As críticas ao artigo homófobo obrigan o presidente dos empresarios de Sada a dimitir

Cabeceira do artigo publicado no 'Xornal Mariñán' Dominio Público Praza Pública

Bernardo Valiño -presidente da Asociación de Empresarios de Sada- e Eduardo Lorenzo -tesoureiro da entidade- presentaron este venres a súa dimisión, ante o rexeitamento xeral provocado polo artigo homófobo escrito por Lorenzo na revista Xornal Mariñán, que edita a asociación. O texto, titulado "La homosexualidad es pecado", comparaba a homosexualidade co incesto e concluía dicíndo que "unha cousa é o homosexual discreto e respectable e outra moi distinta o maricón ostentoso".

A difusión do artigo nas redes sociais levou a unha crítica rotunda en toda España e nos últimos días varios socios e socias da asociación presentaron a súa baixa ou manifestaron publicamente a súa incomodidade. O Goberno municipal de Sada reprobou oficialmente o texto e nos últimos días a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (Alas) anunciara que solicitaría a intervención da Fiscalía provincial e da Valedora do Pobo por un delito de "incitación ao odio". Así mesmo, para este domingo estaba convocada unha concentración de protesta en Sada.

Ante a polémica xerada, Bernardo Valiño mesmo saíu en defensa do artigo, cualificándoo de "valente e correcto" e negando que o uso do termo maricón puidese ser considerado ofensivo: "Maricón aparece en el dicionario", declarou a La Opinión. Hoxe, despois de comunicar a súa dimisión, admitiu ter cometido "un erro", aínda que sinalou que o artigo "xerou máis polémica da desexada", que "non pretendía ofender a ninguén" e que "era un tema de debate". 

En declaracións a La Opinión, Valiño tivo tamén palabras de crítica para o Goberno municipal de Sada e para os partidos que o conforman, Sada Maioría e BNG: "Satisfaime comprobar como dous grupos políticos de Sada partidarios de réximes totalitarios onde os dereitos humanos son pisados, estean agora na defensa desta causa. Eu teño normalizados os dereitos humanos desde sempre e non só cando convén. En calquera caso, benvidos á causa".

 

"Á altura do incesto"

No texto, o avogado Eduardo Lorenzo queixábase de que "o fenómeno da homosexualidade pasou de estar perseguido (...) a ser un fenómeno pouco menos que intocable e equiparable en dereitos a un modelo de familia tradicional". E mostra a súa frustración polo feito de que a chegada ao poder do PP en 2011 non supuxese "un cambio de tendencia lexislativa no trato cara a este fenómeno". "Probablemente, as presións do lobby gai, así como o medo á perda de apoios electorais (...) explican esta posición que algúns cualificarían de covardía e traizón", escribe.

Lorenzo acepta que na homosexualidade "existen consentimentos outorgados con plena validez por quen participan de tales actos", o que "a situaría eticamente nun plano máis elevado que o bestialismo ou a pedofilia", pero "á altura do incesto ou a poligamia", engade.

O xa ex-secretario da entidade empresarial remata o artigo reclamando o seu dereito a "falar destas cuestións" xa que "temos que aceptar un desfile anual por un coñecido barrio madrileño, pululando o grotesco, o carnavalesco, con enxendros andróxinos e estróxenos con patas -las locas de toda a vida-", concluíndo que "unha cousa é o homosexual discreto e respectable e outra moi distinta o maricón ostentoso".

Cabeceira do artigo publicado no 'Xornal Mariñán' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.