"As Marchas da Dignidade non son unha manifestación máis, é un movemento subvertivo"

Xuntanza en Compostela para as Marchas da Dignidade CC-BY 22M

"Isto non é unha manifestación máis nin unha excursión a Madrid; é un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo que pretende aglutinar todo o mundo do ámbito social, cultural, político ou sindical antisistema". Manolo Caamaño, secretario xeral da CUT, resume así as intencións das Marchas da Dignidade que desde varios puntos do Estado confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español".

"É un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo para aglutinar todo o movemento antisistema"

En Galicia, os sindicatos "alternativos" -tal e como se definen- CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, SLG e STEG acordaron pór en marcha a Plataforma Galega de apoio a esta iniciativa para organizar as protestas que sairán desde o país e que se unirán á protesta. Así, o pasado martes celebraron unha xuntanza organizativa en convocatoria aberta á que chamaron a todos os colectivos sociais, políticos, veciñais ou sindicais interesados nas Marchas. A Compostela acudiron cidadáns dunha morea de comarcas e tamén representantes de Anova, Esquerda Unida, FPG ou o Frente Cívico, así como de organizacións estudantís, plataformas de desfiuzamentos ou da Plataforma Galega de Artes Escénicas.

Anova, EU, FPG e o Frente Cívico uníronse á Plataforma Galega de apoio ás Marchas da Dignidade

Son, e á espera dos colectivos que se seguen unindo á proposta, os que forman parte dunha Plataforma Galega que se une ás Marchas da Dignidade que "están a aglutinar a maioría do movemento sindical alternativo, as organizacións políticas anticapitalistas e os movementos sociais ao longo do Estado español". Entre os convocantes, Izquierda Anticapitalista, Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M, o SAT andaluz, as CUP ou Endavant. "Aquí ábrese unha liña divisoria entre os que apostamos por derrubar o estado das cousas e os que non; hai que pasar á acción e deixarse de discursos. Todos estamos en contra de moitas cousas pero non facemos nada", reflexiona Caamaño, presente na xuntanza do pasado martes na Gentalha do Pichel e que lembra que entre os que apoian a protesta en Madrid atópanse "o 98% dos sindicatos alternativos do Estado,  ben sexan do ámbito das nacións oprimidas ben a nivel estatal como CGT, CNT ou Solidaridad Obrera".

Caamaño agarda que nos vindeiros días se engadan aínda máis colectivos e sindicatos e que "todos reflexionemos", xa que, segundo advirte, a plataforma e as marchas "son abertas e desde a base". Polo momento, e como primeira acción, os impulsores das Marchas desde Galicia convocan xa manifestacións para o vindeiro 26 de febreiro ás 20 horas nas sete cidades galegas e en Vilagarcía co obxectivo de "encher de contido" unha protesta na que animan a participar a "todos os galegos". Serán un día antes das mobilizacións convocadas pola Alianza Social Galega para o 27F tamén nas principais urbes galegas.

"Aquí ábrese unha liña divisoria entre os que apostamos por derrubar o estado das cousas e os que non; hai que pasar á acción e deixarse de discursos"

Serán as manifestacións unha chamada á participación de Galicia nas Marchas e un berro contra as políticas dos gobernos do PP e da troika. Ademais, o 1 de marzo en Vigo ás 18 horas levarase a cabo outro acto de presentación nos Capuchinos no que intervirá Diego Cañamero, secretario xeral do SAT.

Por outra banda, a plataforma decidiu elaborar un manifesto galego e propio que complemente ao manifesto xeral asumido por todos os convocantes das Marchas de Dignidade do Estado e que polo momento tan só é un borrador.

Xuntanza en Compostela para as Marchas da Dignidade CC-BY 22M
Cartel das Marchas da Dignidade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.