As mulleres de Ve-la Luz abandonan a folga de fame tras un mes de protesta

Pancarta na sede de Ve-la luz © feminismo.info

As mulleres de Ve-la Luz decidiron este xoves poñer fin á folga de fame que mantiñan desde hai un mes e na que seguian ata hai poucas horas seis das dez que comezaran a protesta para reivindicar unha "protección real" das vítimas da violencia de xénero que, como todas elas e segundo denuncian, sofren "a beneficiencia e desprotección máis absoluta no momento no que deciden saír do círculo" do maltrato no que se vían sometidas.

As mulleres rematan a folga de fame logo dun mes de protesta e tras conseguir algunhas das súas demandas, pero non todas

Deixan a folga de fame entre duras críticas aos que "ocupan o seus escanos mediante un discurso pusilánime e confuso" sobre a violencia machista e ante o "silenciamento do maltrato xudicial e institucional" que, segundo elas, lles "ofrece o sistema". Ademais, censuran o "fusilamento de dereitos continuo que se vive e viviu" na Cámara galega e acusan ao sistema de protección actual das mulleres maltratadas de provocar, en realidade, tanto a súa "desprotección" como a dos seus fillos.

As mulleres -apoiadas por toda a oposición galega e unha morea de colectivos sociais- reclamaron e reclaman medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos fillos. Tamén piden que en caso de falta, non só de delito, se lle retire o acceso dos condenados á solicitude de custodia e que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. A primeira e principal das súas reivindicacións é da que non deron recibido resposta satisfactoria, xa que o PP asegura que requiriría unha modificación lexislativa, mentres que Ve-la Luz cre que a suspensión de visitas e impedir o acceso á custodia é posible porque a norma xa capacita ao xuíz para aplicar esta medida.

No resto de reivindicacións, como na renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación en violencia de xénero para o persoal xudicial, así como a revisión das sentenzas dos últimos cinco anos -xa que en Galicia foron sobreseídas case o 60% do total dos casos- houbo avances. O PP comprometeuse a unha comisión de investigación no Parlamento co compromiso de presentar unha proposición de lei neste vindeiro trimestre e coa presenza delas no debate, algo que tamén reclamou o PSdeG a través dunha proposición de lei que será debatida no Parlamento nos vindeiros días. A comisión terá lugar.

Ve-la Luz remata a folga "decepcionada" pero "quitando as máscaras dos que din defender a ultranza os dereitos das maltratadas"

No entanto, as mulleres de Ve-la Luz din rematar a folga "decepcionadas", pero "quitando as máscaras dos que din defender a  ultranza os dereitos das mulleres e dos menores vítimas da violencia de xénero". "O silencio fainos cómplices pero non permitiremos que violen o noso único dereito, a liberdade de expresión que parece que se nos outorga". "O único mercadeo que permitiremos é o cumprimento íntegro das nosas reclamacións", insisten. Así, agradecen a a todas as forzas do Parlamento que aprobaron que a asociación formase parte da comisión de investigación e onde terán "voz e voto". "Marca un fito na historia de España", recoñecen.

Malia isto, poñen pegas ás proposicións non de lei presentadas por BNG e PSdeG na Cámara. En canto á da formación nacionalista, cualifícana de "descafeinada", tras solicitar a ampliación a 24 meses do salario da liberdade ou a aplicación efectiva da lei galega de Violencia de Xénero, "reiteradamente incumprida". Tamén fan referencia ás emendas dos socialistas e á solicitude da devandita comisión de investigación, pero aclaran que os partidos "obvian que o obxectivo principal é a protección real" das maltratadas.

Ve-la Luz di "asumir a responsabilidade" na futura comisión e promete "estar á altura" pola "experiencia directa e indirecta" que as mulleres protagonistas teñen, desgraciadamente, no tema tratado. "Continuaremos intentando dar voz a este desastre organizado que silencia as vítimas", rematan, para insistir en pedirlle ás mulleres vítimas da violencia "que denuncien todo".

As mulleres protestaron pola situación de moitas coma elas que, ademais de sufrir o maltrato, teñen que aturar logo o desleixo da policía ou da Xustiza,  sentenzas que consideran inxustas, o afastamento dos seus fillos ou o acoso dos mesmos que os maltrataron.  Os relatos dun vídeo elaborado por estas mesmas vítimas arrepían. Hai casos de todo tipo, incluso o dunha nai dun maltratador que pide que se lle retire a custodia do seu neto ao seu propio fillo, que tamén a maltratou a ela e ao que impuxeron unha orde de afastamento da súa propia nai.

As mulleres de Ve-la Luz, antes dunha reunión coa Xunta © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.