As familias dos catro guerrilleiros desenterrados en Val do Dubra recibirán os seus restos o 28 de xullo

Traballos da ARMH en Paramos, no Val do Dubra © ARMH

O 24 de outubro de 2016 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recuperou nunha fosa común situado no adro da igrexa parroquial de Paramos (Val do Dubra) os corpos de catro persoas: José María Castelo Mosquera, Manuel Pena Camino, Vicente Peña Tarrasa e Manuela Teiga, un grupo de guerrilleiros que foron asasinados pola Garda Civil en 1949.

O vindeiro 28 de xullo a entidade completará o proceso entregándolles os seus restos ás súas familias, nun acto solemne que terá lugar no Auditorio de Bembibre (Val do Dubra). Na cerimonia participarán os alcaldes de Val do Dubra e Negreira, membros da ARMH, poetas, veciños músicos e familiares. Xa no momento da recuperación dos cadáveres Alejandro Rodríguez, historiador da ARMH, destacaba que a entrega dos restos ás familias constituía "o verdadeiro obxectivo final".

Entre os montes de León e Galicia existían organizados en guerrillas uns 20.000 homes e mulleres a finais da Guerra Civil. A finais do ano 1948 a presión sobre a guerrilla obrigou a buscar refuxio no lugar de Zas (concello de Negreira) aos membros do Destacamento “Manolo Bello” pertencente á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, formado por José María Castelo Mosquera -xefe do Destacamento- Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camino, Manuel Ramiro Souto e Carmen Temprano Salorio. O 5 de marzo de 1949, ao mencer, as forzas da Garda Civil rodearon a casa na que se ocultaban, iniciándose un combate no que caeu ferida de morte Camen Temprano Salorio.

Ese mesmo días, ás tres da tarde, no quilómetro 23 da estrada de Portomouro a Santa Comba os catro superviventes foron cercados de novo e tivo lugar un novo enfrontamento, no que foron abatidos todos os membros do destacamento xunto coa sobriña da dona da casa de Zas, Manuela Teiga. Manuel Ramiro Souto foi o único que logrou fuxir, morrendo no ano 1952 durante un novo enfrontamento doas forzas da Garda Civil en Mesía. A represión desatada sobre os enlaces da guerrilla levou á cadea a numerosas persoas dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra e tamén se produciu a desaparición de Erundino Vieto Baña, da parroquia de Lañas (A Baña), que axudara os membros da guerrilla.

Os catro cadáveres foron levados ao adro da igrexa parroquial de Paramos e enterrados en caixas de madeira, algo pouco común na represión franquista. Moitas décadas despois os testemuños dos veciños axudaron a atopalos. "O paso do tempo marcou as vítimas e é inquebrantable; case non hai xa testemuñas directas, pero as poucas que quedan seguen a conservar esa memoria", salienta Alejandro Rodríguez.

A ARMH recuperou 53 cadáveres en Galicia dende o ano 2000

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica localizou dende o ano 2000 os restos de máis de 1.400 vítimas do franquismo en todo o Estado Español. O seu traballo en Galicia suma 18 fosas localizadas e un total de 53 corpos recuperados. 

 

Traballos da ARMH en Paramos, no Val do Dubra © ARMH
Igrexa de Paramos, onde están enterrados os guerrilleiros CC-BY-SA Xosé Antonio
José María Castelo e Erundino Vieito © ARMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.