ALEAS-EU chama a realizar unha manifestación unitaria do Orgullo LGTBI

Rolda de prensa de ALEAS-EU © ALEAS-EU

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) cre que as loitas do colectivo LGTBI non remataron e que os ataques que se están a recibir por parte dos gobernos autonómico e central deben ter "unha resposta na rúa". Segundo Noel Dopazo, co-coordinador nacional de ALEAS-EU, “tras a aprobación do matrimonio igualitario houbo un proceso de desactivación do texido asociativo LGTBI en todo o Estado, algo do que Galicia non quedou á marxe, posto que a socialdemocracia deu a entender que as loitas xa estaban rematadas”.

“Tras a aprobación do matrimonio igualitario houbo un proceso de desactivación do texido asociativo LGTBI en todo o Estado, algo do que Galicia non quedou á marxe, posto que a socialdemocracia deu a entender que as loitas xa estaban rematadas”

A deputada de AGE Eva Solla sostén que “estes ataques non son residuais, senón que van a continuar, como podemos ver en eidos como o sanitario o una educación, polo que unha resposta unitaria de forzas de esquerda é moi necesaria”. Por este motivo ALEAS-EU cre que esta convocatoria unitaria debería estar convocada polas organizacións LGTBI, cunha perspectiva "combativa, antipatriarcal, feminista, ecoloxista e anti-heteropatriarcal". Neste senso, "sen censurar o carácter festivo do Orgullo", ALEAS-EU rexeita "a mercantilización e o uso partidista da convocatoria, como está a acontecer en cidades como A Coruña".

ALEAS-EU cre que esta convocatoria unitaria debería estar convocada polas organizacións LGTBI, cunha perspectiva "combativa, antipatriarcal, feminista, ecoloxista e anti-heteropatriarcal"

ALEAS-EU tamén presentou unha Declaración, aberta a que se sumen todos os colectivos sociais que o desexen. O texto denuncia os ataques das políticas do Partido Popular ao colectivo LGTBI e sinala que "o PP nunca foi amigo de apoiar ás minorías sexuais nin a normalización da súa situación, como demostra o fallido recurso ante o Tribunal Supremo contra a Lei do matrimonio igualitario, as declaracións homófobas de membros do mesmo, como as do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, ou o rexeitamento de crear un plan de saúde LGTBI na Galiza".

Engade que "a homofobia institucional, os dereitos das persoas transexuais, o acoso LGTBIfóbico nas escolas e institutos, a visibilización LGTBI no rural, a loita contra o VIH, entre outras, son loitas fundamentais para acadar a normalización social do colectivo e a conquista de dereitos non recoñecidos". Ante isto ALEAS considera que "a organización da resposta social é imprescindíbel, polo que o reimpulso da loita LGTBI organizada é unha prioridade" pois "só coa loita e a organización seguiremos avanzando nas conquistas sociais e resistindo as envestidas do neoliberalismo, do catolicismo e da LGTBIfobia".

Rolda de prensa de ALEAS-EU © ALEAS-EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.