María Almazán traballou durante catro anos nunha multinacional téxtil, que abandonou en desacordo co xeito en que producía as súas prendas en Asia, coa explotación á que eran sometidas as traballadoras e tamén o medio ambiente. En 2010 abriu en Gondomar a súa propia empresa para facer roupa de maneira responsable e ecolóxica, Alternativa Textil, e involucrouse en distintos proxectos, entre eles a Fundación Fabrics for Freedom, que buscaban concienciar a produtores e a sociedade en xeral sobre a necesidade dunha nova cultura da roupa. Sen axentes químicos para tratar os tecidos, con condicións laborais dignas, cunha filosofía distinta á do consumo rápido, á roupa barata de usar e tirar.
Agora coordina xunto con Amarante-Setem a Plataforma Galega de Moda Sostible, MOV3, un movemento (de aí o nome, co e xirado, e escrito igual en galego e en inglés, como mostra dos obxectivo glocais do proxecto), que botou a andar a pasada semana.
A túa aposta pola moda sostible nace dun choque persoal, do coñecemento directo traballando para unha multinacional. Como foi ese proceso e a decisión de deixar esa actividade?
Cada viaxe a Asia levaba máis preguntas que o anterior e funme dando conta de que a unha determinada idade non podes permitirche que a túa actividade laboral choque de fronte coa túa forma de ver cara a onde vas na vida ou onde te queres situar. Non foi nada fácil, sobre todo porque entón ninguén falaba de sustentabilidade, dereitos ou ecoloxía no ámbito téxtil e as decisións de ir contracorrente sempre teñen un risco que asumir.
"As persoas temos que entender a forza que temos no momento de consumir, fannos pensar que non hai nada que facer pero non é certo"
As campañas, a alarma social ante as catástrofes de Bangladesh ou Paquistán e os protocolos internacionais melloraron a situación das traballadoras do téxtil dende entón? Onde é preciso facer fincapé para mellorar as condicións de vida e traballo destas persoas?
Penso que sobre todo fixeron que chegase á opinión pública, as persoas temos que entender a forza que temos no momento de consumir, fannos pensar que non hai nada que facer pero non é certo. En canto á mellora das condicións das persoas que están detrás da roupa que levamos penso que o consumidor ten que esixir ás empresas e as empresas teñen que implementar os seus departamentos de RSC e os seus protocolos de control, pero para facer isto ten que entender que cada ano o pantalón de turno non pode saír máis barato que o ano anterior. É un acordo cordial na que viven marcas e provedores.
"Levamos tempo pensando en que os dereitos laborais pasan só por un lado do proceso industrial cando desde o cultivo até a xeración do fío para tecer hai moitas persoas no camiño e moita biodiversidade destruída"
Deches sempre moita importancia aos tecidos que usas (o tipo de cultivos, a forma en que se tratan e tinxen...). Atopar estas materias primas a un prezo competitivo é o maior obstáculo para a moda sostible en Galicia?
Hai que empezar pola base e a base dunha peza é o material, levamos tempo pensando en que os dereitos laborais pasan só por un lado do proceso industrial cando desde o cultivo até a xeración do fío para tecer hai moitas persoas no camiño e moita biodiversidade destruída. Coidar o proceso completo fai que a trazabilidade dunha peza sexa integra e coide o triplo impacto do téxtil convencional: persoas que traballan a nosa roupa e a saúde das mesmas, medioambiente e saúde do consumidor. En canto ao prezo actualmente hai moitas alternativas e cada máis accesibles, aínda que é certo que nunca estaremos a falar de prezos a 1€ porque o proceso é diametralmente distinto, pero tampouco falamos de cuestións prohibitivas; a idea é calidade e durabilidade por riba de inmediatez e roturas a tres meses, calculadora, lapis e papel e o mesmo a máis dun saíanlle as contas.
Participaches tamén en Fabrics For Freedom, unha fundación destinada a sensibilizar da importancia dun consumo téxtil responsable, promovendo as fibras naturais e ecolóxicas. Como foi a experiencia?
Aos 3 anos de comezar Alternativa Téxtil que era un achegamento e case un laboratorio de propostas coñecín o equipo de Fabrics For Freedom. De seguida entendémonos, levabamos máis ou menos o mesmo tempo falando de téxtil e eco-sustentabilidade (mesmas vivencias, mesmas motivacións) e ofrecéronme dirixir a Fundación. Parei a actividade en Alternativa e comecei a pór os meus coñecementos e ideas en favor de axudar a outros a poder poñer en marcha os seus proxectos ou a traballar con marcas que ían dando pasos cara á sustentabilidade desde os seus departamentos de RSC, que é a actividade fundamental da Fundación. Despois de dous anos e seguindo o meu traballo en Galicia aparece a opción de pór en marcha MOV3 e a espiral de volver á creación e foime imposible resistirme. Fabrics For Freedom está a refacer a súa identidade e pareceume bo momento para facer un cambio.
En MOV3 a unión fai a forza? Cantos máis creadores, produtores, comercializadores estean implicados máis, mellores e máis baratos produtos se poderán ofrecer?
Esa é unha das patas de MOV3, xuntar individualidades que fagan que se vexa que en Galicia está a pasar algo con este tema e removan o ambiente, bo para crear sinerxías e bo para o consumidor que queira achegarse a esta proposta.
En que aspectos centras os obradoiros que impartirás aos participantes da Plataforma?
No obradoiro do próximo sábado falaremos do propio movemento e da organización do mesmo, seguido de formación sobre materiais eco-sustentables, provedores punteiros e modelos de fabricación. Tamén imos ver moitas propostas europeas do que se está movendo e feiras internacionais dedicadas a esta outra maneira de ver a moda. Conectarse con outros colectivos sempre abre os ollos, sobre todo cando noutros países está tan implantando. As seguintes xornadas destinaranse a comunicación de proxectos, deseño, fotografía e darase espazo para a realización dos distintos traballos colectivos dos membros de cara á plataforma web.
"Debido á miña experiencia dos últimos cinco anos acabei contactando con moitas costureiras e obradoiros e puiden achegarme á súa realidade. Xa están avisadas e preparadas para participar en MOV3. É unha peza fundamental a das mans que traballan"
Dende MOV3 estades moi interesadas en contactar coas costureiras e traballadoras textís galegas. Xa iniciastes este contacto? Que pensades que pode saír desa relación?
Debido á miña experiencia dos últimos cinco anos acabei contactando con moitas costureiras e obradoiros e puiden achegarme á súa realidade. Xa están avisadas e preparadas para participar en MOV3, é unha peza fundamental a das mans que traballan. Faremos varias experiencias de costura colectiva que creo que poden ser moi interesantes, estamos tan afeitos traballar fóra que agora hai que volver sentar as canles de comunicación.
Supoño que outro elemento importante é loitar contra esa cultura de roupa barata de usar e tirar, contra o consumismo, apostando pola segunda man, a reciclaxe...? Como se pode incrementar esa conciencia?
Si, é un elemento importante. Dentro de MOV3 non só hai deseñadores e marcas senón que tamén hai espazos e tendas de segunda man. Desde o meu punto de vista a trazabilidade e a imaxe atractiva é a clave da segunda man e moi probablemente o proxecto social podería dar un punto interesante. Hai un proxecto no País Vasco que se chama Koopera que creo que está a abrir portas a un concepto de tenda de segunda man bastante interesante.
"Hai moita máis conciencia, aínda que queda moito por facer, empezouse pola comida e agora imos cara a outros campos"
Percibes máis conciencia na xente sobre todos estes aspectos, non só o relacionado co consumismo, senón tamén polo uso ou non de químicos tóxicos, as condicións laborais nas que foi producida unha prenda...?
Hai moita máis conciencia, aínda que queda moito por facer, empezouse pola comida e agora imos cara a outros campos. Amarante, a Campaña de Roupa Limpa, Greenpeace, Verdegaia, Semente, Amnistía... estamos todos facendo todo o ruído que podemos e alégrame dicir que hai movemento..., por iso MOVE.... Alégrame tamén que cambiase dentro dos propios colectivos de presión social e deixasen de facer camisetas convencionais que reivindican cuestións fundamentais, para o meu este paso foi importante, hai que sentar as bases.
En Alternativa Textil tes novos deseños ou coleccións en marcha? Onde se poden adquirir?
Alternativa foi un proxecto experimental de inicio, agora creo que o mellor que podo facer é axudar a outros e asesorar na creación dos seus proxectos coa experiencia dos anos, axudar a que MOV3 creza e non pare. Pero, a modo de primicia, pódoche dicir que si, que volverei sacar pezas en breve como coleccións cápsulas con temáticas concretas, series limitadas que buscarán facer pensar e tenderán a enlazar proxectos baixo o nome de Organic Caos. Poderanse comprar online e en tendas moi específicas que lanzaremos desde a web.