As PAH galegas piden no Parlamento medidas urxentes para asegurar o dereito á vivenda

Acción da PAH en Vigo © PAH Vigo Tui-Baixomiño

Os grupos galegos das PAH e entidades de loita contra os desafiuzamentos entregarán este martes no Parlamento unha proposta de moción na que demandan unha serie de cambios lexislativos -a nivel galego e estatal- e accións políticas para combater as situacións de urxencia habitacional e de pobreza enerxética que sofren milleiros de cidadáns e cidadás.

Piden a paralización de todos os desafiuzamentos e a creación dun parque público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira, nomeadamente a que é propiedade das entidades bancarias e da SAREB

Entre as propostas, destacan a dación en pago retroactiva, mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberación de avais e eliminación das cláusulas abusivas. Tamén piden garantir o acceso a vivendas de alugueiro "estable e asequible" e modificar a lei para que os contratos de alugueiro sexan "máis estables e seguros". Co obxectivo de mellorar o acceso á vivenda para toda a poboación, piden a paralización de todos os desafiuzamentos e a creación dun parque público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira, nomeadamente a que é propiedade das entidades bancarias e da SAREB. Ademais, esixen que os subministros básicos estean "garantidos", introducindo mecanismos para evitar cortes de luz, auga e gas nos casos en que unha familia non os poida pagar. Finalmente, demandan a creación dun Observatorio da Vivenda.

As entidades asinantes da moción (STOP Desahucios Coruña, Stop Desafiuzamentos Compostela, PAH Vigo-Tui, StopDesafiuzamentos Ourense, PAH Lugo, Forosocial Ferrolterra, PAH Ponteareas, PAH Barbanza, PAH Pontevedra, PAH Ferrol e PAH Vilagarcia) afirman que "sempre soubemos que rematar coas leis inxustas é unha cuestión de vontade política". "Miramos de fronte ao Parlamento de Galicia e dicímoslle ben alto 'Eu ‪#‎ExixoAMeuPAHrlamento"‬ que cumpra co seu deber e que defenda ou meu dereito á vivenda digna'".

Esixen que os subministros básicos estean "garantidos", introducindo mecanismos para evitar cortes de luz, auga e gas nos casos en que unha familia non os poida pagar

As plataformas queren "forzar o debate no Parlamento de Galicia destas medidas necesarias para abordar a urxencia habitacional e para conquistar o dereito á vivenda". "Imos desenmascarar en plena campaña electoral a aqueles que non as asuman, porque escollen seguir limitando o acceso aos dereitos fundamentais da cidadanía para protexer os privilexios duns poucos", sinalan, denunciando que "logo de máis de sete anos de crises, o Goberno do PP non fixo outra cousa que políticas austericidas que empobreceron os máis e fixeron mais ricos os menos".

 

Propostas de cambios lexislativos no Congreso

"Imos desenmascarar en plena campaña electoral a aqueles que non as asuman, porque escollen seguir limitando o acceso aos dereitos fundamentais da cidadanía para protexer os privilexios duns poucos", din

  • Dación en pago retroactiva e condonación da débeda para os debedores hipotecarios de boa fe e en relación coa súa vivenda habitual e única. Modificación da Lei Hipotecaria e a Lei de Enxuizamento Civil.
  • Eliminación automática das cláusulas declaradas abusivas polas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea nos contratos hipotecarios con entidades bancarias, sen precisar de petición expresa do titular.
  • Imposibilitar a execución da vivenda dos avalistas, cando sexa a súa vivenda habitual e única, para esixir a súa responsabilidade nos contratos hipotecarios.
  • Modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos introducindo mecanismos de seguridade na tenencia, estabilidade na renda e alargando o prazo de duración do alugueiro.
  • Eliminación de todos os requisitos restritivos para acceder á moratoria de desafiuzamento e ao código Guindos, salvo vivenda habitual, debedor/a de boa fe e carencia de recursos.

 

Medidas a adoptar pola Xunta de Galicia

  • Piden que o Goberno galego lles esixa ás entidades bancarias que "garantan un alugueiro social para as persoas debedoras de boa fe, e as súas unidades familiares, que tendo cedido a súa vivenda única e habitual en dación en pago non dispoñan de alternativa habitacional". 
  • Esixen que se deteñan todos os desaloxos ou desafiuzamentos "de persoas en situación de vulnerabilidade, xa sexa por impago de alugueiro ou ocupación en precario motivada pola falta de vivenda", ata que a Xunta de Galicia "garanta un realoxamento adecuado".
  • Creación dun parque público de vivenda a través da mobilización de pisos baleiros en mans de entidades financeiras e filiais inmobiliarias, fondos voitre, entidades de xestión de activos (incluídos os procedentes da reestruturación bancarias e entidades inmobiliarias).
  • O prezo a pagar en concepto de alugueiro social non superará o 30% dos ingresos da unidade familiar, incluídos gastos de subministros, de acordo cos estándares de Nacións Unidas, sempre e cando os ingresos familiares superen o salario mínimo profesional; en caso contrario o prezo a pagar en concepto de alugueiro será do 10% dos ingresos e os subministros correrán a cargo das empresas subministradoras.
  • Subministros básicos: Piden que se impidan os cortes de subministros básicos (auga, luz e gas) das persoas e unidades familiares en situación de vulnerabilidade. Os custes asociados a garantir este dereito e a débeda acumulada que non poidan ser cubertos polas persoas vulnerables "serán asumidos polas empresas subministradoras".
  • Creación dun Observatorio de Vivenda, composto por representantes das institucións e da sociedade civil, e encargado de investigar e analizar a situación da vivenda en España. Contaría con capacidades non só consultivas senón tamén control, seguimento, denuncia, executivas e de proposta lexislativa.
Acción da PAH en Vigo © PAH Vigo Tui-Baixomiño
María Díaz (Stop Desafiuzamentos Compostela) © Stop Desafiuzamentos Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.