"As rendas mínimas garantidas reverten directamente na economía local"

Carlos Susías, presidente de EAPN-España © Cermi

Ao longo deste martes celébrase en Compostela a quinta edición do Foro sobre pobreza e exclusión social, organizado por EAPN Galicia, Coordinadora Galega de ONGD e CERMI Galicia. Relatorios, debates e sesións de presentación de proxectos de entidades do Terceiro sector buscarán afondar nas causas da pobreza, os retos máis inmediatos para a loita contra este problema e reclamarán o compromiso e a coordinación das institucións fronte á exclusión social.

Os últimos datos do INE, correspondentes a 2013, sinalaban que máis do 29% da poboación española se atopaba en risco de pobreza ou exclusión. En Galicia o dato era notablemente inferior á media (23,8%), aínda que igualmente elevado, e dende as organizacións sociais alértase de que se a cifra non é maior na nosa comunidade é porque as pensións si mantiveron o seu nivel nos últimos anos, afastando da pobreza a moitos xubilados e xubiladas que, en moitas ocasións, están sostendo as súas familias. Carlos Susías, presidente de EAPN-España, foi unha das primeiras persoas en intervir no Foro, expoñendo a realidade que seguen sufrindo importantes sectores da poboación e as medidas propostas polas entidades que loitan contra a pobreza.

"Hai determinados sectores que sofren especialmente esa pobreza, por exemplo as familias monomarentais, mulleres con fillos ao seu cargo, nas que atopamos niveis de pobreza que chegan ao 53%"

"Non cuestionamos que está habendo cifras macroeconómicas positivas. Pero as cifras micro están aínda empeorando: vemos como están crecendo as taxas de pobreza e de pobreza severa, que sofre unha poboación que se atopa nunha situación de gran vulnerabilidade", explica. "Ademais" -engade- "analizando eses mesmos datos vemos como hai determinados sectores e familias que sofren especialmente esa pobreza, por exemplo as familias monomarentais, mulleres con fillos ao seu cargo, nas que atopamos niveis de pobreza que chegan ao 53%", alerta.

"Un elemento que sempre consideráramos fundamental para a inclusión social, como é o emprego, non está cumprindo esa función, porque é un emprego de baixísima calidade, con moita temporalidade e ingresos moi baixos"

Susías chama a atención, igualmente, sobre o fenómeno crecente dos traballadores e traballadoras pobres: "Vemos que un elemento que sempre consideráramos fundamental para a inclusión social, como é o emprego, non está cumprindo esa función, porque é un emprego de baixísima calidade, con moita temporalidade e ingresos moi baixos: está aumentando o número de traballadores pobres". "En función desta realidade, temos que debater cuestións relativas á regulación laboral, ao salario mínimo e á temporalidade do emprego. Se non recuperamos o emprego como elemento de inclusión social, dificilmente poderemos facer fronte aos retos que temos por diante", destaca.

Entre as medidas que as organizacións sociais esixen para loitar contra a pobreza están, por riba de todo, as relativas á "garantía de rendas". Susías sinala que "defendemos un sistema público e estatal de rendas mínimas que lles garanta uns fondos mínimos ás comunidades familiares e que estea composto por ese ingreso mínimo por unidade familiar, unha axuda mensual por fillo e filla (como xa teñen 22 dos 28 países da UE) e unha axuda ao alugueiro de vivenda para as familias con poucos recursos". Salienta que "isto non é unha carga nin un gasto: isto é un investimento e un motor de desenvolvemento interno, porque son cartos que reverten directamente na sociedade, de abaixo a arriba. Estas rendas mínimas garantidas non van comprar iates, senón que van ir directamente aos servizos de proximidade e á tenda do barrio. Estes cartos inxéctanse na economía local, fomentando o desenvolvemento".

"Defendemos un sistema público e estatal de rendas mínimas que lles garanta uns fondos mínimos ás comunidades familiares"

Para EAPN-España, o outro gran piar da batalla contra a exclusión social é "a defensa duns servizos públicos de calidade: sanidade, educación..., moi importante para loitar contra a transmisión interxeracional da pobreza". "Defendemos tamén que na reforma constitucional que vai haber nesta lexislatura os dereitos sociais pasen estar recoñecidos no texto, como dereitos esixibles por parte da cidadanía. Entre eses dereitos recoñecidos constitucionalmente ten que estar esta renda mínima garantida para as persoas que non teñan uns recursos mínimos", engade.

Finalmente, conclúe Susías, "pedimos tamén que se lle recoñeza un maior papel ao Terceiro Sector como un axente emerxente, que sexamos moito máis recoñecidos e escoitados en todos os ámbitos nos que temos unha presenza importante: vivenda, servizos sociais, políticas de emprego...". O presidente de EAPN-España chama igualmente a "mellorar a coordinación entre administracións, e ás veces mesmo dentro dunha mesma administración", destacando que "en ocasións somos nós, as entidades sociais, quen axudamos á coordinación dentro das administracións e entre elas".

"Nos últimos anos avanzamos algo, pois dende os movementos sociais conseguimos que certos temas estivesen presentes no debate político"

"A loita contra a pobreza ten que ver coa economía, a pobreza non é un tema de asuntos sociais, é un tema económico. A pobreza é o envés da riqueza, cando se fale de economía e de riqueza, haberá que falar tamén da pobreza provocada por un reparto desigual desa riqueza", subliña.

De cara ás eleccións xerais do 20 de decembro, Susías cre que "nos últimos anos avanzamos algo, pois dende os movementos sociais conseguimos que certos temas estivesen presentes no debate político". "Por exemplo, creo que o tema das rendas mínimas está xa no debate político, e practicamente todos os partidos están presentando propostas que teñen que ver coas ideas que defendemos, nesta cuestión e noutras", di. "Agora o que temos que conseguir é que se materialicen en cousas concretas. É o reto que teremos a partir do 20 de decembro. Por iso é importante que as entidades sociais e o terceiro sector, esteamos cada vez máis unidas, cuns obxectivos cada vez máis claros e máis concretos", engade.

 

Temas tratados no Foro

Ademais da intervención de Susías, pola mañá celebrouse un diálogo sobre participación de persoas en risco de pobreza ou exclusión entre Yosehanna Ledesma e Javier Pérez García, de EAPN Galicia; e Antonio Fernández Moro, da Junta de Castilla y León, ofreceu unha conferencia sobre coordinación entre administracións e organizacións sociais. 

Responsables de políticas sociais en varios concellos galegos debateron sobre a coordinación entre institucións

Así mesmo, responsables de políticas sociais en varios concellos galegos debateron sobre a coordinación entre institucións, coa participación das concelleiras de Servizos Socias de Ourense (María Gómez-Franqueira), Santiago de Compostela (Concha Fernández), Lugo (Ana González) e A Coruña (Silvia Cameán); do alcalde de Muras, Manuel Requeijo; e da ata agora Directora Xeral de Familia e Inclusión da Xunta, María Amparo González.

Finalmente, a programación do Foro completouse con obradoiros (sobre a aplicación da RISGA, inclusión e emprego e a pobreza e exclusión en familias monomarentais) e a celebración por segundo ano consecutivo da Ágora do Terceiro Sector e Voluntariado. Nela, oito organizacións sen ánimo de lucro ou empresas de economía social expuxeron durante 15 minutos e ante un auditorio reducido de persoas interesadas, proxectos innovadores na loita contra a pobreza e a exclusión social.

Carlos Susías, presidente de EAPN-España © Cermi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.