As mulleres de Ve-la Luz volven á folga de fame contra a desprotección das vítimas

As mulleres de Ve-la Luz, antes dunha reunión coa Xunta © Ve-la luz

As mulleres de Ve-la Luz volven á folga de fame. Farano o vindeiro luns 9 de decembro a partir das nove da mañá no seu local coruñés e despois da protesta que as mantivo durante un mes en xaxún e que remataron o pasado 14 de novembro. Menos dun mes despois, oito vítimas da violencia machista e membros deste colectivo volven á loita por segunda vez denunciando a "dobre violencia" que sofren: "a das brutais agresións ás que nos someteron os nosos ex compañeiros e a fría inoperancia, cando non desprezo ou prevaricación, das institucións supostamente creadas para nos protexer".

As mulleres denuncian "unha dobre violencia: a dos maltratadores e a da fría inoperancia ou desprezo das institucións"

As dez mulleres que participaron na anterior folga de fame -rematárona seis polos problemas de saúde de catro delas- reclamaban unha "protección real" para as maltratadas e os seus fillos, pedindo medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos nenos, así como que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. Pedían tamén a renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación na materia, así como a revisión das sentenzas dos últimos cinco anos, tras os elevados casos de sobresemento.

Non acadaron boa parte das súas reivindicacións, pero si que o Parlamento galego se comprometese a crear unha comisión de investigación sobre a situación real das vítimas e dos seus fillos e nas que elas terán voz, algo que consideran  un "fito histórico" e "unha vitoria" que, no entanto, cren que contrasta coa "morea de sinais que chegan desde as institucións" que, segundo denuncian, indican "que a impunidade dos maltratadores e abusadores non só non recibiu un duro golpe, senón que semella que vai resultar fortalecida".

Ve-la Luz denuncia as "represalias" polas súas protestas e a "normalización social e mediática da impunidade" dos maltratadores

Así, aseguran estar "sometidas á barbarie" dun sistema "onde ninguén parece xa querer ou poder cumprir as súas funcións". Porque Ve-la Luz denuncia "as represalias" sufridas polas súas denuncias e critican que a Audiencia Provincial lles decidise de sobreser "por falta de probas" os casos denunciados por cinco das dez vítimas que apareceron  nun vídeo onde se censuraba a feble actuación da fiscalía no Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña e tras advertir de que o 31% das denuncias presentadas nese mesmo xulgadoo foran arquivadas.

"Isto provoca unha clara falta de confianza por parte das vítimas e fomenta a non denuncia", explican nun comunicado. Este é un dos motivos polos que din volver ao seu peche e á folga de fame co que din denunciar "o crime institucional e o dobre maltrato da estigmatización" dos que din ser "tan só un exemplo". En definitiva, criticas as dificultades e as trabas ás que as mulleres se enfrontan para poder saír do círculo da violencia.

As mulleres censuran que un empresario condenado por abusos promova a través da empresa  un centro de ocio na Coruña

Ademais, critican a desprotección dos menores ante os supostos agresores e alertan de que o mesmo luns 9, en canto comecen a folga de fame, outro menor podería ser entregado por decisión a un presunto abusador, algo que advirten que supón "unha aberrante  normalidade" en moitos casos, tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Ve-la Luz denuncia tamén "a normalización social e mediática da impunidade dos maltratadores e abusadores" e fan referencia ás "reiteradas aparicións" na prensa dun empresario condenado por abusos sexuais e que promove un macrocentro de ocio nun centro comercial da Coruña.

Do mesmo xeito, tamén se sitúan contra "a desaparición de dotacións orzamentarias destinadas á protección das mulleres" e censuran que boa parte destes recursos se destinen "a campañas publicitarias para maquillar a realidade". Por último, tamén denuncian a situación dos Puntos de Encontro Familiar, que, segundo elas, son cualificados por algunhas vítimas como "puntos silenciadores do maltrato".

Dominio Público Praza Pública
Gloria Vázquez, primeira pola esquerda, nunha protesta de Ve-la Luz © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.