Amnistía Internacional naceu falando portugués

Imaxe do artigo publicado o 28 de maio de 1961, motivado pola detención de dous estudantes lusos © Amnistía Internacional

O 28 de maio de 1961 o avogado británico Peter Benenson publicou en The Observer un artigo, titulado "The Forgotten Prisoners" (os presos esquecidos), no que destacaba a "enfermiza sensación de impotencia" que lle producía a el e outras moitas persoas o ler decote na prensa noticias de persoas en distintos lugares do planeta "sendo encarceradas, torturadas ou executadas debido a que as súas opinións son inaceptables para o seu goberno". "Se eses sentimentos de desgusto puidesen ser reconducidos cara a unha acción colectiva, poderíase facer algo efectivo", concluía.

Hai 55 anos un artigo en prensa lanzou unha campaña social que acabou por dar forma á organización Amnistía Internacional

O artigo remataba facendo un chamamento a levar a cabo unha Campaña de Amnistía nese ano 1961 que, destacaba, era o centenario do inicio da Guerra de Secesión estadounidense que acabou por poñer fin á escravitude no país, e no que tamén facían cen anos do decreto que en Rusia emancipara os servos. Benenson facía un chamamento á mobilización social pois -dicía- aínda que a maior parte das accións só poden ser levadas a cabo polos Gobernos, "a experiencia amosa que en casos coma este os Goberno só actúan motivados por unha opinión pública que lidera". Engadía que "o modo más rápido de axudar os presos de conciencia é a publicidade, especialmente a publicidade entre os seus compatriotas" e entre as súas ideas estaba a de bombardear as autoridades e medios de comunicación de todo o mundo con cartas de protesta, destacando a importancia da "acción internacional" para a solución destas inxustizas que sufría a cidadanía de moitos países.

A campaña nacida deste artigo acabou por dar forma á organización Amnistía Internacional, constituída oficialmente en xullo dese ano 1961. Un ano despois a nova organización xa enviara delegacións a catro países para elevar protestas a favor dalgúns presos, fixérase cargo de 210 casos e os seus membros xa organizaran estruturas nacionais en sete países.

Segundo declarou o propio Benenson o feito definitivo que o animara a iniciar esta campaña foi a nova da detención de dous estudantes portugueses en novembro de 1960, acusados de berrar "viva a liberdade" nunha terraza no centro de Lisboa. Foron condenados a sete anos de cadea. Nos primeiros anos de Amnistía Internacional, a represión provocada pola ditadura de Salazar centrou unha parte destacada da actividade da organización, xunto coas situacións que se vivían en España, Romanía, Sudáfrica, Filipinas, China, URSS ou nos Estados Unidos, en relación coa discriminación que sufría a comunidade afroamericana.

O feito que o animara a iniciar esta campaña foi a nova da detención de dous estudantes portugueses en novembro de 1960, acusados de berrar "viva a liberdade" nunha terraza no centro de Lisboa. Foron condenados a sete anos

De feito, no seu libro Persecution 1961, unha caste de informe coma os que anualmente segue publicando Amnistía Internacional, Benenson salientaba o caso de Agostinho Neto, líder do MPLA angolano, que pasara sete anos na cadea en Portugal (1951-1958), acusado de actividades separatistas. Neto foi arrestado de novo en 1960, e nas protestas pola súa detención as autoridades lusas mataron a 30 persoas. A presión internacional forzou o réxime salazarista a cambiar a cadea por unha reclusión domiciliaria, da que conseguiu fuxir. Neto foi o primeiro presidente de Angola, entre 1975 e 1979.

 

Imaxe do artigo publicado o 28 de maio de 1961, motivado pola detención de dous estudantes lusos © Amnistía Internacional

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.