As persoas con síndrome de Down celebran o seu día pedindo "dereitos para todos e todas"

Un neno, nunha actividade de Down Compostela © Down Galicia

"Na poboación con síndrome de Down pasamos dun analfabetismo do 80% a que practicamente non exista, sobre todo na poboación que recorre ao sistema educativo ordinario". "Iso é o que se conseguiu ata o momento e esta lei vaino facer desaparecer, a non ser que seda derrogada antes de que cause máis dano". O pasado outubro o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, expresábase nestes termos en conversa con Praza Pública. O colectivo, que non se caracteriza polas protestas, viña de adoptar unha posición de claro apoio ás mobilizacións contra a nova lei educativa, a LOMCE. As persoas con esta síndrome están ante o risco de "volver a tempos que xa criamos esquecidos, alertaba".

Esta loita pola igualdade no dereito á educación é só unha das moitas que este 21 de marzo volven estar sobre a mesa co gallo do Día Internacional da Síndrome de Down, que desta volta terá o seu acto central en Ferrol. Quen conviven coa síndrome aproveitan esta data non para reivindicar privilexios, senón "autonomía persoal e empoderamento". "Queremos reivindicar o noso dereito a vivir a nosa vida", explican no seu manifesto, no que evidencian que "todos e todas podemos e debemos falar por nós mesmos" e por iso o que piden fano "para todas as persoas".

O manifesto de Down Galicia reclama dereitos "para todas as persoas", porque "a integración non só beneficia un determinado colectivo"

"Os dereitos deben ser os mesmos para todos e todas" e, polo tanto, tamén para quen naceu coa síndrome de Down. Aspiran, como o resto da cidadanía, a "dereito a elixir libremente e asumir responsabilidades" e por iso queren poder "estudar, traballar, querer, divertirnos e relacionarnos", en definitiva, "unha convivencia normalizada nos diferentes ámbitos das nosas vidas diarias". Como calquera "necesitamos explorar, experimentar e decidir". "Tamén equivocarnos, para desenvolvernos como persoas", din.

Para lograr estes obxectivos piden a "colaboración de toda a sociedade" e a "implicación dos poderes públicos". Para lograr a igualdade que reivindican cómpren "políticas" e "recursos". "Que se entendan, recoñezan e respecten as diferenzas é o primeiro camiño para poderen "asumir responsabilidades como persoas independentes". Xusto por isto os obstáculos como a LOMCE son "unha barreira infranqueable". Se "todo o alumnado con algunha dificultade física, psíquica ou doutro tipo está excluído dos sistema" a sociedade estará "formada no descoñecemento dunha parte dela mesma". "A integración -advirte- non só beneficia un determinado colectivo", senón a toda a comunidade.

Actos de celebración

A Federación entrega este venres a primeira edición dos seus premios

Ademais da reivindicación o 21 de marzo tamén é xornada de celebración, a comezar polo vixésimo aniversario da Asociación para a Síndrome de Down de Ferrol, Teima. O auditorio ferrolán será o escenario para unha gala na que, avanzan, "as verdadeiras protagonistas serán as persoas con síndrome de Down", por iso elas "se fan cargo da presentación e fan oír a súa voz" a través da lectura do devandito manifesto. Tamén serán elas quen entreguen os Premios Down Galicia, que na súa primeira edición recaen en María Ferreiro, primeira xerente da Federación, e no Alcampo de Ferrol, "pola súa aposta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade".

A parte lúdica do día pona a gala musical presentada por Belén Baños e Pepe Capelán en compaña de mozos e mozas da asociación Teima. Rosa Cedrón e Pulpiño Biascón encabezan un cartel no que tamén figuran Cristina Cachaldora, Dance Fusión, Dani Rios, Débora Silva, Enrique Ramil, Shakti Danza, Tita Lijo e Xavier Lorenzo

Un neno, nunha actividade de Down Compostela © Down Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.