortes que, no caso da cooperación ao desenvolvemento, deixan case inexistentes as partidas orzamentarias destinadas a este fin

Precisamente o feito de que o PP teña asinado este documento e este compromiso pero que, ao tempo, estea realizando políticas que van no camiño contrario comezando polos recortes nas partidas dedicadas ás cooperación ao desenvolvemento, espertou as críticas dos representantes de AGE. Xosé Manuel Beiras denunciou neste senso "a actitude hipócrita do Partido Popular" e as "políticas de recortes que, no caso da cooperación ao desenvolvemento, deixan case inexistentes as partidas orzamentarias destinadas a este fin, cunha redución dun 64 por cento desde 2009, chegando ao 2013 cun mísero 0,05 por cento de asignación orzamentaria". “Desde que chegou o señor Núñez Feijoo á Presidencia da Xunta de Galicia non só non se están a cumprir os compromisos incluídos neste pacto senón que o descenso de fondos é cada vez máis grave”, destacou Beiras.

AGE amósase preocupada pola "tendencia que seguen os gobernos do PP noutras comunidades autónomas (Castilla La Mancha, Comunidade Valenciá e Illes Baleares teñen recortado máis do 90 por cento dos orzamentos nesta partida nos últimos dous anos), onde directamente optaron por liquidar a cooperación ao desenvolvemento", xa que -din- "semella ser o camiño que se pretende seguir tamén en Galicia". Na actualidade cada galego e galega achega 1,48 euros anuais para políticas de cooperación ao desenvolvemento o que, para AGE, "é máis que insuficiente".

Alejandro Quiñoa, membro da Coordinadora Galega de ONGD, destacou que “a solidariedade non pode ser unha esmorga que se dá en tempos de bonanza e se quita en momentos de crise senón que responde a unha responsabilidade social sobre todo na actualidade cando as desigualdades no mundo son cada vez máis importantes”. A Coordinadora Galega de ONGD denuncia que nos últimos dous anos "o goberno do Partido Popular a nivel estatal logrou colocar a España á cola de Europa cun 0,15 por cento destinado a cooperación para o desenvolvemento. Co brutal recorte do 49 por cento respecto ao ano anterior situámonos a niveis de finais da década dos 80 co que se pode afirmar que o obxectivo do PP céntrase en facer efectivo o desmantelamento real da cooperación. Países cunha situación económica similar como Portugal ou Grecia os recortes son moito máis moderados cun 13 e 17 por cento respectivamente".

A Coordinadora Galega de ONGD denuncia que nos últimos dous anos "o goberno do Partido Popular a nivel estatal logrou colocar a España á cola de Europa cun 0,15 por cento destinado a cooperación para o desenvolvemento"

Desde a Coordinadora Galega de ONGD denuncian ademais "a liña privatizadora impulsada polo Partido Popular tamén no ámbito da cooperación" xa que "o sector empresarial se inclúe sen reparo como actor de cooperación case ao mesmo nivel das ONGD e que queda de manifesto no Plan Director da cooperación Española, o documento de planificación polo que se rexerá a cooperación estatal durante o período 2013-2016". Desde a Coordinadora Galega de ONGD destacan "a falla de transparencia e respecto no diálogo coas ONGD o que provocou que a Coordinadora Estatal deixase de acudir as reunións de elaboración do Plan Director".

Sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza © AGE
Sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.