Alegacións masivas contra o plan mineiro da Xunta

"Galiza non é unha mina" CC-BY-SA gzvideos.info

A Xunta quere "converter Galicia nunha mina". Esa é a crítica que numerosos movementos sociais, veciñais e ecoloxistas realizan contra o Goberno galego e o seu plan mineiro, agora en período de tramitacións e consultas e que, segundo os seus críticos permitiría a patronal mineira "asaltar" novos territorios até o de agora vetados para as súas actividades, como espazos naturais, paisaxes protexidas, xacementos ou monumentos históricos.  O Plan Sectorial de Actividades Extractivas (Psaeg) consagraría, xa que logo, o país como un territorio totalmente aberto ás explotacións mineiras, xusto nunha época na que numerosos colectivos loitan contra as ameazas que diferentes proxectos suporían para o territorio, exemplificadas todas elas na iniciativa de Corcoesto, agora paralizada temporalmente pola Consellería de Economía e Industria.

Por iso, moreas de cidadáns e asociacións presentan ou preparan alegacións a un Psaeg cuxo prazo de emendas remataba oficialmente o pasado 14 de xuño, pero que foi ampliado até o vindeiro venres 19 de xullo ás 24 horas por un defecto de forma. É esa prórroga a que están aproveitando diferentes colectivos e persoas a nivel particular para presentar alegacións masivas contra un plan que, consideran, "blinda os intereses das transnacionais mineiras" e que moitos expertos cualifican como escandaloso.

É o colectivo ContraMINAcción o que vén de elaborar un documento modelo para presentar as alegacións e que pode ser asinado de xeito individual. No texto -que se acompaña nesta información- alega o Documento de Inicio do procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia e pódese presentar a través do formulario facilitado pola Xunta na web da Consellería de Medio Ambiente, por correo electrónico, por fax ou coa presentación do texto nas propias dependencias da Administración.

A alegación que pretende ser masiva pide a retirada do plan "por ser un documento inútil" e "fomentar a toda costa a actividade extractiva"

Así, na alegación pídese que se retire este documento de inicio "por ser un documento absolutamente inútil". Arguméntase que "carece dunha redacción axeitada" e insístese en que o seu "único obxectivo real" é "fomentar a toda costa a actividade extractiva en Galicia". Ademais, destácase que non ten "nin a mínima pretensión de protexer zonas sensibles do territorio de Galicia" e que "non recolle unha verdadeira análise de alternativas que respondan ao criterio da protección das zonas onde non se poden realizar este tipo de actividades dunha forma inocua para o medio".

Tamén se solicita que "de forma subsidiaria" se reforme este Documento de Inicio "paliando as deficiencias existentes especialmente no que atinxe a análise de alternativas, e que se formule, no caso de decidir facelo, a redacción dun auténtico instrumento de planificación e ordenación do territorio, que teña como obxectivo a protección dos solos que a merezan polos seus valores que teña en conta o establecido polo artigo 5 apartado 3 do Decreto 80/2000".

"Que se paralicen as concesións de permisos e se pechen as explotacións que non son legais"

No mesmo texto reclámase á Xunta que se "paralicen os concursos de concesións de permisos en trámite en tanto non se redacte un Psaeg que protexa as zonas sensibles do territorio de Galicia", e que se "pechen as explotacións mineiras que non son legais e se sancione os seus responsables de acordo ca lei". Do mesmo xeito, solicítase "a prohibición neste futuro Psaeg" da realización de actividades extractivas no conxunto da Serra do Galiñeiro, as Ribeiras do Miño, Montes e península do Morrazo, Tomiño, Cartelle, a Groba, Xinzo da Limia, Corcoesto e a comarca de Bergantiños, Santa Comba, Zas, A Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Baralla, a Terra Cha, a Comarca de Ordes-Compostela... Todo, en función "do seu impacto en territorios declarados a protexer e da ausencia de interese público dos proxectos en curso".

Son estas as exixencias dunha alegación que expón tamén varios dos motivos polos que considera inadecuado un Psaeg que cren que sería moi prexudicial para Galicia. Lembran que "está claramente mediatizado polo sector mineiro que foi o encargado da súa redacción" ou que "focaliza a atención na extracción inmediata para, supostamente, crear emprego e riqueza". "Porén, na realidade está a gastarse unha riqueza non substituíble, que podería ser moi necesaria dende un punto de vista estratéxico para xeracións vindeiras", di.

Por outra banda, aclara que "non se teñen en conta os efectos desta actividade mineira sobre o cambio climático" ou que "non cuestiona o interese público destas propias actividades", ademais de lembrar que o Parlamento Europeo xa cursou unha petición ás administracións europeas con capacidade para "lexislar sobre a minaría pedindo a prohibición da minaría a ceo aberto e o uso do cianuro na mesma".

O plan mineiro "reproduce unha parte importante da lei de minas do ano 1973, redactada nunha época na que a sensibilidade e as exixencias en medio ambiente eran outras"

"Os obxectivos e criterios subliñados son tan imprecisos e vagos que realmente non queren dicir nada, e non é necesario redactar un Plan Sectorial para escribir cousas como “desenvolvemento sostible” “coordinación”, cando realmente o Documento de Inicio non ten ningún contido orientado nesa liña", asegúrase no texto, que advirte de que o Psaeg reproduce unha parte importante da lei de minas do ano 1973, "lei preconstitucional, redactada nunha época na que a sensibilidade e as exixencias en materia de medio ambiente eran outras, época na que non estabamos dentro da Unión Europea".

Logo de alertar dos territorios protexidos e espazos naturais que están ameazados, o texto de alegacións alerta que "para que as actividades extractivas se realicen dun modo coordinado non se precisa un Psaeg". "Por dous motivos, o primeiro porque se poderían coordinar os proxectos sectoriais individuais, e segundo porque realmente non se pretende ningunha coordinación, o que se pretende e legalizar, ampliar, abrir novas explotacións, impoñendo a decisión da Consellería de Industria de fomentar e alentar a minería en Galicia".

Manifestación contra a megaminería CC-BY-SA gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.