As loitas galegas polo Primeiro de Maio

Manifestación polas rúas de Vigo CC-BY-SA CIG

Galicia afronta outro Primeiro de Maio con variadas e diversas manifestacións sindicais. Nunha nova reivindicación da clase obreira marcada pola crise, os recortes e a precariedade, pero tamén polas vindeiras eleccións europeas, os catro principais sindicatos do país (CCOO, UGT, CIG e CUT) sairán á rúa en distintas marchas nas principais vilas e cidades de Galicia o próximo xoves.

A menos dunha semana, CCOO e UGT de Galicia xa chamaron a cidadanía galega a dar unha resposta "masiva" contra os recortes nunha comparecencia conxuta dos dous secretarios xerais dos sindicatos no país, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, que insistiron na crítica ás políticas de austeridade impostas pola troika e que, segundo eles, tan só provocaron "paro, desigualdade, pobreza e recorte nos dereitos sociais e laborais". Por iso, reclaman "un cambio de dirección" que permita unha saída da crise "real, xusta e digna".

CCOO e UGT piden unha resposta "masiva" contra os recortes e por "un cambio de dirección" nas políticas

Baixo o lema Sen emprego de calidade non hai recuperación, os dous sindicatos estatais convocan nove marchas nas que reivindican "traballos dignos, máis cohesión social e máis democracia". Ademais, lembran o difícil que é falar de superación de crise ningunha cando a taxa de paro en Galicia sitúase no 22%, cando se perderon case 42.000 empregos e 30.000 activos nun só ano ou cando os que traballan "fano en peores condicións". Aumentou a contratación a tempo parcial e reducíronse os contratos indefinidos a xornada completa, unha situación que "está a prexudicar sobre todo as mulleres". "Menos emprego, máis precario e tamén menos protección social: case 130.000 galegos e galegas carecen de cobertura", recordaron os dous líderes sindicais, que aseguraron que as propostas da patronal "dan noxo" e que pediron tamén unha "participación masiva" nos vindeiros comicios europeos.

Sánchez Aguión e Gómez piden tamén unha participación masiva nas eleccións europeas para "non lle facer o xogo" aos que fan as políticas contra os traballadores

"Absterse é facerlle o xogo aos que están a facer estas políticas", aseguraron os secretarios xerais, que pediron o voto para aquelas formacións que defendan as causas sindicais e que pediron que "os cidadáns non queden na casa".

Preguntados pola falta de unidade de acción e polo feito de que non haxa unha manifestación conxunta coa CIG, Sánchez Aguión asegurou: "Iimos dicilo correctamente, a CIG non vén con nós, e iso non é porque non quixeramos ou non o intentásemos ata o último momento". A continuación, defendeu a "unión, agora máis ca nunca" dos sindicatos de clase, aínda que representen "sensibilidades distintas", xa que "coincídese no fundamental". Aínda así, amosou "respecto" por unha decisión da central nacionalista que "non se comparte". "Dicimos alto e claro que por nós non queda", concluíu.

 

A CIG pide "facerlle fronte á UE"

Pero a CIG manifestarase en solitario. E farao tamén claramente marcada polo contexto europeo e baixo o lema Contra a explotación e a pobreza, fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía. Neste caso, serán once as marchas que percorrerán Galicia. Nelas, a central nacionalista pretende "denunciar a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos", ao igual que a "masiva emigración da mocidade" provocada polas políticas "promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta e o Goberno español". "Debemos organizarnos contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático", di o sindicato, que lembra que medio millón de persoas están baixo o limiar de pobreza en Galicia ou que cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.

"Debemos organizarnos contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo más xusto, solidario e democrático", di a CIG

Ante esta situación, a "conversión do ensino, a saúde, a asistencia social ou as pensións nun negocio para o capital privado", unha política fiscal "inxusta" ou as "contrarreformas laborais", a CIG aposta pola "loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista".

Pola súa banda, a CUT convoca catro marchas en Galicia  para saír á rúa "sumando forzas na unión do sindicalismo alternativo, de clase e combativo" e ás que se unen nalgúns casos outras centrais sindicais que xa colaboraron con este sindicato nas Marchas Galegas da Dignidade. A central aposta pola "non resignación" das clases populares e critica "a farsa das corporacións sindicais que deron vida ós Pactos da Moncloa" baixo o lema Unir as loitas, pola dignidade!

A CUT reclama "asumir o espírito do 22M" para que o sindicalismo "alternativo" deseñe "a súa propia estratexia de loita obreira"

Precisamente, a CUT é un dos sindicatos asinantes dun manifesto polo Primeiro de Maio no que se reclama a nivel estatal "asumir o espírito do 22M". "O éxito das Marchas da Dignidade que confluíron en Madrid o pasado 22 de marzo amosou que a clase traballadora e as clases populares están dispostas a tomar a rúa", di o texto, no que se aposta por que "o sindicalismo de clase e alternativo deseñe a súa propia estratexia de loita obreira e acción sindical".

"Nesta conxuntura histórica excepcional imponse a vertebración dunha ampla fronte obreira e popular que posibilite que amplos sectores da clase traballadora, agora desencantados e decepcionados pola traizón sindical e polo réxime nacido coa Reforma Política, volvan acreditar na nosa capacidade para enfrontar e frear as políticas dos gobernos da Troika", asegura "en síntese" un manifesto que é asinado polo SAT; ESK, Intersindical Valenciana, IAC, FSOC, Confederación Intersindical, Sindicato Ferroviario e a CUT de Aragón.

 

>> Consulte aquí horarios e lugares das manifestacións:

Manifestacións polo Primeiro de Maio
  CCOO-UGT CIG CUT
Vigo Cruce Vía Norte/Urzáiz 11.30 h Doblada 11.30 h Praza Fernando O Católico 11h
A Coruña Praza da Palloza 12 h Praza de Vigo 12 h Praza Pontevedra 12.30 h
Ourense Pavillón dos Remedios 11.30 h Pavillón dos Remedios 12 h  
Compostela Alameda 12 h 12.30 Praza Roxa Porta do Camiño 12.30 h
Lugo Ronda da Muralla 12.30 h Ronda da Muralla 12 h  
Pontevedra Praza da Peregrina 12  h Praza da Ferrería 12 h  
Ferrol Praza do Inferniño 12 h Local CIG 12.30 h  
Vilagarcía Praza da Ravella 12 h Casa do Mar 12 h  
Cangas   Praza do Concello 19  h Alameda 17.30 h
A Estrada   Praza do Mercado 12 h  
Viveiro Casa Sindical 12 h    
Cervo   Fábrica Sargadelos 12.30 h  
Ribeira   Praza do Peixe 12  h  

 

Sánchez Aguión (CCOO) e Gómez (UGT), na presentación do 1º de Maio © CCOO-Galicia
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.