Ames Novo presentará unha moción no pleno deste xoves para demandar a restitución da memoria da corporación municipal republicana, que foi apartada do concello en agosto de 1936. En especial a do seu alcalde, Oscar Lojo Batalla. A moción propón unha serie de recoñecementos simbólicos para os 16 concelleiros elixidos nas eleccións de 1931 e que gobernaron o Concello durante seis anos, impulsando unha política de fomento do asociacionismo, obras públicas e creación de escolas, de progreso en definitiva, que foi cortada de raíz co triunfo da sublevación militar contra a República.
A moción entende que "a actual corporación adquiriu unha débeda histórica coa corporación democrática lexitimamente elixida no ano 1931" e salienta que "pasados corenta anos desde que rematou a ditadura e retornou a democracia, aínda non se realizou ningún acto de desagravio para cos concelleiros daquela corporación lexítima". Subliña ademais que "aínda existen familiares dos concelleiros depostos, que conservan a memoria viva daqueles, e que cando estes desaparezan, desaparecerá con eles o seu legado".
A proposta prevé que o Concello de Ames inicie o procedemento ante o Ministerio de Xustiza de cara á Declaración de reparación e recoñecemento persoal que se recolle no artigo 4 da Lei 52/2007 á que teñen dereito todos os membros da corporación deposta. Unha vez efectuados os trámites, o concello acordará en sesión plenaria a solicitude en firme da Declaración de reparación e recoñecemento persoal para estes membros, un pleno ao que o Concello convidará de maneira pública á veciñanza e, de maneira especial, aos familiares e descendentes dos devanditos concelleiros. Finalmente, de aprobarse a moción, o Concello colocará no exterior da casa consistorial "en lugar ben visible e respectuoso" unha placa na que se lembrará o nome dos concelleiros da corporación lexítima de 1936 como acto de desagravio.
O goberno que trouxo "a luz"
Oscar Lojo "volveu das Américas cunha certa fortuna" e posiblemente ese carácter de emigrante retornado moveu as súas ideas cara ao progresismo
O 22 de xuño de 1931 constituíuse a primeira corporación municipal democrática de Ames, con 16 concelleiros electos, e dela saíu elixido alcalde por unanimidade Óscar Lojo Batalla. Os representantes agraristas gañaran con absoluta claridade as eleccións do 31 de maio, despois de que tivera que repetirse a primeira convocatoria, do 12 de abril, cando se rexistraron numerosas irregularidades. Estes homes non tiñan unha filiación ideolóxica clara, aínda que se manifestaban republicanos e progresistas, e presentábanse en oposición aos representantes garcipritistas, continuadores da política caciquil e turnista de Montero Ríos. De feito, na crónica que El Pueblo Gallego publicou tras as eleccións destacábase que "fue reñídisima la batalla que dieron los antiguos caciques por no perder el mangoneo, llegándose a presentar sus candidatos como republicanos cuando hace poco tiempo pertenecían a la monarquía".
Oscar Lojo, conta Maximino Viaño, "volveu das Américas cunha certa fortuna" e posiblemente ese carácter de emigrante retornado moveu as súas ideas cara ao progresismo. Como destaca Bernardo Máiz, “os emigrantes retornados constituiron ou conformaron as directivas de numerosas sociedades agrarias, trouxeron novas ideas de progreso tanto técnico coma ideolóxico, fortemente anticlericais e antimonárquicos, convencidos das virtudes dos reximes políticos democráticos".
O 1 de agosto de 1936 a autoridade militar de Santiago, Juan Sanmiguel del Río, cesou todos os concelleiros e constituíu unha comisión xestora composta por Ramón Veiga e o secretario do Concello, Luis Salqués
Nos seus seis anos de goberno, esta corporación fomentou o asociacionismo, creou escolas e impulsou numerosas obras públicas, coma a apertura de novos camiños e arranxo dos que estaban en mal estado, e mesmo trouxo a luz pública por primeira vez ás rúas do concello, entre 1935 e 1936. Especialmente importante foi o seu esforzo no impulso da educación pública; así, creáronse escolas en Searez, Agrón, o Santo, Bertamiráns, Bugallido, Milladoiro, Tapia... De igual xeito, a corporación manifestou a súa “adhesión entusiasta" ao Estatuto de Galicia e nomearon o alcalde comisionado para asistir á Asamblea de Municipios que aprobou o proxecto no ano 1932, e tamén aprobou unha achega de 200 euros para a campaña do Estatuto.
Porén, o 1 de agosto de 1936 a autoridade militar de Santiago, Juan Sanmiguel del Río, cesou todos os concelleiros e constituíu unha comisión xestora composta por Ramón Veiga e o secretario do Concello, Luis Salqués. O 28 de outubro constituíuse definitivamente unha nova corporación nomeada polo gobernador civil da provincia. Era o comezo da noite, da longa noite de pedra, que en Ames fora precedida da chegada da luz.