As protestas éntranlles aos bancos pola porta

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Santiago CC-BY-SA Merixo

Primeiro nas prazas, despois diante das sucursais e agora, dentro. As protestas contra a actuación do sector bancario na actual crise comezan a chegar, simbólica e tamen practicamente, ata a casa das propias entidades. Este martes houbo dúas mostras en Galicia, unha en Santiago e outra en Gondomar, con dous peches en senllas entidades do Banco Santander e de Novagalicia Banco. 

En Compostela o impulsor da mobilización foi Stop Desafiuzamentos e a causa, tentar que tres familias non fiquen na rúa a causa dunha decisión do Santander. Membros do colectivo e as propias afectadas trasladáronse ao interior da oficina central da entidade na capital galega, na céntrica Praza de Galicia, para denunciar que "o paladín dos desafiuzamentos" está a "acosar a dúas veciñas de Pontecesures, en diferentes momentos do proceso de execución hipotecaria", a unha veciña da Estrada e mais a unha familia de Brión que, no seu caso, "xa perdeu a vivenda" pero "a entidade caníbal reclámalle a totalidade da débeda hipotecaria".

"Son catro exemplos de violencia", denunciaban, e con esta premisa esixíronlle ao director da sucursal que ofrecese unha solución inmediata e "por escrito" para os catro casos. Apoiados pola deputada do BNG Ana Pontón e o edil do Bloque en Compostela Rafa Vilar, os manifestantes repetían consignas como "casas sen xente, xente sen casas" ou "un desaloxo, un atentado" mentres dúas furgonetas da Policía Nacional, estacionadas e cos motores en marcha, permanecían no exterior e numerosos axentes da UIP -antidisturbios- percorrían as beirarrúas próximas á oficina.

Unha muller de 60 anos pechouse nun caixeiro de Novagalicia para reclamar os cartos "estafados" coas subordinadas

A tensión subiu cando dous dos antidisturbios entraron na oficina para dialogar co director e, acto seguido, advertir os manifestantes de que poderían ser detidos. Finalmente, contra as catro da tarde produciuse o desaloxo sen que a Policía empregase a violencia, se ben acusa a sete das persoas que se atopaban a protestar dunha falta de "desobediencia". Así e todo, Stop Desafiuzamentos advirte de que continuará a desenvolver novas accións de protesta contra o Santander -a próxima, ás 12 da mañá deste mércores-. Pola súa banda, o banco asegura que se porá en contacto coas familias, pero sen compromiso ningún por escrito.

Mentres isto sucedía en Santiago, en Gondomar unha muller, Francisca Alonso, de 60 anos, decidiu pecharse nunha sucursal de Novagalicia Banco para reclamar que a entidade que dirixe José María Castellano lle devolva os cartos "estafados" mediante débeda subordinada subscrita coa antiga Caixanova. Cando a sucursal rematou o seu horario comercial optou por continuar o peche, pero no espazo do caixeiro automático. Foi a "desesperación", relatoulle aos xornalistas que se achegaron ao lugar, a que a levou a tomar a decisión do peche, mobilización á que se foron sumando veciñanza da vila e membros das plataformas de afectados por preferentes e subordinadas.

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.