"As instrucións da Consellería para os centros de infantil converten a promoción do galego en papel mollado"

Valentina Formoso, coordinadora da Cgendl Dominio Público Praza Pública

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) dos centros de ensino non universitario reclama "un maior compromiso" da Consellería de Educación coa promoción do galego no ensino infantil, logo de que a administración autonómica enviase instrucións aos centros de ensino "para, supostamente, adaptar o Decreto do Plurilingüismo ás sentenzas do TSXG, que invalidou a enquisa ás familias neste nivel educativo". A consulta aos pais e nais non será vinculante á hora de fixar a lingua na que se imparta o ensino infantil en Galicia, como determinou de forma clara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas súas sentencias. Porén, segundo a Xunta, a consulta "constituirá un dato moi importante" para que os centros tomen esta decisión sobre a lingua inicial de ensino, canda a outros factores, coma o ámbito sociolingüístico e a garantía de equilibrio de ensino.

A CGENDL afirma que "o alumnado sabe menos galego agora ca hai tres anos"

A CGENDL esíxelle á Consellería de Educación e á Secretaría Xeral de Promoción Lingüística "que faga unha análise da situación da lingua nos centros de ensino para verificar a competencia real do alumnado en lingua galega", pois a aplicación do Decreto do Plurilingüismo ten como resultado un precario coñecemento do galego na primeira promoción de nenos e nenas que veñen de rematar Ensino Infantil baixo esta norma. A CGENDL afirma que "o alumnado sabe menos galego agora ca hai tres anos, xa que a primeira promoción que saíu da aplicación do novo Decreto do Plurilingüismo na etapa infantil non recibiu formación na lingua propia de Galicia".

A Coordinadora cre que as medidas adoptadas pola Consellaría para adaptarse á legalidade "non van pasar dun lavado de cara do citado decreto"

A Coordinadora cre que as medidas adoptadas pola Consellaría para adaptarse á legalidade "non van pasar dun lavado de cara do citado decreto", xa que Educación "non mostra unha verdadeira sensibilización coa promoción do galego no ensino". E lembra que despois de que se publicasen as reiteradas sentenzas que declararon ilegal a enquisa ás familias en Educación Infantil, "centros das provincias da Coruña e de Ourense recibiron circulares que os instaban a seguir efectuando esta consulta".

O colectivo de docentes teme que "unha vez máis" estas instrucións da Consellería se convirtan en papel mollado, xa que os proxectos lingüísticos de centro deben contar, para seren efectivos, con recursos suficientes e proxectos de formación, ademais dunha rigorosa avaliación das competencias do alumnado, sobre todo no plano oral. "Se a Consellería se implicase realmente na promoción do galego debería adoptar medidas pedagóxicas de reforzo positivo para a lingua propia de Galicia, como as liñas de galego, que funcionaron con grande éxito até que este goberno as eliminou, e outras medidas que leven a unha dignificación do idioma a través da eliminación de prexuízos", din.

"Os proxectos lingüísticos de centro deben contar, para seren efectivos, con recursos suficientes e proxectos de formación"

No tocante ao outro artigo eliminado polo TSXG, referido á lingua que pode empregar o alumnado nas materias non lingüísticas, desde a CGENDL pídese que se dean "instrucións claras e precisas" de como conseguir que o alumnado adquira competencias en lingua galega sen os condicionantes do tipo "respecto ás circunstancias persoais" e "con caracter xeral" indicados pola Consellería.

Valentina Formoso, coordinadora da Cgendl Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.