Varias semanas de conflito e novas mobilizacións á vista. O comité de Albada -planta de reciclaxe de lixo de Nostián, na Coruña- vén de anunciar para os vindeiros días novas protestas duns traballadores que manteñen unha folga desde o pasado 28 de xullo pola negociación do convenio colectivo. Polo medio, paros na recollida de residuos e unha xornada de folga unitaria dos operarios a finais do mes de agosto, acompañados por compañeiros do sector da contorna. Ademais, o incendio dunha parte da planta coruñesa que foi cualificado como "guerrilla" por parte do goberno local, que acusou o comité, que se desvinculou do incidente.
Os traballadores anuncian novas mobilizacións logo de que, a través de Paulo Carril, secretario confederal da CIG -sindicato maioritario no comité- acusasen a empresa de empregar o conflito como unha "estratexia empresarial" de Urbaser, propietaria de Albada, a firma concesionaria. As mobilizacións vindeiras chegarán logo dun acordo "unánime" dos operarios, que establecen un calendario de protestas, e despois de que fracasasen todas as negociacións para mediar no conflito.
O comité di que presentou un plan de viabilidade que aceptaba un ERE temporal a cambio de manter o emprego
Para o comité, os traballadores están sendo utilizados nun "conflito" que sitúan "entre a empresa, o Consorcio das Mariñas e o Concello da Coruña" e que vinculan ao "desequilibrio económico" que Albada sitúa nos 33 millóns de euros. A compañía teima na súa proposta de rebaixar nun 25% os salarios, mentres o comité insiste en asegurar que xa hai semanas presentou ao mediador -Consello Galego de Relacións Laborais- e ao Concello un plan de viabilidade no que se aceptaría un ERE temporal, a conxelación salarial e a redución dalgúns pluses, que suporía unha redución de custos de 350.000 euros. Sería asumido polos operarios, "pero con garantías de emprego".
Polo medio, o Concello, ao que o comité de empresa acusa de "mentir sistematicamente" sobre o conflito e de manter unha postura "parcial" e favorable á compañía, máis despois do paro na recollida de lixo -a Policía Nacional escoltaba os camións ante os presuntos ataques que sufrían por parte dos operarios da planta- e do incendio na planta, polo que os traballadores foron acusados de empregar técnicas de "guerrilla" ou de empregara cidadanía como "refén".
Traballadores e oposición piden ao Concello que deixe de cobrar aos cidadáns a taxa dunha reciclaxe "que non se produce"
Ademais, o comité insta o alcalde, Carlos Negreira, a "reducir" da taxa do lixo o concepto pola reciclaxe, xa que "non se está a producir". Ao tempo, o voceiro de EU, César Santiso, anunciou a presntación de mocións nos concellos da comarca para que non se pague este canon mentres dure a folga. Tanto Esquerda Unida como o BNG situáronse con claridade ao lado dos traballadores.
Ao tempo, polas redes sociais sucédense as reaccións e incluso circula unha carta (anónima) dunha presunta traballadora que defende a loita dos compañeiros e unha folga motiva "porque dun día para outro" lles queren "quitar unha cuarta parte do soldo, deixándoo en 800 euros, ademais de pedir traballar máis horas". "Estamos en folga tamén polas oito persoas que quedan na rúa", di no texto. A empresa asegurara que readmitiría os operarios se os traballadores aceptaban a rebaixa salarial.
"Despois dun mes sen cobrar por estar en folga, hai un incendio na planta, a empresa cobrará o seguro e a nós chámannos terroristas", continúa a carta, na que a traballadora advirte de que mentres está en folga, "a empresa recibe o meu soldo e o dos cidadáns, porque o Concello segue pagándolle a Florentino Pérez (ACS é a empresa matriz) polo que non fai". "Estou desesperada pero seguirei loitando, axudádenos a resistir porque se nós caemos, mañán pódeche tocar a ti". conclúe.