Alertan do dano medioambiental do tendido de torres de alta tensión entre Abegondo e A Coruña

Susana Moar e Marta Galán, voceiras da plataforma © Non L.A.T. As Mariñas

A plataforma Non Liña de Alta Tensión nas Mariñas celebrou este sábado a súa primeira comparecencia pública para esixirlle á Xunta “que utilice os mecanismos ao seu alcance" para frear "a agresión que supón o plan de Red Eléctrica Española (REE) de instalar unha subestación en Abegondo e tirar un tendido de torres de alta tensión até a cidade da Coruña".

Marta Galán, en nome da plataforma, pediulle ao Goberno galego que “actúe coa responsabilidade que debe ter en defensa do territorio”. Galán sinalou que os plans de REE contemplan a construción dunha subestación nun monte próximo ao encoro de Beche e un tendido de uns 30 quilómetros con liñas de 220 kv. e 440 kv. cun trazado que afectaría a seis concellos da comarca. A compañía, na que o Estado mantén un 20% de accións, contempla alternativas tanto á situación da subestación como ao trazado. Porén, está negociando con propietarios das parcelas denominadas nos seus documentos como Ubicación 3 (a máis próxima ao encoro) sen ter sequera presentado o proxecto e, polo tanto, iniciado os trámites para a declaración de impacto ambiental.

A plataforma “non acredita na necesidade do proxecto para garantir o subministro á cidade da Coruña, que é o argumento de REE para xustificar esta infraestrutura”

Galán afirmou que a plataforma “non acredita na necesidade do proxecto para garantir o subministro á cidade da Coruña, que é o argumento de REE para xustificar esta infraestrutura” e sinalou que “do que se podería tratar en realidade é de construír esa infraestrutura para reforzar as conexións fronteirizas da rede e utilizalas pala evacuar máis enerxía do país, segundo reflicten os propios documentos da compañía”. “Polo tanto”, sinalou Galán, “non é nada que vaia repercutir na calidade do servizo á veciñanza, se non que é un negocio en base á explotación e exportación da enerxía con altos custes ambientais”.

Outra das portavoces, Susana Moar, relatou como as veciñas e os veciños dalgúns dos concellos afectados comezaron a organizarse a finais do ano pasado “cando empezamos a preguntarnos as consecuencias que para a nosa saúde e a nosa contorna” terían os plans de REE. E explicou que despois dunha reunión coa empresa, en Abegondo decidiron que había que contrarrestar a información que ofrecía REE porque “era parcial e pouco clara”. Moar sinalou o impacto ambiental inmediato, que afectaría a zonas nas que habitan especies que o Catálogo Galego e a Directiva Hábitat cualifican como ameazadas. 

Moar sinalou o impacto ambiental inmediato, que afectaría a zonas nas que habitan especies que o Catálogo Galego e a Directiva Hábitat cualifican como ameazadas

Moar e Galán concluíron que hai razóns suficientes para reclamar que a infraestrutura non se faga. Ambas sinaláronlle á Xunta os tres instrumentos normativos cos que conta para frear os plans de REE: o convenio de Aarhus, as Directrices da Paisaxe de Galicia, agora en fase de discusión, e a avaliación do impacto ambiental se a compañía insiste en presentar o proxecto.

Susana Moar e Marta Galán, voceiras da plataforma © Non L.A.T. As Mariñas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.