AGE leva ao Parlamento as sombras sobre o megaproxecto da batata en Galicia

Plantación de batata CC-BY-SA Paulo Juntas

As numerosas sombras que arrodean o proxecto de Termo-biológicas na Costa da Morte chegan ao Parlamento. O deputado de AGE, Antón Sánchez, vén de presentar unha pregunta ao Goberno galego para ser respostada en Comisión polas "moitas dúbidas que xorden ante as novas" sobre esta empresa e por aparecer estas "baixo o maior dos segredos e sen información pública", malia que a compañía asegura terse reunido con varios concellos e mesmo coa Xunta de Galicia para impulsar o cultivo de batata e transformación enerxética na comarca de Bergantiños.

AGE pregunta á Xunta polas "moitas dúbidas" dun proxecto desenvolvido "baixo o maior dos segredos e sen información pública"

O parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda pregúntase "como é posible que con este novo marco normativo, e tendo en conta que o sector dos biocombustibles está paralizado en Galiza, se vaian investir as cantidades que se anuncian". Termo-biológicas fala dun investimento inicial de 300 millóns de euros en cada un dos módulos industriais que se creen -catro que se prevén en Cee, Laracha, Ponteceso e Coristanco- e unhas promesas de empregos directos "de alta cualificación" que se elevan xa a 1.500.

Pero do que máis preocupa a AGE é "a relación da empresa con proxectos fallidos nas Canarias e Andalucía e as reclamacións multimillonarias por danos e prexuízos por parte desta", tal e como adiantou Praza Pública a semana pasada. Porque a empresa que desenvolve o proxecto é, en realidade, Lysply Hidrógeno-Butanol-Gasolina S.A., constituída en xaneiro en Panamá e con capital español e estadounidense. Termo-Biológicas é, segundo eles mesmos aclaran, unha compañía "insrumental" para facilitar a intalación da outra firma, vinculada coa matriz orixinaria, a construtora Lysply SA, con sede en Tenerife e coñecida xa en diversos puntos do Estado por outros intentos de grandes proxectos enerxéticos.

Á empresa que impulsa o megaproxecto de biocombustible rexeitáronlle outras grandes iniciativas nas Canarias e Andalucía

O proxecto dun laboratorio solar nunha localidade de Tenerife acabou co rexeitamento por parte das administracións ao non contar cos permisos e licenzas requiridas e logo de varias irregularidades. Logo, a Audiencia Nacional desestimou a indemnización millonaria que a compañía reclamaba ao Estado e ao Goberno das Canarias polo precinto do seu proxecto: 50 millóns de euros diarios a contar desde o 9 de febreiro de 2009 e ata que se satisfixese esa compensación polos danos que dicía ter sufrido pola cancelación das obras daquel laboratorio.

No caso de Andalucía, o proceso foi semellante. A empresa Guardoor -que tiña de apoderado o propietario de Lysply- quixo montar unha grande horta solar de 20.000 hectáreas. Presentouse en 2012 e pretendía unha central termoeléctrica nun deserto e cunhas instalacións que serían construídas pola mesma Lysply. O Concello deu luz verde á utilización dos terreos, pero o proxecto foi paralizado por varias administracións autonómicas e o propio Estado. A empresa presentou unha demanda ante a Audiencia Nacional, argumentado que o silencio administrativo ás súas solicitudes lle causara un grave prexuízo. Reclamou unha indemnización de máis de 620 millóns de euros diarios desde maio de 2012, cantidade que se correspondería co beneficio que esperaban coa actividade. Pero tamén foi rexeitada. 

A compañía chegou a pedir 50 e máis de 620 millóns de euros diarios de indemnización pola paralización de dous proxectos

Detrás de todos estas iniciativas empresariais está Daniel González González, enxeñeiro canario presidente agora de Termo-Biológicas e propietario tamén da contrutora Lysply. En Galicia, o conselleiro delegado é José Luis Lagares, quen fora responsable de Eurogalicia Forestal, un proxecto frustrado para a instalación dunha papeleira nas Pontes. 

O grupo parlamentario de AGE cre que "o máis importante" é saber "por que da total opacidade na xestación" deste megaproxecto industrial que se pretende na área xeográfica onde se tiña previsto a polémica mina a ceo aberto de Corcoesto. O deputado Antón Sánchez cre que "para poder posicionarse ante un proxecto da entidade do que se anuncia" débese contar "con información oficial". 

AGE cre "importante" saber "por que hai toda esa opacidade na xestación" da iniciativa empresarial

Nos supostos convenios cos concellos a empresa incluíu unha cláusula de confidencialidade que impide aos alcaldes afondar nun proxecto que requiriría un mínimo de 200.000 metros cadrados de solo con cualificación de industrial e o emprego -para o que requiriría unha concesión de Augas de Galicia- de 20 hectómetros cúbicos de auga ao ano entre uso agrícola e industrial, 20.000 millóns de litros anuais. Non obstante, fontes municipais das administracións locais aseguran que os contactos limitáronse a unha presentación do proxecto, unha conversa moi por riba e sen sinatura de pacto ningún. Unha iniciativa nada clara aínda, máis aló das intencións.

Así, AGE pregunta en Comisión "cales son as características do proxecto presentado á Xunta pola empresa Termo-biológicas" e se "existen algún convenio asinado ou subvención concedida por parte do Goberno galego". 

Antón Sánchez, deputado de AGE CC-BY-NC-SA AGE
Plantación de batata CC-BY-SA Paulo Juntas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.