"As revolucións árabes axustaron a nosa visión á realidade desas sociedades"

Santiago Alba CC-BY-NC Universidad Internacional de Andalucía

Santiago Alba Rico participou na última xornada do seminario da UDC e a Rede de Dereitos Sociais Medios, Comunicación e Poder, que se pechou este xoves na Coruña. Ensaísta, tradutor e bo coñecedor do mundo árabe, reside na actualidade en Túnez, despois de facelo durante varios anos en Exipto. Falamos con el sobre Siria, Exipto, as primaveras árabes e sobre a emerxencia social dos últimos tres anos nas beiras do Mediterráneo. Salienta que "houbo movementos populares que tomaron as rúas durante días, semanas ou meses. O problema é que non se conseguiu ningunha vitoria. Atopámonos cunha poboación cansa, que xirou de novo cara á protección dos propios intereses e cara á vida privada como consecuencia desta falta de vitorias. Queda pendente, polo tanto, a construción dunha nova hexemonía en termos gramsciáns".

"Hai unha tendencia dos medios de comunicación, tanto dos de esquerda coma dos de dereitas, a ignorar todos os sectores laicos, democráticos, de esquerdas, pacifistas, comunistas, anarquistas, que están combatendo contra Al-Asad"

Como analizas a situación actual da guerra en Siria, despois de quese chegase a un acordo para evitar a intervención norteamericana?

Levamos dous anos e medio dun conflito que segue aí e no que continúan morrendo sirios todos os días. O que si se evitou foi agravar o problema, impedindo esa intervención, que tería sido unha verdadeira calamidade para o pobo sirio, ademais dunha flagrante violación do dereito internacional. O problema permanece e ten que ver cunha revolución inicial, pacífica, contra unha ditadura feroz, unha revolución que despois é abandonada por todos, pola dereita e pola esquerda. E finalmente, a través do financiamento e do armamento, máis ou menos reducido, dos sectores máis yihadistas, a revolución acabou por parecerse á propaganda que sostivo sempre o réxime de Al-Asad. Hai unha tendencia dos medios de comunicación, tanto dos de esquerda coma dos de dereitas, a ignorar todos os sectores laicos, democráticos, de esquerdas, pacifistas, comunistas, anarquistas, que están combatendo contra Al-Asad.

"Neste momento o importante é chegar a un alto o fogo, recompoñer as forzas democráticas, que neste momentos están combatendo non só contra Al-Asad, senón tamén contra Al-Qaeda"

Hai algunha vía de solución?

É complicado. Podería ter habido unha forma, que pasaba por armar os sectores laicos, democráticos e de esquerda. Non se fixo e foron perdendo protagonismo. E o mellor tería sido non chegar a iso, e que Al-Asad cedera ante as protestas. Neste momento o importante é chegar a un alto o fogo, recompoñer as forzas democráticas, que neste momentos están combatendo non só contra Al-Asad, senón tamén contra Al-Qaeda. E iso depende das presións internacionais. Como se converteu nunha guerra interposta, unha guerra por delegación, as potencias en conflito, dun lado e doutro, son as que teñen que presionar. Hai movementos que así o indican, hai negociacións, e imos ver se esas negociacións chegan a algún sitio. Pero Al-Asad non vai abandonar o poder e esa é unha condición irrenunciable de todos os grupos da oposición para sentar a negociar.

"O golpe de estado reaccionario en Exipto non só invalida todas as loitas rexionais dos dous últimos anos e medio, senón que fai retroceder a rexión máis aló deses dous anos e medio"

Que vai pasar en Exipto?

En Exipto ocorreu todo aquilo que máis temiamos todos aqueles que estivemos apoiando con entusiasmo e esperanza os procesos de cambio no mundo árabe. Houbo un golpe de estado antislamista, que eu considero un golpe de estado rexional, porque chegou dende Libia, Exipto, a propia Siria e Qatar, inspirado máis ben por Arabia Saudí. Demostrando que vivimos nun mundo multipolar, no que as potencias locais deciden dar un golpe de estado sen previas consultas cos Estados Unidos, sabendo que os Estados Unidos terán que negociar con eles, aceptando unha situación de feito. Exipto é quen asegura o cumprimento dos acordos de Camp David, e vimos como os palestinos, sobre todo os próximos a Hamás, convertéronse en obxecto de persecución. Este golpe de estado reaccionario non só invalida todas as loitas rexionais dos dous últimos anos e medio, senón que fai retroceder a rexión máis aló deses dous anos e medio. Iso non significa que todo acabara en Exipto. Puxéronse en marcha procesos populares de empoderamento que seguen moi vivos, nas loitas sindicais, por exemplo, nas mobilizacións do sector téxtil, e tamén nas rúas, tomadas polos militares. Ademais, as mobilizacións continuas dos Irmáns Musulmáns son silenciadas non só polo goberno militar, senón pola maior parte dos medios de comunicación internacionais, que xa non informan, porque as vítimas da represión son os islamistas.

Que visión do que sucede nestes países se ofrece nos medios de comunicación españois?

Hai moita ignorancia, tamén en moitos sectores da esquerda. A min preocúpame que se estea incorrendo nos mesmos clixés islamofóbicos que empregou por exemplo George Bush, que se recorra aos argumentos dun aludido carácter fanático ou terrorista dos opositores a un ditador, para condenar unha intervención que creo que habería que condenar por outros motivos.

"Podemos ver agora un periodo de retroceso, pero non hai que descartar que todos estes movementos cristalicen en formas mellor organizadas dentro de poucos anos, en novas tentativas de transformación"

Segue vivo o impulso das primaveras árabes?

As revolucións árabes descubríronlles a moita xente unha nova realidade, e iso pode levar a unha tentación de despecho, de dicir: aquilo non era verdade. E si que era verdade: descubríronnos unhas sociedades árabes moi ricas, axustaron a nosa visión ao que é a realidade desas sociedade, do mundo árabe, chea de xente nova, de movementos populares, con moitas correntes, cun gran uso das novas tecnoloxías... O que pasa é que todo isto sucedeu na zona na que hai máis intereses xeoestratéxicos do mundo. E eses procesos ou ben foron abortados dende o inicio, ou foron descabezado por un golpe de estado, ou por guerras civís, que son a mellor ocasión para que volvan os sectores máis radicais da ultradereita islamita, que quedaran fóra de xogo coas revolucións. Vivimos un desxeo, con poboacións que vivían petrificadas baixo a opresión económica e social, baixo a humillación permanente dunhas elites mafiosas que ademais aplicaban políticas neoliberais. E esta explosión popular segue sendo unha boa nova. Hai países como Túnez ou Exipto nos que houbo unha toma de conciencia impresionante, alí deuse unha mutación. Como dicía Olga Rodríguez o outro día, quizais non houbo unha revolución social ou económica, pero si unha revolución política en termos de toma de conciencia. É un cambio tan esperanzador e obxectivo como se se invertiran os polos terrestres, e creo que vai ser difícil que se revertan. Podemos ver agora un periodo de retroceso, pero non hai que descartar que todos estes movementos cristalicen en formas mellor organizadas dentro de poucos anos, en novas tentativas de transformación

"A esquerda debe renunciar a certas señas de identidade, agora baleiras, para poder incorporar a todos estes sectores da poboación vítimas da crise, creo que instintivamente anticapitalista"

E que vai pasar en España? Hai forza suficiente na esquerda para darlle a volta á situación e liderar un proceso constituínte?

Creo que nos últimos dous anos vivimos na conca mediterránea procesos moi semellantes que actúan na mesma falla tectónica do capitalismo global. Houbo movementos populares que tomaron as rúas durante días, semanas ou meses. O problema é que non se conseguiu ningunha vitoria. Nin houbo tempo para que xurdisen novos marcos interpretativos, nin se conseguiu ningunha vitoria que axudase a construír eses marcos interpretativos. Atopámonos cunha poboación cansa, que xirou de novo cara á protección dos propios intereses e cara á vida privada como consecuencia desta falta de vitorias. Queda pendente, polo tanto, a construción dunha nova hexemonía en termos gramsciáns. A esquerda debe renunciar a certas señas de identidade, agora baleiras, para poder incorporar a todos estes sectores da poboación vítimas da crise, creo que instintivamente anticapitalistas, pero que creo que non deron o paso para formar parte deste precipitado químico da nova hexemonía, que é indispensable crear se se quere ter algunha posibilidade ante un capitalismo que se atopa moi organizado e que é moi consciente de que se atopa nunha fase aguda da loita de clases.

Santiago Alba CC-BY-NC Universidad Internacional de Andalucía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.