"Agredíronnos por ser homosexuais e non é un caso illado"

Dopazo, en rolda de prensa co deputado de AGE Xabier Ron CC-BY-SA Esquerda Unida

Noel Dopazo é coordinador da Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida e estudante universitario. O pasado xoves atopábase nun coñecido pub compostelán coa súa parella. Ambos sufriron unha malleira "por sermos homosexuais". Esta agresión, advirte, non é un "feito illado".

O suceso produciuse nun local de lecer frecuentado pola xente nova de Compostela, que aconteceu?

É un local, o TNT, ao que nós xa fóramos máis veces. Estabamos uns amigos e mais eu, o meu mozo comezou a sentirse mal e decidimos ir ao baño por se quería vomitar ou outra cousa. De súpeto, un rapaz empeza a empurrar a porta. Eu dígolle que agarde un mometno porque hai unha perosa que se sente mal. Nisto comeza a berrar: “son maricones, son maricones”. Eu saio do baño e pregúntolle.: “como que maricones?”. Acto seguido, empezou a pegarme. O meu saíu a defenderme e outro amigo deles tirouno ao chan e empezoulle a dar patadas. Meteuse máis xente polo medio, montouse unha liorta, meu mozo comezou a sangrar pola boca... Eu comecei ao meu agresor que o ía denunciar e el comeza a berrar o seu nome . O que me deu a entender é que o problema non o tiña el por pegarme, senón eu, por ser homosexual. 

Sodes conscientes de se os agresores actuaban a título individual ou son parte dalgún colectivo?

Pertence a un grupo nazi chamado MRA Gallaecia. Este tipo de grupos son un auténtico perigo, porque o que están promovendo é unha ideoloxía de odio. A nosa agresión non é un caso illado.

Sabedes, polo tanto de máis agresións, tanto en Compostela como noutros puntos de Galicia?

"Isto é consecuencia do aumento dos grupos de ultradereita"

O mesmo día houbo outra agresión. A única diferenza é que a outra parella non denunciou. Na Festa da Primavera tameń houbo outra agresión. Estes días unha coñecida transxénero, que me chamou para solidarizarse, contoume que foi ameazada outras veces. O que estamos vendo é que, en moi pouco tempo, estamos retrocedendo brutalmente en materia de dereitos e liberdades na nosa sociedade. Isto é consecuencia do aumento dos grupos de ultradereita.

Percibides unha extensión destes grupos na universidade ou noutros ámbitos?

Na universidade en Compostela non hai nada disto. Son individuos, non é o mesmo noutros sitios. En Lugo, por exemplo, empézase a mover unha organización chamada Respuesta Estudiantil. A Compostela aínda non chegaron, pero é cuestión de tempo. Como non se actúa contra isto, expándense é unha auténtico perigo para moitos colectivos. A auxe do fascismo é un tema moi serio, algo contra o que os Gobernos autonómico, local e central deberían actuar. Estas agresións, por exemplo, foron en Compostela, que nunca foi unha cidade conservadora, pechada nin nada polo estilo. 

As autoridades non responden, na vosa opinión, como deberan?

"Os gobernos deberían centrarse nestes problemas, que poden ir a máis e causar desgrazas"

Con nós a Policía actuou normalmente, aínda que tardou uns vinte minutos en chegar, se cadra tamén porque era o primeiro xoves universitario. A actitude que me gustou menos foi a do dono do bar, que se meteu polo medio para dicirnos que marchásemos fóra e que non denunciásemos porque non quería problemas e, mentres, os agresores seguían dentro. Pero os gobernos deberían centrarse nestes problemas, porque isto pode ir a máis e podemos ter desgrazas.

O consello é, polo tanto, denunciar as agresións...

O problema de todo isto é que a maioría da xente non denuncia e invisibilízase a violencia que estamos a sufrir o colectivo LGTBI. É como se unha muller é maltratada polo seu marido e non denuncia, é o mesmo tipo de medo. Moita xente ten vergoña e é un gran problema. As persoas teñen que denunciar as agresións na policía e no xulgado e acudir ás organizacións LGTBI, que para iso estamos, para axudar, dar cobertura, aconsellar e tamén denunciar no ámbito político.

Dopazo, en rolda de prensa co deputado de AGE Xabier Ron CC-BY-SA Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.