As reivindicacións salariais mantéñense na nova folga de examinadores de tráfico

Examen teórico nun centro da DGT © DGT

O pasado luns reiniciouse en todo o Estado a folga de examinadores que fora suspendida en agosto e que segue á espera dun acordo entre os funcionarios e a Dirección Xeral de Tráfico (DGT). En Galicia son 45 os traballadores chamados ao paro, desta vez parcial, que tivo un seguimento no país de case un 90% no primerio dos días e de practicamente un 80% neste martes. As posturas continúan moi afastadas e non se prevén avances, polo que é más que probable que o conflito siga e que todos os luns, martes e mércores de setembro non se realicen exames para sacar o permiso de conducir, co prexuízo que iso supón para as autoescolas e para os aspirantes.  

A folga de examinadores foi secundada por case o 80% dos funcionarios en Galicia; seguirá todos os luns, martes e mércores de setembro

"Non prevemos cambio ningún porque non temos noticias da DGT nin esta accede ás nosas peticións de reunión", explica Vanesa Fernández, delegada de Asextra (Asociación de Examinadores de Tráfico) en Galicia e membro do comité de folga. As reivindicacións son as mesmas que cando comezara a folga indefinida do pasado 19 de xuño e se mantivera ata finais de xullo. Os funcionarios reclaman un complemento específico que aseguran foi prometido e comprometido por escrito por Tráfico en 2015 e que fora aplicado a outros traballadores públicos en 2008. "Foi un pacto que non se cumpriu, que se nos asegurou hai dous anos e que se prometera hai xa nove", engade. 

Os funcionarios esixen un complemento específico de 250 euros brutos ao mes que lles fora prometido, din, xa en 2015

"É un agravio comparativo con respecto a outros colectivos; a propia DGT recoñeceu que ese complemento era xusto e necesario e só pedimos que se faga efectivo, nada máis", insiste Fernández. Serían 250 euros brutos ao mes para cada un dos funcionarios, que cobran -de media, xa que hai diferenzas segundo a antigüidade ou outros aspectos- uns 1.250 euros. Reivindican "que se teña en conta a perigosidade e responsabilidade" do seu labor. 

Desde a DGT, o seu director, Gregorio Serrano, insiste en que a entidade non ten "competencia para aprobar esta mellora de modo unilateral". "Sería un prexuízo co resto de colectivos de Tráfico. Xa trasladmos a petición a Facenda, órgano competente na materia", dixo en declaracións á prensa. Pola contra, desde Asextra cren que no fondo "hai algo máis que austeridade económica" na decisión de non aplicar o complemento.

Austeridade, temor a reclamacións doutros colectivos e opcións de privatización son as causas que ven os examinadores na negativa da DGT 

"Hai medo a que detrás nosa veñan outros colectivos, pero gobernar é tomar decisións e hai que ser valente e ter criterio", explica Fernández, que apunta máis posibles causas "do deterioro continuo do servizo desde hai anos". "Obedece a unha posible privatización dunha actividade que é moi chamativa e atractiva", di quen lembra que en 2016 a DGT ingresou 114,6 millóns de euros por taxas de exame. A súa reivindicación salarial, di, suporían 2 millóns. Tráfico manexa un orzamento duns 900 millóns. 

Cada día de paro son 300 exames de conducir que non se realizan en Galicia

Na outra banda, o problema para autoescolas e aspirantes ao permiso de conducir. A patronal das primeiras xa anunciou que reclamará danos á DGT polas perdas, que sitúan en ata 80 millóns de euros en todo o Estado de completárense todos os paros ata finais de setembro. No que coinciden tanto os centros de ensinanza como os funcionarios é na necesidade de que a DGT incorpore máis examinadores nun futuro inmediato para poder soportar a demanda. 

Agora, o problema son as listas de espera que se acumulan logo da folga de principios de verán. Ademais, cada día de paro supón que non se realicen  uns 300 exámenes en Galicia, o que suporía uns 3.600 sen levarse a cabo durante o mes de setembro de non chegarse a unha solución antes de que finalice o mes. "Non pedimos un aumento porque si nin é ningún luxo, é o que se acordou e o que se nos recoñeceu", finaliza Vanesa Fernández. 

Autoescola nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública
Protesta de examinadores galegos de tráfico © Asextra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.