As obras do AVE multiplican a contaminación no río Támega

Zonas de vertedura no Támega © Adega

Analíticas encargadas pola delegación de Adega-Monterrei dos regos que drenan o Támega á altura de Laza, amosan importantes valores de arsénico e chumbo, entre outros metais pesados. Estes contaminantes, segundo aclara a entidade ecoloxista, proveñen dos sedimentos arrastrados dende os desmontes e obras do AVE, e depositados nas canles da bacía do río.

As cantidades de arsénico e chumbo multiplican por 750 e 1986 veces os valores establecidos como normas de calidade ambiental

As análises dos fondos destes regos amosan cantidades de arsénico e chumbo que multiplican por 750 e 1986 veces os valores establecidos como NCA (normas de calidade ambiental) polo Decreto 60/2011 de calidade das augas.

"Esta contaminación podería supoñer un risco sanitario e ambiental non só para a poboación de Laza, senón para toda a bacía do Támega e a comarca de Verín, famosa pola produción de augas minerais", advirte Adega, que lembra que o treito galego do río forma parte tamén da Rede Natura 2000, precisamente polo bo estado ecolóxico das súas augas e as comunidades de bosque de ribeira nos vales septentrionais da bacía, precisamente os máis afectados polas verteduras contaminantes das obras do AVE.

Adega exixe das administracións "actuacións inmediatas para impedir novas verteduras por parte de Adif"

Ademais, Adega vén de achegar un informe coas analíticas de augas aos concellos da comarca, así como á Confederación do Douro e á Consellaría de Medio Ambiente. "É responsabilidade destas administracións garantir o bo estado ecolóxico destes espazos protexidos, das súas augas e da saúde dos seus habitantes", recordan, polo que exixen dos organismos responsábeis "actuacións inmediatas para impedir novas verteduras por parte de Adif e a posta en marcha de medidas de restauración para minimizar o impacto destes contaminantes na saúde das persoas e do ecosistema naquelas áreas máis afectadas".

"O AVE e os supostos réditos políticos desta obra faraónica non poden ser a excusa para danar un patrimonio natural de altísimo valor, pasando por riba das leis ambientais e poñendo en risco a saúde dos habitantes da comarca", finalizan.

Río Támega © Adega
Zonas de vertedura no Támega © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.