As Marchas da Dignidade xa teñen ruta cara á Madrid

Xuntanza en Compostela para as Marchas da Dignidade CC-BY 22M

A menos dun mes da data elixida para confluír en Madrid, o 22 de marzo, as distintas columnas das Marchas da Dignidade xa teñen perfilado o mapa das rutas que seguirán os que levarán a cabo esta acción, moitos deles a pé durante centos de quilómetros, co obxectivo de mostrar "o rexeitamento da maioría social" á situación que vive o Estado e ás políticas do Goberno.

As distintas columnas teñen xa preparado o mapa das rutas desde as distintas autonomías

A trintena de colectivos presentes na última reunión de organización das Marchas da Dignidade a nivel estatal -celebrada en Murcia a pasada semana- debuxaron os itinerarios das columnas de camiñantes que sairán cara a Madrid desde as distintas autonomías, aos que se unirán xa na capital madrileña o 22 de marzo os que acudan directamente en coche, autobuses e tren para participar na manifestación que terá lugar ese día.

No caso de Galicia, a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade continúa a traballar e organiza xa a viaxe en tren e outros medios de transporte desde diversos puntos do país. No entanto, a Columna Galega #marchaamadrid, que organizara unha marcha a pé desde Compostela, decicidiu desvincularse do devandito colectivo, polo que pasa a denominarse Columna Galicia-Bierzo-Laciana e sairá o vindeiro día 1 de marzo desde Vilafranca para xuntarse logo con máis manifestantes de Castela e León.

A Columna Galega desvincúlase da plataforma dos sindicatos alternativos galegos, á que acusan de "falta de apoio"

Os responsables desta iniciativa quéixanse da "falta de apoio" e a "indiferenza" amosada pola plataforma que reúne a CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, SLG e STEG e que foi apoiada pola FPG, EU, Anova, Fronte Cívica e plataformas sociais ou culturais, como Stop Desafiuzamentes ou a Marcha das Mulleres. O colectivo convocou xa manifestacións de apoio ás Marchas para o vindeiro mércores 26 en Vigo, A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Vilagarcía e Pontevedra. 

Por outra banda, no resto do Estado, e segundo confirman fontes da organización, entre os días 9 e 16 de marzo terán lugar as saídas das distintas columnas de camiñantes, segundo a súa proximidade a Madrid e os quilómetros que percorrerán a pé. Desde Murcia, a marcha sairá o 9 de marzo, do mesmo xeito que desde a Comunitat Valenciana, confluíndo ambas as dúas no seu camiño días despois xa en terras de Castilla-La Mancha, onde se lle unirán activistas desta comunidade até a súa chegada a Madrid.

Desde Estremadura, a organización da columna de camiñantes ten prevista a súa saída o día 10 de marzo desde Mérida como saída simbólica ao ser esta a cidade sede do Campamento Dignidade durante máis dun ano. Posteriormente, o seu itinerario cruzarase co dos activistas de Talavera de la Reina (Toledo).

Pola súa banda, a columna de Andalucía realizará un acto unitario o 15 de marzo en Córdoba e, ao día seguinte, iniciará o seu camiño en Santa Elena (Jaén) para percorrer o itinerario até chegar a Madrid en sete etapas. Desde Catalunya, un grupo de activistas tamén realizarán o percorrido a pé até a capital.

Columnas de todos os territorios do Estado confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo

Xunto a eles, o resto de participantes na manifestación das Marchas da Dignidade chegarán en coche, autobuses ou tren a Madrid o mesmo día 22 de marzo. Alí uniranse os integrantes de Galicia e os de Euskadi, que non realizarán o camiño a pé pero uniranse en Burgos con activistas castelán-leoneses para axuntar posicións de cara á súa chegada a Madrid.

E desde a Comunidad de Madrid, o seu labor previo como anfitrioa será a de coordinar o seis zonas de chegada das distintas columnas o penúltimo día das marchas, en municipios distantes da capital uns 20 quilómetros, co fin de descansar e axuntar posicións de cara á etapa con final en Madrid e manifestación polas súas rúas.

 

Manifestación en Madrid e reflexo nas comunidades

No resto de territorios, como Canarias, realizaranse "accións espello" durante as mesmas datas para reflectir o seu apoio ás reivindicacións das Marchas da Dignidade. E mesmo, expúxose que desde a fronteira española en Irún (Gipuzkoa), se inicie unha marcha simbólica do apoio internacional que recibiron as marchas.

Desde a organización sinalan que non se trata de facer columnas masivas de xente a pé, senón de soster un grupo desde cada territorio que conflúa en Madrid e alí, xa si masivamente, "unirse a persoas de todo o país", segundo explican as fontes consultadas, que fan un chamamento aberto para participar nesta acción e "mostrar a fortaleza e o poder da sociedade".

O punto de encontro final será a concentración que terá lugar en Madrid o 22 de marzo que sairá desde Atocha ás 17 horas, onde se establecerá a cabeceira da manifestación que sairá cara á Praza de Colón, onde terá lugar un acto final coa lectura dun manifesto coas reivindicacións das Marchas da Dignidade.

"A concentración en Madrid non será o fin senón o inicio dunha acción sostida", advirten os convocantes

Pero, como desde o principio da organización destas marchas mantívose, "a concentración en Madrid non será o fin senón o inicio dunha acción sostida" que os activistas pretenden realizar nos días posteriores ao 22 de marzo na capital madrileña e co seu reflexo nas distintas comunidades autónomas. Así o aseguraron tamén os convocantes en Galicia, que advirten que "isto non é unha manifestación máis nin unha excursión a Madrid; é un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo que pretende aglutinar todo o mundo do ámbito social, cultural, político ou sindical antisistema".

Cómpre lembrar que entre a trintena de colectivos integrantes das Marchas da Dignidade no Estado atópanse Fronte Cívica, o Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT), Ecoloxistas en Acción, CNT, USTEA, o colectivo de Yayoflautas, CXT, Unión Cívica pola III República, Intersindical Valenciana, Stop Desafiuzamentos, Mesas de Converxencia, Plataforma pola Renda Básica, Rede Solidaria Antirepresiva, PCE, Mocidades Comunistas, Asembleas contra o Paro, Solidariedade Obreira, Comisións de Base (COBAS) e Esquerda Unida, entre outros. Tamén a apoian Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M as CUP ou Endavant.

Mapa das diferentes rutas das Marchas da Dignidade Dominio Público Praza Pública
Cartel das Marchas da Dignidade Dominio Público Praza Pública
Xuntanza en Compostela para as Marchas da Dignidade CC-BY 22M

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.