As familias do rural mobilízanse contra os recortes na educación: "Non somos un rabaño"

Imaxe da protesta en Carballeda de Avia CC-BY ANPA “O Carballo”

O rural mobilízase contra os recortes no ensino. A ANPA co Colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia, en Ourense, denuncia a intención da Consellería de Cultura e Educación de “reducir á metade o cadro  de profesores que actualmente imparten clase”. Por esa razón, este mércores convocaron unha protesta ao que acudiron varios centos de persoas, incluídos pais, alumnos e veciños, que protestan contra o que denominan “un recorte en toda regra” e que está a afectar “especialmente a varios centros da provincia”.

Cativos, nais e pais secundaron a mobilización disfrazados “de ovellas, lobos e xestores da Consellería” para denunciar que os nenos do CEIP Pena Corneira “non son un rabaño á orde das políticas de recorte que está a acometer a Xunta de Galicia na educación pública”. A ANPA do centro denuncia que un inspector de Educación visitou o xoves pasado o centro, comunicando que “dos sete profesores que actualmente dan clase no eliminaranse tres”, algo que, segundo a asociación, deixará tan só catro mestres para os 50 nenos matriculados no vindeiro curso.  Unha medida que, tal e como critican, “repercutirá negativamente na calidade da ensinanza impartida ós alumnos desta zona e podería levar, no futuro, ao peche do centro”.

"Non somos un rabaño á orde das políticas de recorte da Xunta de Galicia"

A ANPA reclama “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” e sospeitan que a política de recortes traerá “situacións semellantes de redución de profesorado en máis colexios rurais da comarca do Ribeiro e de todo Ourense para o vindeiro curso escolar”. Así, animan a pais e nais doutros centros da provincia a informarse sobre a situación e protestar.

Imaxe da protesta en Carballeda de Avia CC-BY ANPA “O Carballo”
Imaxe da protesta en Carballeda de Avia CC-BY ANPA “O Carballo”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.