Apenas 1 de cada 6 concellos teñen servizos de normalización lingüistica

A CTNL reclama máis implicación das institucións para mellorar a rede de SNL © CTNL

Apenas medio cento de concellos dispoñen de servizos de normalización lingüística (SNL) para exercer as súas competencias nesta materia e só 16 deles (nove na Coruña e sete en Pontevedra) cobren esta función con persoal fixo ou funcionario. Tamén as catro deputacións contan con este tipo de departamentos técnicos. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) reclama "máis implicación das institucións" para crear "unha rede profesional e estable" de cara a mellorar a promoción do uso e o prestixio da lingua e denuncia igualmente a" inestabilidade laboral xeneralizada" existente en moitos destes servizos.

Só 16 concellos (nove na Coruña e sete en Pontevedra) cobren esta función con persoal fixo ou funcionario

A maioría dos servizos de normalización lingüística existentes están na provincia da Coruña (24 servizos en 35 concellos), pois a Deputación Provincial leva varias lexislaturas convocando axudas para a creación de SNL nas entidades locais, o que favoreceu que se constituíse unha rede de departamentos técnicos con certa estabilidade, aínda que non con postos definitivos. A Coordinadora denuncia que "as axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística son tan escasas que só dan soporte económico para a creación de SNL durante un curto período de tempo".

Nos últimos cinco anos só se consolidou unha praza, no Concello de Redondela, e farao proximamente outra no de Abegondo

A CTNL lembra que hai xa 35 anos que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística pero que nos últimos tempos a situación apenas mellorou: apenas se puxeron en marcha novos departamentos técnicos e sobre todo non se estabilizou o seu persoal. Nos últimos cinco anos só se consolidou unha praza, no Concello de Redondela, e farao proximamente outra no de Abegondo. A entidade sinala que en calquera caso "esta estabilidade que proporciona contar con persoal fixo tampouco garante sempre o servizo, pois algunhas entidades locais, cando a praza está vacante, optan por non cubrila ou tardan en dotala de novo". Cita, por exemplo, os casos da Estrada e Val do Dubra, coas prazas creadas pero vacantes, ou de Ferrol, cunha persoa contratada a tempo parcial. De igual xeito, o Concello de Ponteareas cubriu provisionalmente unha vacante no seu SNL cun contrato de prácticas. 

A Coordinadora explica que outras administracións locais teñen departamentos técnicos que funcionan "de forma continuada, pero sen chegar a ser totalmente estables", en moitas ocasións con contratos de interinidade ou contratos temporais que se converten en indefinidos. A inestabilidade laboral é aínda maior noutras entidades que contan con SNL sen continuidade temporal. Concellos que se acollen ás diversas convocatorias de axudas –da Xunta de Galicia e das deputacións da Coruña e Pontevedra– e crean departamentos durante varios meses ao ano (entre un e seis meses). Desta forma, nin consolidan nin integran o servizo na entidade. Son os casos de Oroso, Sada, Porto do Son, Zas, Vimianzo, Nigrán ou Gondomar.

A CTNL denuncia que "moitos outros concellos non prevén crear proximamente SNL, nin temporalmente nin de forma continuada, a pesar de contaren coa posibilidade de solicitar axudas das deputacións da Coruña e Pontevedra"

A CTNL denuncia que "moitos outros concellos non prevén crear proximamente SNL, nin temporalmente nin de forma continuada, a pesar de contaren coa posibilidade de solicitar axudas das deputacións da Coruña e Pontevedra que lles permitirían dotarse dun departamento técnico". Explica que algúns destes concellos mesmo teñen aprobadas ordenanzas de normalización lingüística que mencionan o departamento técnico que non crean (San Sadurniño, Mugardos, Soutomaior, Cangas, Mos, Marín, Lalín ou recentemente As Neves) e que algúns aprobaron ordenanzas que non prevén a posibilidade de ter un SNL (Cuntis, Silleda, Salvaterra de Miño e Tomiño). No resto, "a súa política lingüística limítase a cumprir a legalidade, principalmente a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, ou a desenvolver actividades culturais en galego", sinala a Coordinadora.

"A competencia municipal en normalización non se exerce só uns meses ao ano, con certas actividades esporádicas en galego, ou cumprindo a legalidade e redactando as actas na nosa lingua"

A entidade reclama "unha implicación maior das entidades públicas no proceso de normalización lingüística". Ás catro deputacións e á Xunta esíxelles que poñan en marcha "un sistema de axudas que favoreza e impulse a constitución dunha rede de SNL en todo o país" e aos concellos que creen "prazas técnicas que planifiquen, xestionen, executen e avalíen accións e programas para mellorar o uso e o prestixio da lingua".

"A competencia municipal en normalización lingüística non se exerce só uns meses ao ano, con certas actividades esporádicas en galego, ou cumprindo a legalidade e redactando as actas e demais documentación interna da entidade na nosa lingua. Ter e desenvolver a competencia en normalización lingüística require un labor continuado, planificado e que poida ser avaliado", conclúe.

 

Casa do Concello de Outes © CTNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.