"Ante a violencia de xénero a xustiza non o está a facer todo o ben que se esperaría dela"

Presentación dunha campaña do Concello de Pontevedra contra a violencia de xénero © Concello de Pontevedra

Nos últimos anos o avance na loita contra a violencia machista é innegable: máis conciencia social, máis protección ás vítimas e maiores condenas para os agresores. Porén, tamén hai pasos atrás, ou protocolos e dispositivos que non funcionan todo o ben que poderían. A Mesa contra a Violencia de Xénero de Pontevedra reúnese periodicamente para analizar todos os ámbitos de actuación nos que se busca loitar contra esta lacra.

Na súa última xuntanza, esta semana, esta entidade chamou a atención especialmente sobre a Xustiza, e sobre os prexuízos que as sentenzas de conformidade, ligadas aos xuízos rápidos, están tendo para as vítimas. Reclámanlle a xuíces e fiscais unha actuación máis decidida contra os maltratadores que impida situacións nas que se lles impoñen penas ou sancións mínimas. E anuncian que pedirán unha reunión coa Fiscalía de Pontevedra para pedirlle que nestes casos se eviten os preacordos cos acusados e se priorice o dereito das vítimas a seren defendidas.

A Mesa tamén amosou a súa preocupación ante o descenso no número de ordes de protección e afastamento ditadas polos xuíces, algo que, lembran, non significa que non haxa violencia. De igual xeito, anunciaron que ao longo deste ano se aprobará a creación dun protocolo de actuación único no ámbito da violencia de xénero, sexual e de acoso que defina o percorrido das vítimas do machismo e facilite o proceso. Falamos con Carmen Fouces, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Pontevedra.

"Dende algunhas instancias comunícaselle á vítima que se non chega a ese acordo, a sentenza vai ser moito máis favorable para o maltratador"

Que prexuízo están causando as sentenzas de conformidade?

As sentenzas de conformidade poden ser útiles en moitos casos. Pero o problema é que a forma en que se está aplicando pode ser favorecedora para o agresor. De xeito que mesmo dende algunhas instancias se lle comunica á vítima que se non chega a ese acordo, a sentenza vai ser moito máis favorable para o maltratador. Preocúpanos que se priorice a economía procesal sobre os dereitos das vítimas e que non se estuden as particularidades de cada caso, quse son diferentes para cada persoa.

Esa ferramenta que se creou para ser útil, non se pode distorsionar. Entendemos a situación de colapso que poden estar vivindo. Pero eles tamén deben comprender que o feito de que unha vítima vexa saír pola porta ao seu agresor cun castigo mínimo ten unha consecuencias moi duras. Eu estou de acordo en que este é un problema que non se pode solucionar exclusiva pola vía xudicial, hai moitos factores. Pero a xustiza ten que facer a súa parte e non o está a facer todo o ben que se esperaría dela.

En que medida os recortes están afectando á loita contra a violencia machista, por exemplo na axuda que vós prestades dende o Concello?

Os recortes están afectando moi directamente a todos os servizo de benestar. Dende hai anos recibimos moitos menos cartos, ao redor dun 30% menos dende o 2009, e iso obríganos a detraer postos de traballo doutras áreas para seguir potenciando a de muller. E estase vendo afectada toda a rede de axudas e protección ás mulleres maltatadas que se fora creando, como o salario da liberdade. Todo o apoio que lle debemos dar a unha muller que decide denunciar unha situación de maltrato ante a policía ou os servizos sociais está moi mermado.

"É preocupante que isto siga sucedendo nestas idades, porque os rapaces que aos 15 anos pensan así, van ser os maltratadores do futuro"

A Mesa alertou tamén esta semana sobre o incremento de actitudes machistas nos adolescentes. Como se pode reverter esa situación? 

Si, a través de varios estudos temos detectado unha situación moi curiosa: cando nos achegamos a rapaces de cuarto ou quinto de primaria, que aínda non chegan á idade na que se inician as primeiras relacións de parella ou amorosas, vemos que identifican moi claramente as situacións de violencia, e todos os tipos de violencia. Pero deixas pasar un par de anos, cando se inician as primeiras relacións, aínda que sexan moi iniciáticas, e moitos xa non identifican esas situacións de violencia: os ciumes son símbolo de amor, e aparece como normal o feito de que se espíe a outra persoa ou o seu teléfono móbil, ou que a controle. O último estudo do Instituto da Muller afirma que o 30% das mozas considera que os ciumes son un signo de amor e o 70% do profesorado entende que non debe tratar estas cousas na aula. Un dos poucos datos positivos é que as mozas denuncian, pero é preocupante que isto siga sucedendo nestas idades, porque os rapaces que aos 15 anos pensan así, van ser os maltratadores do futuro.

"Non será o mesmo que neste tipo de xuízos a Xunta se persoe de oficio como acusación que que non o faga"

Dende a Mesa si se valorou como positivo que a Xunta se persoase como acusación particular no caso de María Luisa Jiménez Jiménez. Un paso naa boa dirección?

Parécenos moi positivo que a Xunta se implique nese caso, marca un antes e un despois, pero creo que debería facelo en todos os casos. Non se entendería que non o fixese nos outros dous asasinatos que acabamos de vivir no Coruña e en Foz, por exemplo. Non será o mesmo que neste tipo de xuízos a Xunta se persoe de oficio como acusación que que non o faga. A administración debe facer uso de todos os seus recursos para loitas contra a violencia machista.

Carme Fouces, na presentación dunha campaña para o Día contra a violencia de xénero © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.