As mulleres en folga de fame continúan a protesta tras a resposta insuficiente da Xunta

As mulleres, encadeadas no TSXG © Ve-la luz

As mulleres da asociación Ve-la Luz continuarán coa folga de fame da que cumprirán este venres 18 días. Seguirán coa protesta malia a xuntanza mantida o xoves coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e logo de encadearse na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e incluso manter unha reunión co seu presidente, Miguel Ángel Cadenas, noutra xornada de protesta na que seguen a reivindicar "protección real" para as vítimas da violencia de xénero e que inclúen unha serie de medidas que as autoridades non lles satisfan, tal e como aseguran.

A Xunta non é quen de satisfacer as súas demandas e as mulleres denuncian "a falta de implicación" do Goberno para resolver o problema

O risco para a saúde da seis mulleres vítimas da violencia machista que continúan en folga de fame -catro deixaron a protesta por problemas médicos e algunha outra xa foi ingresada- é cada vez máis importante, pero elas insisten en manterse alimentándose tan só a través de líquidos logo de que a reunión deste xoves con López Abella e outros representantes da Xunta na Coruña -dez días despois do último contacto coa administración- "demostrase a falta de implicación do Goberno en resolver esta situación insostible para as vítimas" e que, segundo elas, comprobasen de novo que a Administración "lonxe de fomentar a denuncia, o que fai é silenciala". "Atendéronnos en vinte minutos porque disque tiñan outros compromisos", aseguran.

"Insistiron en cumprir o primeiro punto das nosas demandas, algo que xa se aprobara, pero aclararon que non podían facer nada máis", asegura a Praza Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la Luz, que denuncia que a Xunta "é incapaz de instaurar medidas de protección real" para as mulleres maltratadas. "Estamos desprotexidas", insiste. O PP comprometeuse a poñer en marcha unha comisión de investigación no Parlamento respecto da petición de que se revisen as sentenzas por violencia de xénero dos últimos cinco anos en Galicia -o 60% foron sobreseídas- co compromiso de presentar unha proposición de lei neste vindeiro trimestre.

No entanto, a Xunta non é quen de satisfacer o resto de demandas destas mulleres, que reclaman medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos fillos. Tamén piden que en caso de falta, non só de delito, se lle retire o acceso dos condenados á solicitude de custodia e que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. Ademais, solicitan a renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación en violencia de xénero para o persoal xudicial.

As vítimas de violencia de xéneron encadeáronse na sede do TSXG reclamando unha solución á súa "desprotección"

Ante a falta de resposta do Goberno galego, as mulleres de Ve-la Luz decidiron encadearse na primeira planta da sede do TSXG, onde permaneceron varias horas e se entrevistaron co presidente do tribunal, Miguel Ángel Cadenas, que lles solicitou unha nova reclamación por escrito das súas demandas e que advertiu de que o xeito de solicitar estas medidas "non eran formas". As sete encadenas, ademais doutras vítimas, relatan a súa situación de desprotección nun vídeo e é precisamente esa circunstancia coa que queren acabar, lembrando e denunciando o arquivo das dilixencias abertas en moitos casos. "Teñen todos os nosos expedientes enriba da mesa".

Hai casos, como tamén se ve no vídeo e como destacan, nos que a vítima acaba sendo acusada (e incluso condenada) por maltrato, mentres o violento "queda impune". Por iso, din, reclaman unha "xustiza xusta" e que se acelere a saída destas mulleres do labirinto xudicial no que moitas veces acaban pechadas. As mulleres que sofren violencia machista denuncian que elas e os seus fillos permanecen desprotexidos durante os procesos xudiciais por maltrato e que durante este período prevalece o dereito do pai a visitar periodicamente aos fillos sobre os riscos cando hai indicios de violencia. Os nenos son obrigados a ver e incluso a durmir co denunciado e ata que non existe unha sentenza de culpabilidade o agresor pode continuar exercendo violencia sobre os cativos durante as visitas e incluso empregar este recurso para vingarse da súa parella, segundo denuncian Ve-la Luz.

A delegada do Goberno para a Violencia de Xénero contactou coas mulleres para preocuparse polo seu caso

Ante a feble saúde das seis mulleres que continúan en folga de fame e a gravidade da protesta, a propia delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Blanca Hernández Oliver, púxose en contacto con elas para preocuparse pola situación e asegurarlles que o Executivo estaba "a traballar" no tema, segundo asegura Gloria Vázquez. "Asegurounos que sabía o que estabamos a pasar e animounos a darlle voz ás nosas demandas na comisión que se abrirá no Parlamento", di a presidenta de Ve-la Luz que, malia todo, insiste en que todas as compañeiras que aínda seguen en folga de fame optaron por continuar coa medida e quéixase unha vez máis do "silencio" que hai arredor da súa reivindicación.

"Ninguén nunca nos dixo que o que os casos que denunciamos e a nosa situación sexa mentira, todo o contrario, pero a resposta sempre é o silencio ou botarse a culpa uns aos outros", asegura Vázquez, que denuncia que foron "amedrentadas" na sede do TSXG, ameazadas con ser detidas e trasladadas aos calabozos antes de ser desaloxadas e gravadas por unha persoa que se identificou como fotógrafa de prensa. "Cando preguntamos no medio se foran eles, aseguraron que non enviaran xornalista ningún alí", conta.

Agora, Ve-la Luz "fai un chamamento" á cidadanía para que este venres, a partir das 19 horas no Obelisco da Coruña, se manifeste nunha protesta convocada para "solicitar a actuación inmediata do Goberno neste desastre organizado e silenciado que asasina". "Continuamos cunha folga imposta polo Goberno", din tamén nunha nota de prensa. Aida, Cristina, Erika, Finny, Gemma, Gloria, Mari Luz, Sandra, Susana e Vicenta seguen a loita. A maioría delas, aínda en folga de fame.

As mulleres, encadeadas no TSXG © Ve-la luz
As mulleres de Ve-la Luz, antes dunha reunión coa Xunta © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.