As demandas ecoloxistas aos partidos: O que os concellos poden facer polo medio ambiente

Sistema de compostaxe CC-BY-SA Adega

A organización ecoloxista ADEGA vén de publicar un documento con 50 esixencias e propostas ás candidaturas que concorren ás eleccións municipais do 26 de maio en Galicia. O obxectivo, destaca, é acadar uns concellos "máis sustentables". As propostas refírense a enerxía, a urbanismo, xestión de residuos, mudanza climática, ciclo da auga e tamén á protección de especies animais e vexetais e á conservación de espazos e patrimonio.

ADEGA sinala que "as propostas ambientais adoitan ser un fixo nos programas das distintas forzas políticas e coalicións, para atender ás demandas dunha cidadanía cada vez máis concienciada". Porén, critica que "a súa relevancia e o seu cumprimento fican moias veces nun segundo plano ou mesmo esquecidas". De igual xeito, "moitas das medidas que aparecen nos programas, de tan transversais acaban sendo tanxenciais e, xa que logo, irrelevantes", engade.

Resumo das 50 propostas:

  • Mudanza climática: Máis eficiencia enerxética, máis renovables, intermodalidade, humanización das cidades e promoción da mobilidade alternativa.
  • Auga: Aforro, reutilización, penalización do desbaldimento, depuración integral e remunicipalización dos servizos básicos de potabilización e depuración.
  • Urbanismo: Protección efectiva da paisaxe e da costa e fomento da rehabilitación sobre a nova construción e a ocupación de terras agrarias, penalizando as vivendas baleiras.
  • Residuos: Incorporar as estratexias de "residuo cero", fomentar a prevención e a redución a todos os niveis, estender a compostaxe, o porta a porta, e remunicipalizar servizos.
  • Espazos e especies: Limitar a expansión do eucalipto, as especies invasoras e os transxénicos, Veto ás touradas e aos espectáculos con animais. Máis custodia e espazos naturais recuperados e protexidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.