As persoas sen fogar claman por "solucións políticas" e contra a criminalización

Manuel García, lendo o manifesto do Día das Persoas sen Fogar con outros participantes do centro Vieiro CC-BY-SA Praza Pública

"Non é doado comprender que haxa máis de tres millóns e medio de vivendas deshabitadas en España, que foron planificadas para o investimento económico". "Temos que denunciar que hai persoas en situación  de exclusión residencial". Quen fala non é un político da banda esquerda do arco parlamentario nin tampouco un activista contra os desafiuzamentos. Son verbas do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, na carta pastoral do Día das Persoas sen Fogar, no que a través de Cáritas veñen de volver chamar a atención sobre a necesidade de "solucións políticas" e sociais para un problema que, segundo os datos máis recentes da organización, en Galicia afecta ao dobre de persoas que as rexistradas polas estatísticas oficiais. O primeiro paso, advirten, é a fin da "invisibilidade" e da criminalización.

A entidade, que nos últimos anos mesmo se enfrontou a que os gobernos galego e central cuestionasen os seus datos e chamadas de atención, desenvolveu nos últimos días actos en torno a unha xornada na que, di o seu director en Santiago, José Antonio Beiroa, "non baseamos en estatísticas", senón que procuraron que a sociedade fose "partícipe das vivencias" das arredor de 110 persoas que, no caso de Compostela, atenden diariamente no seu centro Vieiro. Alí, onde profesionais e voluntariado ofrecen servizos básicos como hixiene persoal, café quente, apoio socioeducativo ou asesoramento en trámites coas diferentes Administracións, estiveron as portas abertas para a poboación en xeral durante a fin de semana.

"Necesitamos compromisos políticos que garantan que unha persoa non quede na rúa por unha enfermidade mental, un divorcio, un desafiuzamento ou unha adicción"

Na capital galega ás reivindicacións da xornada púxolles voz Manuel García, participante do Centro Vieiro que colaborou na elaboración do manifesto difundido en todo o Estado. "Levamos sufrido moito na rúa, pasando fame e frío, pero imos converter a nosa dor en vida, imos crear relacións, construír vínculos; imos deixar de estar sós e perdidos, sen ter a ninguén, porque estamos xuntos", explica. Á situación de estar sen fogar chégase "por varias causas, algunhas persoas, que son nas que estamos traballando, pero outras son sociais" e "teñen que ver cunha estrutura social baseada en institucións que crean desigualdade", advirten.

"Nós queremos saír desta" e para ese obxectivo, resalta, contan con entidades como Cáritas, pero con isto non abonda. "Necesitamos compromisos políticos que garantan que unha persoa non quede na rúa por unha enfermidade mental, por un divorcio, por un desafiuzamento ou por unha adicción". Ás portas das eleccións as persoas sen fogar piden "políticos comprometidos e responsables que poñan á nosa disposición políticas e recursos adecuados, tanto económicos como profesionais" no ámbito da vivenda pero tameń, por exemplo, no da sanidade universal: "Cando se nos nega -advirten- condénasenos á enfermidade e ao sufrimento".

Déficit das prazas de albergue que Feijóo deu por "libres"

Entre as materias pendentes que Cáritas detecta neste ámbito atópase o déficit de prazas de albergues. Un ano despois de que o presidente da Xunta retrucase ás reclamacións da entidade a prol dunha "vivenda digna" instando a "saber por que, se hai albergues que non se utilizan, hai xente que dorme na rúa", Cáritas explica que, por exemplo, na capital galega existen arredor de 40 persoas "sen teito, que dormen a diario na rúa" e a elas cómpre agregar as que ocupan as 25 prazas das que dispón o Albergue Xoán XXIII, onde as persoas sen teito só poden durmir 7 días ao mes e onde as prazas, constatan, non son dabondo.

"Tamén noutros colectivos hai ruidosos" pero "non se chama tanto a atención" sobre eles como no caso das persoas sen fogar, resalta Cáritas

Neste sentido, Cáritas apunta que unha posible vía de solución a este problema pode emanar da Mesa de Coordinación das entidades que atenden as persoas sen fogar e que "lidera" o Concello de Santiago, "institución que buscar darlle unha solución integral á problemática do senfogarismo na cidade", din. Neste sentido, explican, "xa se comezou a falar da intención" de crear un albergue municipal e da "posta á disposición de vivendas que ten o Concello".

Esa estratexia "integral", sinalan, estase a abordar tamén en Compostela a través dun "equipo de rúa" municipal que terá "incidencia inmediata". Neste sentido, e fronte ás voces que no ámbito de parte do comercio e da prensa local reclaman unha solución de orde pública para as persoas que viven na rúa e permanecen en prazas do casco histórico, Benjamín Roo, consiliario de Cáritas en Santiago, resalta que, alén de problemas puntuais de adaptación, "a maioría" das persoas que participan nestes programas son "xente fenomenal". "Tamén noutros colectivos hai ruidosos", pero "non se chama tanto a atención" sobre eles, salienta.

Responsables de Cáritas en Santiago, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.