AGE denuncia o "proceso de remilitarización da Terra Cha"

Arames con coitelas en Parga (Guitiriz) Dominio Público Praza Pública

O deputado Ramón Vázquez (AGE) visitou o venres o campamento militar de Parga, no concello de Guitiriz, onde hai uns días foi instalado, por sorpresa e sen previo aviso, un perímetro de máis de 5 quilómetros de arame con concertinas, que provocou a indignación dos veciños e veciñas da zona. AGE sinala denuncia o" actual proceso de remilitarización da Terra Cha como zona estratéxica da cornixa Atlántica para un Ministerio de Defensa ao servizo da OTAN" e une as súas críticas á actuación realizada en Parga ao feito, xa denunciado, da elección do aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, para o establecemento dun Centro de Investigación Aerotransportada. Tanto nun caso como no outro, di, "o escurantismo, a falla de información e o engano conforman a versión oficial dos feitos".

Os veciños e veciñas denuncian unha intensa actividade de vehículos militares de transporte, maquinaria pesada e unha intensificación das prácticas de tiro con morteiros e artillería

Os veciños e veciñas denuncian unha intensa actividade de vehículos militares de transporte, maquinaria pesada e unha intensificación das prácticas de tiro con morteiros e artillería. Para Vázquez, accións coma as levada a cabo en Parga "non concordan co contemplado no convenio de cesión feito no seu día, no que se contempla como un centro de recrutas e non de manobras militares".

AGE lembra que este campamento militar naceu como consecuencia dunha cesión forzosa por parte da comunidade de montes no ano 1944, en plena ditadura franquista. Trátase de máis 100 hectáreas que chegaron a acoller 4.500 efectivos na década dos 60 e foi en descenso progresivo ata chegar case ao abandono. O establecemento deste novo cerramento "ademais de provocar unha evidente agresión na contorna dos montes veciñais", denuncia, "implica un risco evidentes tanto para a veciñanza como para os animais".

AGE reclámalle ao goberno galego "que deixe de mentir e ocultar información e informe á cidadanía do que está a acontecer na contorna das súas vivendas"

Alternativa Galega de Esquerda denuncia "as intencións dos Gobernos do Estado e do Goberno Galego por remilitarizar a Terra Cha". Sinala que o aeródromo de Rozas se atopa a pouco máis de 20 quilómetros en liña recta do campamento militar de Parga e foi inaugurado no mesmo ano de 1944. "Curiosamente" -di- "ambas as dúas instalación foron creadas a mesma data e reciben un novo impulso o mesmo ano 2014, 70 anos despois". AGE reclámalle ao goberno galego "que deixe de mentir e ocultar información e informe á cidadanía do que está a acontecer na contorna das súas vivendas", algo “básico nunha sociedade que se da en chamar democrática” sentenciou Ramón Vázquez.

Arames con coitelas en Parga (Guitiriz) Dominio Público Praza Pública
Campaña contra os drones no aeródromo de Rozas © Mar de Lumes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.