"Dada a actual situación na que nos atopamos, queremos lanzar un convite á creación de tecido veciñal, creando unha rede de apoio mutuo e coidados nos barrios", din as creadoras de 'Ola, Veciñas'
Dende hai case dúas semanas vivimos confinados e confinadas nas nosas casas. Durante 24 horas ao día (ou case) a única vista de maior parte das persoas que habitan en cidades e vilas é a fachada do edificio de enfronte. Ás oito da tarde os aplausos dedicados ao persoal sanitario e a outros colectivos profesionais serven para rachar esta rutina e tamén para facer comunidade: decatármonos de que non estamos sós, de que o virus que ataca a todos e a todas tamén se superará entre todas e todos.
A pasada semana un grupo de persoas en distintos puntos de Galicia, de Vigo a Compostela ou O Porriño comezando a proxectar nas fachadas que tiñan á vista unha serie de mensaxes, comenzado cuns sinxelos 'ola!' e 'ola, veciñas!'. O hashtag #olaveciñas comezou agrupar a todas estas accións, iniciadas polas artistas visuais e videocreadoras Laura Iturralde (Vigo) e a Bego Santiago (Compostela). 'Ola, veciñas' xorde "da reflexión colectiva acerca do que supón o illamento e a ausencia de contacto coa contorna. Dada a actual situación na que nos atopamos, queremos lanzar un convite á creación de tecido veciñal, creando unha rede de apoio mutuo e coidados nos barrios", explicaban hai uns días.
A iniciativa "busca tamén fomentar o diálogo entre a veciñanza como ferramenta para combater o medo e a desconfianza que pode provocar esta situación de confinamento"
A iniciativa, subliñaban, "busca tamén fomentar o diálogo entre a veciñanza como ferramenta para combater o medo e a desconfianza que pode provocar esta situación de confinamento" e engadían: "o noso principal vehículo de expresión son as videoproxeccións, e convidamos a persoas que usen este recurso ou que teñan algunha suxerencia a que contacten con nós".
O seu chamamento foi respondido por outros videocreadores e videocreadoras galegas, que xa estaban tamén preparando as súas propias proxeccións. Nos últimos días puidemos ver moitos exemplos en Compostela, Vigo, ou O Porriño. Na cidade olívica podemos ver este tipo de imaxes en varios lugares, por exemplo no barrio de Teis, onde xa a pasada semana a creadora Miriam Rodríguez facía un alegato en defensa do 'tecido de barrio' e en apoio da sanidade pública e dos seus e das súas profesionais.
A creatividade da Escola Unitaria
Dende "Tendas pechando e o Corte Inglés abre os domingos" ata "A ver se nos están engordando para logo paparnos", as mensaxes no barrio de San Pedro
En Compostela todos os días poucos minutos despois das oito da tarde (tras o aplauso colectivo) Fer comeza coas súas proxeccións dende a Escola Unitaria (Calzada de San Pedro. "Bego e Laura comezaron isto e agora estade contaxiando moita xente", destaca en conversa con Praza.gal.
As mensaxes de Fer están a chamar a atención nas redes sociais pola súa variedade. Dos iniciais 'ola, veciñas' ou o 'Juancar Virus' que acompañou a cazolada de protesta contra o discurso do rei Felipe VI, nos últimos días puidemos ler algunhas mensaxes máis políticas ("Feijóo, queda na casa", "Tendas pechando e o Corte Inglés abre os domingos", "Amancio Ortega me regaló un mechero pero me robó los porros") e moitas máis en clave de humor: "A ver se nos están engordando para logo paparnos", "Marx, Lenin, Stalin, Britney Spears" (en referencia á transformación socialista da cantante estadounidense), "Erte o que hai, Misae" (para fans de Shin Chan) ou "Se fuches aos baños do Maycar, tranqui que vas saír desta" (que comprenderá quen vivira algún tempo en Compostela).
As proxeccións sérvenlle a Fer para entrar en contacto cos veciños e veciñas. "Eu poño: cantos quilos engordastes xa? E comezan a contestar 'oito' ou 'catro'. É un xeito de interactuar "
Así mesmo, proxecta de cando en cando imaxes de animais (gatos, monos...) que xogan uns minutos na parede de enfronte. A explicación a esta variedade temática é que Fer "acepta peticións". "Nos grupos de whatsapp nos que estou, aviso de que se alguén quere propoñer algunha mensaxe, a proxecto, fago unha foto e un vídeo e despois llelos mando. Hai moitas mensaxes de ánimo para persoas que están enfermas", comenta.
Que efecto provocan estas mensaxes? "Non sei que efecto provocan, pero creo que si xera reaccións na xente, algunhas a favor e outras en contra, como con calquera mensaxe que poden ver en calquera medio", di Fer, que engade que cando menos "serven para matar o aburrimento". Ademais, as proxeccións sérvenlle a Fer para entrar en contacto cos veciños e veciñas. "Eu poño: cantos quilos engordastes xa? E comezan a contestar 'oito' ou 'catro'. É un xeito de interactuar con veciños que igual nin coñeces", explica.
Mesmo en analóxico
No Porriño estamos a ver proxeccións algo máis sinxelas, pero de gran formato. O seu responsable é o artista multidisciplinar Juanma LoDo e a simplicidade ten unha explicación: está a realizalas "cun retroproxector de opacos dos de toda a vida". "Hai pouco tempo roubáronme un proxector e unha parella de altofalantes que deixei no meu coche despois dunha actuación e impúxenme o reto de facer visuais en modo analóxico", explica en conversa con Praza.gal.
"O obxectivo é crear comunidade tanto coas persoas que ven a proxección cada día desde as súas xanelas e balcóns, como quen chegan a elas polas redes sociais", di Juanma LoDo
Juanma está en contacto con Laura Iturralde e Bego Santiago e mais con Marta Verde, outra artista, cofinada en Madrid, que tamén está a realizar proxeccións (mesmo levando o 'olaveciñas' en galego á capital do Estado). "Eu sumeime un pouco máis tarde, xa que ao non usar o computador e facelo a man tardei un pouco máis, primeiro en tomar as medidas da proxección e despois ao día seguinte en axustar as letras ata perfeccionalas", explica
"O obxectivo é crear comunidade tanto coas persoas que ven a proxección cada día desde as súas xanelas e balcóns, como quen chegan a elas polas redes sociais", destaca Juanma. "Creo que o efecto é positivo, chéganme mensaxes de persoas do Porriño, de Galicia e do resto da Península, aínda que a mellor mensaxe foi un 'Por fin algo que se entende. Boísimo, Juanma!'. Está claro que moitas veces o noso traballo coa linguaxe visual sobre escenarios e en museos non chega de modo tan directo como un simple 'Ola!'", di.
"Pola miña banda tamén me fai sentir parte dunha comunidade e alegroume ver como cada día eramos máis e gozar do traballo de diferentes artistas que xa coñecía e novas persoas que coñecín grazas a #olaveciñas", engade.