As doce ducias do trece

CC-BY-SA Praza Pública

O remate dun ano é unha escusa tan boa como calquera outra para frear un anaco, botar a vista atrás e repasar os acontecementos dos últimos tempos. O 2013 foi o ano de moitas cousas: da loita contra os desafiuzamentos e a prol da educación e da sanidade pública, da venda definitiva dos restos das antigas caixas, da reivindicación feminista e do inicio da contrarreforma do aborto. Estes movementos e acontecementos estiveron, xunto a moitos outros, sobre a mesa do consello de redacción de Praza Pública, que decidiu botar man dunha das especialidades da casa, as ducias, para repasar algo do máis salientable do ano. É unha escolma completa pero non tan exhaustiva como para que estea todo o que debera. Seguro que ti, que a estás a ler, tes as túas propias ducias. Se queres, compartímolas. Velaí van.

1. Espolios, roubos e calotes

As preferentes, os desafiuzamentos, a banca... non faltaron motivos durante o ano para levar a man ao peto ou poñela diante dos ollos, segundo de quen se trate. Dicía don Karl (Marx) que o estado (capitalista) non ten como fin o interese e benestar común, senón os intereses económicos dunha minoría de empresas. Adicánse ao espolio do patrimonio público sen vergonza ou como din eles "sen complexos".

2. Accións solidarias e movementos sociais

Os tempos de crise sono tamén de accións solidarias e de rebelión ante a inxustiza. As rúas e prazas do país -e de fóra del- foron mostra disto durante 2013.

3. Meteduras de zoca

Do "relaxing cup of café con leche" de Ana Botella, ao "había neve" de Núñez Feijóo, pasando polo "fin de la cita" de Mariano Rajoy ou as defensas dos asasinatos do franquismo por parte dun alcalde do PP. As meteduras de zoca en 2013 foron moitos e variados. Só puidemos elixir  unha ducia.

4. Iniciativas científicas e talentos

Malia a crise, malia a emigración, malia os paus nas rodas das leis educativas, e o descenso nos investimentos en I+D a niveis de 2005, en Galicia seguen a agromar en 2013 a innovación, as iniciativas baseadas na ciencia e o talento en todos os eidos, científicos e humanísticos Velaí unha ducia.

5. Berros e vitorias

Mobilización e éxito non son sempre palabras vencelladas. Pero Galicia contemplou en 2013 como a loita e a presión social adoitan traer consigo resultados, máis ou menos efectivos. A paralización de desafiuzamentos ou de proxectos mineiros son só dous exemplos de vitorias de entre moitos berros, algúns aínda pendentes de triunfo.

6. Dereitos perdidos ou mutilados

A crise económica e os sucesivos recortes (de salario, de prestacións...) están sendo acompañados nos últimos anos por outros recortes, de dereitos individuais ou colectivos que foran conquistados e asentados durante décadas e que, en moitos casos, pensamos que estaban totalmente asegurados e garantidos. Viuse que non. Haberá que pelexar para recuperalos.

7. Palabras que estiveron de moda

Cada ano hai unha serie de palabras que se fan inesperadamente populares. Ás veces son anglicismos, neoloxismos ligados a avances científicos ou técnicos ou xerados por algún fenómeno da cultura popular. Pero tamén palabras de toda a vida recuperadas ou postas de actualidade. Neste 2013 tivemos de todo. Cales serán as do 2014?

8. Paraísos

Galicia está chea de paraísos. Cada un e unha de nós temos o noso, no mar ou na montaña, lugares para se perder e dos que presumir, algúns descoñecidos para case todos e outros mellor promocionados. Cal é o teu?

9. Viláns

Son moitos os persoeiros ou colectivos que poden recibir o cualificativo de viláns por parte dunha maioría social. O ano 2013 que agora acaba estivo cheo de decisións ou polémicas que provocaron as queixas de boa parte da sociedade. Velaí van doce, pero podían ser moitos máis.

10. Webs, apps e iniciativas tecnolóxicas

A Galicia que vén será 3.0, colaborativa, en rede, conectada, dixital. As periferias, se é que existen, son xeográficas, pero en Internet, e no mundo das TIC Galicia leva anos navegando á par que os países máis avanzados. Son moitos os exemplos de páxinas, de aplicacións e de iniciativas que demostran a boa saúde do galego e das empresas e comunidades do país nos entornos dixitais.

11. Heroes e Heroínas

Non levan disfrace e, as máis das veces, tampouco traxe e gravata para daren discursos grandilocuentes. Teñen moito mérito pero son humildes e adoitan fuxir dos focos. Ao longo do 2013 atopamos diversos exemplos de persoas cuxos actos cotiáns ben poderían ser considerados como heroicos.

12. Novas do ano

Un ano dá para moito e un ano de crise e convulsión, máis. Nos últimos doce meses pasaron moitas cousas no país e fóra del. Estas son doce das máis destacadas, pero seguro que non as únicas. Cal é a túa?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.