AGE denuncia "vexacións" a afectados polas preferentes na entrada ao Parlamento

Un dos afectados protesta no hemiciclo o pasado 19 de decembro CC-BY-SA Praza Pública

Alternativa Galega de Esquerda vén de remitir un escrito de protesta á Presidencia do Parlamento polo que considera trato "intolerábel" dos servizos de seguridade do Hórreo aos representantes das plataformas de afectados pola estafa das preferentes. AGE denuncia "trabas" e mesmo "vexacións" a estas persoas que asistían a unha xuntanza con deputados.

AGE explica que os servizos de seguridade do Parlamento "amparándose nun 'teño ordes', fixo demorar a entrada na Cámara de dez persoas máis de 45 minutos e obrigou a levantar o xersei a algúns dos convidados dos grupos políticos da oposición". Engade que a un deles lle fixeron quitar a camisola, na que se podía ler “Preferentes solucións”.

Tras a xuntanza coas persoas afectadas por estes produtos financeiros os parlamentarios de AGE subliñan que o conflito das preferentes e das subordinadas "só pode ter unha solución política" que actualmente "só pode vir dos gobernos do PP" e que debe pasar pola "devolución do 100% dos aforros" a quen fose enganado. Alternativa tamén apoiará esta reivindicación na manifestación prevista para o 2 de febreiro en Compostela, impulsada polos tres sindicatos maioritarios e na que tamén se "avogará pola constitución dunha banca pública galega".

Novagalicia Banco, sinalan, debe "existir para o financiamento da economía de Galiza" nun contexto no que as plataformas dos afectados esixen ademais que o presidente da Xunta "impugne o Real Decreto do espolio -no que se establece a quita de ata o 40%- e que a arbitraxe permita recuperar os cartos a todos os aforradores, e non só ao 20%". "Mentres tanto, está do lado dos banqueiros, dos salteadores, dos ladróns e dos estafadores", conclúen.

Un dos afectados protesta no hemiciclo o pasado 19 de decembro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.