En 1933, a viguesa Emilia Docet (1915-1995) foi elixida Miss España. Tiña dezasete anos. Con esa idade comezou a ocupar páxinas dos xornais: homenaxes, bailes, viaxes e banquetes na súa honra. Era Miss España, Señorita España. Mais a súa atractiva personalidade superou a anécdota; a súa identidade deixouna, para sempre, atada á Historia. Ao mellor ela non quería. Ou si. E implicouse –de xeito activo- co Partido Galeguista fundado dous anos antes.
Hai fontes documentais dabondo para certificar que a vinculación de Emilia Docet co galeguismo da época é incuestionable. Son testemuñas directas que desvelan a súa implicación política sen ambaxes. Foi, para o movemento, un dos seus símbolos de moda. Para o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto “ser Miss España naquela época era un fito de modernidade e o rol de propaganda, de marketing, que posuía Emilia Docet dentro do PG di moito de ata onde chegou o galeguismo en pouco tempo”.
Para unha entrevista en El Pueblo Gallego do 3 de xuño de 1933 a recén elixida Miss España, a viguesa Emilia Docet (1915-1995), recibe ao xornalista na súa casa. Segundo describe o autor da reportaxe, ábrelle a porta a súa irmá, María Luisa. Cando Emilia irrompe no salón, loce no seu peito unha insignia de ouro do Partido Galeguista (PG). “Regalouma o Partido porque son afiliada. Eu vería con inmensa satisfacción que todas as mulleres de Galicia a levaran, coma min, no seu peito”. De seguido, o xornalista recolle como remata Emilia esta conversa: “A maior alegría da miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”.
Emilia, a muller de “democrático carácter” -tal e como a definía un xornalista na páxina de información municipal de El Pueblo Gallego do 3 de marzo de 1933- cooperou activamente: o mesmo xornal recolle máis adiante, por exemplo, a visita que Emilia fai ao ministro de Agricultura para pedirlle que o goberno levantara o embargo a 7.000 familias labregas. Eran avalistas dun empréstito estatal concedido por Primo de Rivera para construír o primeiro matadoiro industrial cooperativo de Galicia. Un ano despois, o diario El Compostelano recolle na súa edición do 24 de xullo a intervención da Miss no Mitin das Arengas celebrado na Praza da Quintana, xunto a Castelao, Bóveda, Suárez Picallo, Paz Andrade e Lugrís Freire, entre outros. Risco, Otero Pedrayo e Cunqueiro homenaxéana en Ourense; reúnese con agrupacións galeguistas de fóra do país... A súa implicación é innegable. Fernández Prieto considera que Emilia Docet “tiña unha posición política incontestable”. Ademais salienta “o seu apoio ao Estatuto, a defensa dos cooperativistas” e conclúe que “a súa participación no galeguismo do momento foi evidente e pública”.
Dos diarios de entón non só extraemos a participación de Emilia en actos progaleguistas; nas entrevistas, nas crónicas, atopamos xestos, acenos, que a conectan a unha ideoloxía afín a esta liña política. Ao comezo daquela interviú da que falabamos antes, por exemplo, a Emilia nótaselle un tanto molesta: vén de Cataluña, agotada da viaxe. Anoxada, afirma. “Xa vin a anécdota que publicastes do meu bico a Macià. Insisto en que Maciá é un símbolo. A Galicia faille falla, moitísima falla, un home como Macià”, dille ao xornalista. Con toda probabilidade Emilia refírese a Francesc Macià, un histórico do independentismo catalán.
Foi Antonio Villar Ponte, un dos líderes do PG de preguerra, o que dixo dela nunha columna contundente en El Pueblo Gallego do 23 de maio de 1933, que era unha muller que tivo “o valor de facerse galeguista no mesmo intre no que o seu nome saíu do anonimato”. “A que lle deu á instintiva afección da orixe todo un contido ideolóxico”. E apuntaba: “Séntese tan francamente galeguista que figura inscrita no partido cumprindo cos seus deberes de afiliada incluso como cotizante”.
Era unha muller culta, intelixente, activa, excelente deportista. Un dos seus dous fillos, Francisco Novoa Docet, cóntanos que a súa nai era unha muller “tolerante, animada, alegre, que transmitía o seu optimismo a toda a familia”. E engade que sentía “unha grande confianza hacia ela”. E conclúe: “Axudoume sempre que llo pedín, en calquera circunstancia”.
Logo daquel ritmo frenético no que viviu durante o ano 1933, Emilia continuou os seus estudos: “estudou Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio de Vigo”, dinos o fillo. “Logo traballou no laboratorio Miguel Servet da cidade e en 1940 casou con Francisco Novoa Ortiz, funcionario de Obras Públicas”, concreta. Viviu en Vigo a meirande parte da súa vida. Morreu aos 80 anos, segundo Francisco, “por causas naturais”.
Emilia Docet elixiu o rumbo da súa traxectoria, como é natural. Mais é aquela muller da que falan os xornais a que forma parte da historia. Unha figura que “sen lugar a dúbidas”, como sinala o profesor Fernández Prieto, “responde ao concepto de emancipación da muller que procuraba a II República”.
En certa ocasión, os coros Rosalía de Castro fixéronlle un recibimento en Madrid a xeito de homenaxe. O xornalista, baixo o antetítulo “Unha interviú máis”, anota as palabras da Miss. “O máis interesante para min é ser Miss Galicia; isto aprécioo máis que o título de Miss España, con aprecialo moito”. Emilia colle a bandeira da organización, comeza a ondeala, e pide que os coros entoen o himno galego. Aquel galeguismo de Miss España era así.