"Aquí hai problemas de base que parece que están resoltos e non o están tanto, por exemplo en cuestións de xénero"

Luis Tosar, no filme 'Operación E' Dominio Público Praza Pública

Luís Tosar debuta como director en Cambia de Papel, un documental de Implicadas no Desenvolvemento do que é responsable xunto con María Reimóndez e a cineasta támil Kutti Revathi. Estréase este martes ás 19 horas no CGAC, en Santiago de Compostela. O filme amosa a capacidade de impacto das mudanzas individuais e detalla a actividade da ONGD galega e da súa organización compañeira en Támil Nadu (India) PDI.

A partir dun obradoiro de teatro impartido por Luís Tosar na India a un grupo de mulleres, permite que estas mulleres conten o seu relato persoal, sobre todo o desenvolvemento de pequenos proxectos de economía social e como isto modificou as súas vidas e tamén o seu entorno. A banda sonora corre a cargo do músico e compositor Piti Sanz (Los Contentos, Di Elas...) e a montaxe é un traballo do cineasta Jorge Coira (18 Comidas, El año de la garrapata...).

Como nace o proxecto? Estaba xa nas vosas cabezas a idea de facer un filme a partir da experiencia do obradoiro ou xurdiu sobre a marcha?

Foi un documental bastante espontáneo, porque xurdiu sobre a marcha. Eu levaba anos colaborando con Implicadas e despois de moitas reunións con María Reimóndez comezamos a falar da idea de eu ir visitar os proxectos que estaban alí funcionando. E a medida que se ía achegando a data pensamos que estaría ben, ademais, preparar algún tipo de actividade, e aí naceu o obradoiro de teatro que desenvolvemos con este grupo de mulleres. A partir de aí fomos engordando o plan e comezamos a pensar que podiamos gravar o taller e tamén algúns dos proxectos que xa estaban iniciados e tiñan resultados moi claros

"Cambia de papel fala de cambiar non só as túas circunstancias, senón todo o teu entorno"

Que atopaches alí?

Cambia de papel fala de cambiar non só as túas circunstancias, senón todo o teu entorno. O teatro é só unha pequena parte do documental. As protagonistas do filme son todas estas mulleres que lograron, despois de ser beneficiadas de Implicadas, desenvolver proxectos empresariais sociais. Por exemplo unha pequena empresa metalúrxica que montaron entre varias, outras montaron unha empresa de fabricación de compresas, outras teñen un pequeno proxecto téxtil... O obxectivo era que elas contasen en primeira persoa cal era a situación actual e como chegaran até alí. O formato é epistolar: como unha carta na que elas contan o que lles parece sobre as súas vidas. 

"O obxectivo era que elas contasen en primeira persoa cal era a situación actual e como chegaran até alí"

E como foi a propia organización do obradoiro?

Estas mulleres son traballadoras sociais, colaboradoras de Implicadas, e usan normalmente o teatro de rúa como instrumento didáctico e de concienciación. O teatro é basicamente un pequeno instrumento máis que elas empregan a diario no seu labor de información e de transformación laboral e social. Teñen moi pouca experiencia na interpretación, pero como instrumento é totalmente vital para elas. Impartir este obradoiro de teatro foi unha das experiencias máis chulas que eu vivín na miña vida. Ademais de reencontrarme con eses materiais cos que eu comecei a traballar e compoñer con poucas cousas, improvisar moito e crear practicamente da nada.

Tes ganas de repetir a experiencia ao outro lado da cámara?

Non o sei. Este proxecto foi diferente porque foi creándose sobre a marcha. E foi máis sinxelo que outro tipo de traballos por ser un documental e ademais tiña moita axuda tanto de María Reimóndez coma de Kutti Revathi, que tamén é escritora, editora dunha revista e unha activista dos movementos feministas. A súa participación era imprescindible para ter unha ollada támil, unha ollada india. A decisión de pasar ao outro lado da cámara irá pouco a pouco.

"Impartir este obradoiro de teatro foi unha das experiencias máis chulas que eu vivín na miña vida"

Que percorrido terá o documental?

O percorrido do documental tampouco vai ser moi convencional, porque é un tipo de traballo que case ten máis importancia externa que interna. É máis un instrumento da propia ONG, unha vía de financiamento para o desenvolvemento de proxectos e tamén unha forma de amosar o traballo que se fai. Estará en festivais, pero en festivais dirixidos a un certo tipo de público e festivais de cooperación. Por exemplo, en agosto vai estar en Colombia nunha mostra e a idea é facer algún tipo de interacción con algúns grupos de acción social que funcionan alí en Cartagena e Medellín.

O filme amosa unha realidade moi concreta, pero é exportable a outras situacións?

Ao final todos estamos no mesmo lío. Hai graos e pódese estar mellor ou peor. Pero tamén en Galicia hai problemas de base que parece que están resoltos e en realidade non o están tanto, por exemplo en cuestións de xénero. E velos fóra ás veces axuda a detectalos aquí.

Luis Tosar, no filme 'Operación E' Dominio Público Praza Pública
Campaña 'Cambia de Papel' © Implicadas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.