En febreiro do pasado ano unha nova de prensa denunciou o estado de abandono no que se atopaban as tumbas de Maruxa e Coralia Fandiño, As Marías, no cemiterio de Boisaca. Represaliadas en vida pola militancia anarquista da súa familia, ignoradas, ocultadas ou esquecidas as razóns do seu sufrimento e do seu illamento, foron convertida nunha anécdota, nun elemento folclórico, símbolo dunha cidade que en realidade non as coñecía. Finadas a comezo dos oitenta, pouco a pouco esta situación foi reparándose. Unha moi fotografiada escultura na Alameda, actos de homenaxe, libros e documentais, serviron para que a súa memoria seguise presente, e para que pouco a pouco fose coñecemento a súa verdadeira historia, que aínda necesita dunha maior difusión e recoñecemento. Hai dous anos Lila de Lilith e As dúas organizaron unha mulleranaxe, unha homenaxe a dúas mulleres que "tiveron que vivir nos seus corpos a represión" polo seu "compromiso ideolóxico indubidable" e o da súa familia.
A pesar destes pequenos avances, e de seren un dos símbolos de Compostela, a tumba destas dúas mulleres estaba totalmente abandonada. O Ateneo de Santiago iniciou o pasado ano unha campaña de procura de apoios económicos para colocar unha nova lápida en Boisaca, que ademais fose testemuña do compromiso político e da vida que levaron Maruxa e Coralia. Contaron dende un comezo co apoio da Asociación Cultural O Galo e doutras entidades da cidade. Ano e medio despois, por fin este mércores inaugurarase oficialmente esta lápida, nun acto cívico que se celebrará no cemiterio a partir das seis da tarde. Intervirán o Presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, Mercedes Espiño da A.C. O Galo, Luis Pasín, Encarna Otero, Xosé Luis Bernal e Manuel Fandiño Pampín, familiar das irmás Fandiño. Ademais, o xornalista Nacho Mirás, que deu a voz de alarma sobre o estado das tumbas, acompañará o acto tocando a gaita.
Xosé Ramón Pousa, que dende o Ateneo foi un dos impulsores do proceso que se pechará este mércores, salienta as dificultades que atoparon para acadar o obxectivo: "Houbo moitas dificultades, porque estaban en dúas tumbas, e ademais non había uns propietarios claro deses nichos. Houbo que atopar un herdeiro, que se implicou activamente no proceso, e superar un proceso burocrático complexo".
Xosé Ramón Pousa: "A cidade débelles moitas cousas"
Pousa destaca que "o obxectivo é reivindicar un pouco a figura histórica destas mulleres, que formaban parte da paisaxe humana de Santiago e que foron moi maltratadas pola sociedade compostelá, que aínda que as converteu nun símbolo da cidade, en realidade descoñecía a súa historia. Unha familia represaliada polo franquismo polo seu activismo anarquista". "Nos últimos anos foise coñecendo algo máis a súa historia, pero aínda non é suficientemente coñecida. Débenselles moitas cousas na cidade", conclúe. Por este motivo, o Ateneo chama á cidadanía de Compostela a participar na homenaxe, que se implique "nesta iniciativa para dignificar as súas tumbas", con "afecto e rebeldía", como se pode ler inscrito no mármore.
Será unha boa oportunidade para recoñecer a Maruxa e a Coralia Fandiño como merecen, para lembrar como "o acoso dos falanxistas, a represión, a marxinación e a fame se cebaron nelas", como destacou Luz Fandiño na homenaxe realizada hai dous anos, e tamén para poñer en valor como durante as longas décadas de ditadura a súa liberdade foi "a cor naquela cidade tan gris".
As Marías, mulleres de luz inmensa na Compostela gris, por Encarna Otero no Album de mulleres