AGEe pide un debate da esquerda europea ao redor da austeridade e a "ditadura do euro"

O encontro ten lugar na Facultade de Filosofía © AGEe

Representantes de organizacións políticas da esquerda europea (dende o Sinn Féin a Die Linke, pasando por AGE) e investigadoras e investigadores especializados en políticas económicas alternativas e na análise das consecuencias sociais das medidas de austeridade, participan este sábado nunha xornada de debate organizada por Alternativa Galega de Esquerda en Europa. Nas distintas intervencións sinaláronse as políticas de austeridade e a "ditadura do euro" como "unha estratexia orientada á limitación dos dereitos sociais" e chamouse á esquerda europea a propoñer un debate fondo sobre o tema.

Para Lidia Senra as institucións europeas "están empeñadas en facernos crer que a única alternativa é a austeridade, manter na miseria as clases populares e o conxunto da cidadanía"

A eurodeputada Lidia Senra salientou que as institucións europeas "están empeñadas en facernos crer que a única alternativa é a austeridade, manter na miseria as clases populares e o conxunto da cidadanía" e chamou á esquerda europea a "debater sobre a situación dos pobos, sobre todo do Sur da UE". "Non pode haber tabús para trazar a Europa dos pobos e da solidariedade", engadiu. Pola súa banda, Antón Sánchez (Anova), deputado de AGE no Parlamento galego, reiterou esta idea, sinalando a importancia de reflexionar sobre cuestións como a austeridade ou a propia UE, "porque participamos en movementos sociais e políticos que buscan a emancipación das persoas, e para isto é necesario ter unha posición debatida sobre o principal instrumento de control da cidadanía e da democracia: o euro". Sánchez alertou de que "a soberanía perdida nos últimos anos por mor do deseño da UE fai que as institucións nas que algúns participamos sexan un simulacro de democracia, favorecedora dunha minoría e cun  campo limitado de acción".

Tafalla chamou a "pasar ao primeiro plano a recuperación da soberanía nacional fronte á liquidación da mesma por parte da UE"

Joan Tafalla, membro da Plataforma Saír do Euro, analizou a xestión aplicada dende a Unión Europea en clave neoliberal na crise económica en Grecia. Tafalla cualificouna de "salto adiante" e localiza o punto de partida no documento de posición da UE Realizar a Unión Económica e Monetaria europea. Tafalla criticou que a esquerda europea non perciba a importancia da publicación deste documento, o que para el respondería ao "estado de shock no que se atopa". Para Tafalla, o bloque hexemónico agrupado en torno ao gran capital alemán, "está tentando construír un novo bloque histórico no conxunto do espazo europeo, mediante pactos complexos coa francesa e con aliados nas burguesías dos pequenos países más desenvolvidos, como Bélxica, Holanda e Dinamarca". Tafalla chamou a "pasar ao primeiro plano a recuperación da soberanía nacional fronte á liquidación da mesma por parte da UE".

Para Franquesa, o sistema bancario non quere cobrar a actual débeda dos Estados como tal, senón que "queren quedar co público: hospitais, pensións, auga, electricidade, ferrocarrís..."

De igual xeito, Ramón Franquesa, profesor de Economía da Universidade de Barcelona e tamén membro da Plataforma pola saída do Euro, centrou a súa exposición nesta moeda, que cualifica de "mecanismo de destrución social", e animou a "seguir a pista dos cartos para entender o que está a suceder". "Os que provocaron a crise son os que se están a beneficiar máis dela grazas ao terríbel sistema monetario europeo", engadiu. Para Franquesa o euro "non foi erroneamente deseñado, foi deseñado ca función de xerar situacións  como a derivada da estafa financeira emerxida no ano 2008" e engadiu que a "actual política económica está ao servizo do control da inflación". O profesor de Economía considera que o sistema bancario non ten realmente vontade de cobrar a actual débeda dos Estados como tal, senón que "queren quedar co público: hospitais, pensións, auga, electricidade, ferrocarrís...". Para Franquesa, "a solución non é técnica, senón política" e pide "cambiar o sistema monetario do euro, desenvolvendo un novo modelo a partir dos marcos nacionais".

 

Xornada de tarde

Beiras pediu estender o debate para poder chegar a unha "indispensable estratexia europea das forzas cívicas e políticas da esquerda" para recuperar a Europa social

O voceiro nacional de Anova e voceiro de AGE no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, pechou a xornada contrapoñendo "o edificio da Unión Europea construído no Tratado de Maastricht e o o proxecto da Unión Europa social, que actualmente está en xogo". Beiras pediu estender o debate para poder chegar a unha "indispensable estratexia europea das forzas cívicas e políticas da esquerda" para recuperar a Europa social fronte ao "auténtico 4º Reich no que se converteu actualmente a UE" e chamou a deseñar as pautas para que as cidadás e cidadáns "recuperemos o control democrático das institucións". Así mesmo, Beiras sinala que hai que evitar "unha visión introvertida europea, porque as claves primordiais non están dentro de Europa". "Europa está deixando de ser centro", engadiu.

Para De Masi (Die Linke) "se non temos cartos e o BCE di que non resposta ás nosas solicitudes salvo que adoptemos medidas de austeridade, só queda saír do euro"

Fabio di Masi, eurodeputado alemán de Die Linke, sinalou a cuestión da moeda única europea como "un tema que afecta ao núcleo da democracia", xa que repercute na vivenda, na atención sanitaria, en resumo, "aos problemas da xente día a día", e subliñou que "é tarefa da esquerda dar respostas". Tamén fixo fincapé no Banco Central Europeo, "unha ferramenta moi potente", subliñando que "se queremos reestructurar a nosa economía e facer fronte ás necesidades sociais, temos que poder acceder a un banco central para as persoas". Para De Masi, "se non temos cartos e o BCE di que non resposta ás nosas solicitudes salvo que adoptemos medidas de austeridade, só queda saír do euro".

Jubeto avogou por "situar no centro do sistema económico a Vida e poñendo ao seu servizo a produción, e non ao contrario, como acontece actualmente"

A Doutora en Economía pola Universidade do País Vasco e activista feminista Yolanda Jubeto propuxo un cambio radical do actual paradigma económico, avogando por "situar no centro do sistema económico a Vida e poñendo ao seu servizo a produción, e non ao contrario, como acontece actualmente". Jubeto salientou que por debaixo do espazo mercantil "hai un espazo da reprodución ampliada da vida", que non se ten en conta "debido a que esta sociedade patriarcal asume que son as mulleres as que teñen que asumir estas responsabilidades". A economista propuxo repensar o concepto de traballo, "que é moito máis que o traballo asalariado, son todas aquelas cousas que facemos para soster a vida", lembrando que "vivimos nun planeta finito", polo que "non podemos seguir ca visión do crecemento ilimitado e a actual ecodependencia".

Algúns dos e das participantes na xornada © AGEe
O encontro ten lugar na Facultade de Filosofía © AGEe
Intervención de Lidia Senra © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.