As denuncias por violencia machista e as ordes de protección seguen por debaixo dos niveis previos á crise

Ordes de protección e denuncias por violencia de xénero en Galicia Dominio Público Praza Pública

En 2014 incrementáronse en Galicia as denuncias presentadas por situacións de violencia de xénero, segundo as cifras que este venres fixo públicas o Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Foron 5.209 denuncias, 14 por día, algo máis que en 2013 pero lonxe das que se rexistraban en 2008, ao redor de seis mil, antes do comezo da crise económica. No conxunto de España, onde en 2014 tamén creceu lixeiramente (un 1,5%) o número de denuncias, a tendencia é aínda máis clara: o pasado ano presentáronse case 16 mil denuncias menos que en 2008, un 11% menos. En Galicia chama a atención no pasado ano o incremento das renuncias a continuar coa tramitación das denuncias: sucedeu en 451 dos casos, case o dez por cento do total.

Esa evolución tamén se ve nas cifras relativas ás ordes de protección e afastamento dos maltratadores e supostos maltratadores. En 2014 presentáronse en Galicia un total de 1.327, unha cifra que nos últimos anos permaneu estancada e que mesmo descende con respecto a 2013. O número de ordes efectivamente adoptadas tamén se reduce en Galicia, ata as 829, un 18% menos das 1.011 aprobadas en 2008. No conxunto do Estado, as ordes de protección incoadas incrementáronse levemente en 2014 despois de anos de caídas: dende o 2008 presentáron oito mil solicitudes menos, unha redución do 19%. 

O efecto da crise económica sobre o número de denuncias presentadas, sobre todo no resto de España, semella evidente. En Galicia o descenso é menor, pero en calquera caso detívose completamente o incremento sostido do número de denuncias presentadas, que se viñera rexistrando ata o 2008. Grazas, en boa medida á aprobación da Lei contra a Violencia de Xénero, o número de denuncias no conxunto do Estado pasau de 65 mil en 2005 a 142 mil en 2008. Teresa Peramato, Fiscal adscrita á Fiscal da Sala contra a Violencia da Muller, destacaba en entrevista con Praza hai uns meses que aínda que a relación entre a crise e o cambio de tendencia parecía clara, "carecemos de estudos que nos digan as causas e as características reais da violencia sobre a muller", unha necesidade que -destacaba- leva reclamando dende hai anos "para poder combatela con eficacia".

Galicia presenta unha das taxas de denuncia máis baixas de toda España, con tan só 36 denuncias por cada 10.000 habitantes, lonxe das 84 de Baleares, as 69 de Murcia, as 65 da Comunidade Valenciana e Canarias, e as 63 de Andalucía. Galicia só supera os niveis de La Rioja, con 34 denuncias, Euskadi e Extremadura, con 35 ambas as dúas.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Denuncias recibidas 5.959 6.068 5.270 5.153 4.788 5.174 5.209
Renuncias 507 452 383 331 301 366 451

Denuncias presentadas e renuncias a continuar co proceso en Galicia. Fonte: CGPJ

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Ordes incoadas 1.439 1.322 1.342 1.252 1.443 1.490 1.327
Ordes adoptadas 1.011 815 814 798 912 885 829

Ordes de protección solicitadas e aceptadas en Galicia. Fonte: CGPJ

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Denuncias 142.125 135.540 134.105 134.002 128.543 124.894 126.742
Ordes 41.420 41.083 37.908 35.816 34.556 32.831 33.167

Ordes de protección incoadas e denuncias presentadas por violencia contra a muller no conxunto de España. Fonte: CGPJ

Segundo destaca no seu informe a presidenta do Observatorio, Ángeles Carmona, o 70 por cento das denuncias foron presentadas polas propias vítimas, fronte a un 15 por cento derivado da intervención directa da policía e case un 12 por cento que traía a súa causa en parte de lesións. Durante 2014, os órganos xudiciais españoles ditaron un total de 46.313 sentenzas penais no ámbito da violencia de xénero, das que o 61,2 por cento (28.365) foron condenatorias, un incremento dun 1,2 por cento con respecto ás sentenzas condenatorias ditadas en 2013.

Carmona conclúe no seu informe que os datos de 2014 son positivos polo leve incremento das denuncias, que comeza a facer visibles moitas situacións de violencia que, doutro xeito, se seguirían producindo no ámbito privado da parella e do fogar. Insiste unha vez máis na necesidade de que as vítimas "denuncien", pero engade: "que denuncien no só as mulleres vítimas; queremos maior implicación de familiares, amigos e veciños. E queremos que ningunha muller se sinta soa no proceso xudicial. Moitas das renuncias a continuar coa tramitación da denuncia estou segura de que teñen a súa causa no desamparo, na soidade, na incomprensión dos demais". Ademais, engade que "é máis necesario que nunca insistir na resposta institucional coordinada fronte á violencia de xénero. Neste terreo a unidade de todos cantos loitamos fronte á barbarie do terrorismo machista é o mellor antídoto, porque é o que debilita máis o maltratador".

Evolución das ordes de protección e as denuncias por violencia machista en España Dominio Público Praza Pública
Ordes de protección e denuncias por violencia de xénero en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.