Marzo é o mes de concienciación sobre a endometriose, unha enfermidade relativamente frecuente, consistente na aparición e crecemento de tecido endometrial fóra do útero, sobre todo na cavidad pélvica e nos ovarios, detrás do útero, nos ligamentos uterinos, na vexiga urinaria ou no intestino. Este 12 de marzo celebrouse en Barcelona a Marcha Mundial pola Endometriose.
Un grupo de alumnas e alumnos de 1º de Bacharelaro do IES As Barxas de Moaña (dirixidos pola profesora Luz Beloso) decidiron contribuir a difundir a doenza entre os compañeiros e compañeiras. Para falar dela crearon un vídeo de apenas 3 minutos nos que alertan ás rapazas do que é sufrir endometriose.
1 de cada 10 mulleres en idade fértil ten endometriose. Só en Galicia 60.000 mulleres padecen algunha forma desta enfermidade para a que non hai unidades especializadas e multidisciplinares no territorio da Comunidade, como xa moitas veces denunciou a asociación querENDO. O 15% delas teñen formas graves. En Galicia 9.000 mulleres teñen das consideradas severas que lles poden impidir traballar ou estudar con normalidade ou que dificultan ou impiden que poidan ser nais se así o desexan.
O vídeo alerta da necesidade de que haxa investigación para que poida haber tratamentos axeitados e diagnósticos precoces. Hoxe a media do retraso diagnóstico está en 8 anos dende a primeira consulta. Neses oitos anos a muller soporta infinitas horas de dor e a doenza avanza sen que ninguén lle poña freo.