As monxas de Zas proceden dunha estrita orde fundada por un xesuíta "ultraconservador"

Integrantes da Fraternidad Reparadora, nunha procesión © Divinas Vocaciones (blog)

Con elas chegou o escándalo. O que durante anos foi a habitual catequese á que diversas familias católicas do Concello de Zas enviaban os seus fillos e fillas tornou en polémica ao inserírense dúas relixiosas na vida habitual da parroquia. Como relatou Praza Pública, os pais e nais detectaron ensinanzas "extremistas", eloxios da "dor" e da enfermidade como "castigo de Xesús", ou prácticas como mostrar "un vídeo da realización dun aborto" nunha das xuntanzas. Fartos destes sucesos as familias decidiron retirar os nenos destas sesións e ensinarlles o Catecismo pola súa conta. Mentres, os responsables da parroquia mantéñense na defensa das monxas, pertencentes á Fraternidad Reparadora en el Corazón de Cristo Sacerdote, unha estrita orde relixiosa que non é a primeira vez que sementa receos e fortes polémicas coas súas prácticas.

O fundador da orde estivo enfrontado ao sector máis aperturista da Igrexa española durante a Transición

A peregrinaxe por diferentes parroquias para realizaren diversos labores nelas é unha dos habituais xeitos de proceder desta orde, fundada en 1977 polo xesuíta Luis María Mendizábal. Segundo recolle un artigo difundido por Redes Cristianas -plataforma de colectivos cristiáns progresistas, entre os que se atopa a asociación galega Irimia-, Mendizábal é un dos representantes do sector máis "marcadamente conservador" dos xesuítas. A día de hoxe octoxenario, durante a Transición protagonizou duros enfrontamentos cos sectores máis aperturistas da Igrexa española, como o cardeal Tarancón ou o tamén xesuíta Pedro Arrupe. Na actualidade goza de prestixio na Conferencia Episcopal -foi director de exercicios espirituais dos bispos españois, sinala Redes Cristianas- e, por exemplo, exerceu especial influencia para lograr que os xesuítas vascos pasen a formar parte da "provincia de España", apunta nunha reportaxe o diario Gara.

Dende o seu feudo de Toledo Mendizábal impulsou a devandita Fraternidad Reparadora, cuxa sede se atopa na vila toledana de Oropesa. Atendendo ao explicado por Redes Cristianas, pero tamén ao recollido por publicacións diversas, tanto especializadas como de prensa xeralista -incluídos diarios como El Mundo ou ABC-. As integrantes desta orde acceden a ela tras un noviciado de catro anos, que comeza a unha idade moi temperá. "Érguense ao amencer", "non teñen despensa e viven do que as xente lles dá cada día", "cando non teñen nada, fan xaxún", "dormen sobre táboas sen colchón e mortifícanse con cilicios e disciplinas", explicaba El Mundo nunha reportaxe publicada en febreiro de 2003.

"Dormen sobre táboas, fan xaxún, mortifícanse con cilicios e disciplinas"

As tamén coñecidas como "monxas azuis", pola cor do seu hábito, tamén espertaron a preocupacion no colectivo Europa Laica. Un dos membros da súa directiva, José Luis Andrino, asegura nun relatorio sobre a Fraternidad Reparadora que os "testemuños dalgúns pais" de mozas que se integraron na orde e tamén de "xente da vila que tivo acceso á vida das novicias" amosan que as relixiosas e as aspirantes a selo "viven en condicións infrahumanas, pasando todo tipo de privacións" e "sacrificios", tales como "pasar frío" por "levar a mesma roupa no verán e no inverno", "durmir no chan" ou "non porder usar o teléfono sen permiso expreso" nin "ir nunca á súa casa", malia non tratarse dunha orde de clausura.

Estas prácticas non pasaron desapercibidas para familiares dalgunhas das monxas, ata o punto de que, atendendo ao recollido por ABC en novembro de 2002, unha nai tentou sacar a súa filla do convento, tentativa na que asegurou ser "agredida". Fronte a estas acusacións, nese mesmo ano a orde relixiosa recibiu o apoio dende a Deputación de Toledo, cuxo presidente na altura, Miguel Ángel Ruiz-Ayúcar (PP), acudiu ao convento de Oropesa para "expresarlles todo o seu apoio ante algunhas informacións aparecidas nos medios de comunicación" sobre as súas "estritas normas", segundo informou a prensa local.

Estes relatos concordan en boa medida coa alerta lanzada polas familias de Zas que, entre outros aspectos, viron con especial receo que as relixiosas mantivesen encontros individuais coas nenas da parroquia. "Preguntámoslles ás nenas de que lles falan nestes encontros" e elas "contestan que as advertiron de que non lles contasen nada aos seus pais". Posteriormente, din, revelaron que "lles dan libros ás agachadas, incítanas ao xaxún, a sentírense afortunadas por estaren enfermas e a ofrecer a súa dor a Xesús".

Integrantes da Fraternidad Reparadora, nunha procesión © Divinas Vocaciones (blog)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.