As folgas mantiveron en 2015 o seu nivel máis baixo dende o inicio da crise

Mobilización pola folga sanitaria en Vigo © Celadores del Xeral

A conflitividade laboral en Galicia mantívose ao longo do pasado ano no seu nivel máis baixo dende o inicio da crise. Segundo cifras da CEOE, en 2015 convocáronse 34 folgas na nosa comunidade, moi por debaixo das 57 de 2014 e as 71 de 2013. O número de traballadores/as participantes e horas afectadas mantívose estable (3.601 fronte ás 3.734 de 2014), pero en todo caso moi por debaixo das cifras de hai dous anos (25.642). Tamén foi case idéntico o número de horas de traballo afectadas (193.232 fronte a 192.596), mentres que en 2013 foron 507.968.

Os datos a nivel estatal ofrecen unha imaxe máis fiel, ao incluír tamén os paros de ámbito superior ao autonómico. Foron 933 as folgas convocadas, a cifra máis baixa dende o ano 2007. Participaron 255.765 traballadores e traballadoras, moito menos da metade dos que fixeron folga en 2011 ou 2013, e por suposto moi lonxe dos números de 2010 e 2012, anos nos que tiveron lugar folgas xerais. O número de horas de traballo perdidas si creceu lixeiramente o pasado ano (9,4 millóns fronte aos 9,2 de 2014), mentres que en 2013 foron 15,5 millóns. 2008 e 2009 foron os anos cunha maior actividade folguista.

Pódese falar dunha redución da mobilización social en Galicia e España? Estamos asistindo a un enfriamento da rúa, en beneficio doutro tipo de activismo ou dun activismo máis focalizado na loita electoral? O Ministerio do Interior ofrece todos os anos datos sobre o número de manifestacións realizadas. Entre o ano 2011 e o 2013, cando se estaban a vivir os efectos máis duros da crise económica, recortes e desafiuzamentos, xusto despois do nacemento do movemento de indignación, o número de convocatorias disparouse, pasando en Galicia de 1.460 (2011), a 3.371 (2012) e 4.674 (2013). De igual xeito, no conxunto do Estado, o número de manifestacións duplicouse entre 2011 (21.297) e 2012 (44.233), manténdose en 2013 (43.170).

As cifras de 2014 amosan o primeiro descenso significativo, tanto en Galicia coma no resto de España. Haberá que agardar ás de 2015 para confirmar con números a impresión xeralizada de que nos últimos dous anos descendeu notablemente a intensidade e frecuencia das mobilizacións na rúa. Os datos de 2014 son, en todo caso, moi superiores aos dos anos previos ao 2011.

A estatística do Ministerio ofrece información segmentada en función dos promotores das manifestacións, aínda que os datos por comunidades só se poden consultar a partir do ano 2012. Vemos como asociacións cidadás e sindicatos son os responsables da inmensa maioría das convocatorias realizadas en Galicia, cun bo número de manifestacións levadas a cabo por traballadores/as e comités de empresa sen unha adscrición sindical concreta. Nas cifras podemos ver tamén como entre o ano 2012 e 2014 reducíronse moito as manifestacións convocadas por organizacións estudantís (de 55 a 23), forzas políticas (de 182 a 124), grupos independentistas (de 40 a 12) e asociacións ecoloxistas (de 27 a 21)

 

Mobilización pola folga sanitaria en Vigo © Celadores del Xeral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.