As sombras que arrodean os impulsores do megaproxecto de batata na Costa da Morte

Planta na web de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

A empresa Termo-Biológicas prevé un gran proxecto de xeración de biocombustible que implicaría varios concellos da Costa da Morte. Trátase dun plan de xeración de biodiésel a partir da plantación da pataca doce -tamén coñecida como batata- en amplas extensións de terreos da zona. Supón, en palabras dos seus directivos, unha oportunidade para as comarcas onde tiña previsto instalarse a polémica mina de Corcoesto, rexeitada finalmente pola Xunta logo dunha importante mobilización social. 

A empresa Termo-Biológicas prevé un gran proxecto de xeración de biocombustible que implicaría varios concellos da Costa da Morte

Termo-Biológicas é unha firma creada hai poucos meses en Galicia e de matriz foránea (en Panamá). Unha compañía con sede na Coruña dedicada á "produción de combustibles de alta octanaxe, industriais e alcois menores, de xeito totalmente limpo e sen contaminar", segundo di na súa web. Avanzando paseniñamente e sen facer moito ruído, a firma di que asinou xa convenios con varios concellos (Cabana, Coristanco, Carballo, Ponteceso, A Laracha, Fisterra e Malpica) e busca outros con varios máis como Arteixo ou Ordes, acordos aos que -segundo conta- xa tería chegado coa Autoridade Portuaria e Portos, logo de presentar a iniciativa á Xunta e recibir o seu primeiro visto e prace. Precisa grandes extensións de terreos e negocia tamén con propietarios e comunidades de montes. 

Nos supostos convenios cos concellos a empresa incluíu unha cláusula de confiencialidade que impide aos alcaldes afondar nun proxecto que requiriría un mínimo de 200.000 metros cadrados de solo con cualificación de industrial e o emprego -para o que requiriría unha concesión de Augas de Galicia- de 20 hectómetros cúbicos de auga ao ano entre uso agrícola e industrial, 20.000 millóns de litros anuais. Non obstante, fontes municipais das administracións locais aseguran que os contactos limitáronse a unha presentación do proxecto, unha conversa moi por riba e sen sinatura de pacto ningún. Unha iniciativa nada clara aínda, máis aló das intencións. 

Termo-Biológicas é unha compañía "instrumental" vinculada á matriz Lysply, con base en Panamá

A empresa que desenvolve o proxecto é, en realidade, Lysply Hidrógeno-Butanol-Gasolina S.A., constituída en xaneiro en Panamá e con capital español e estadounidense. Termo-Biológicas é, segundo eles mesmos aclaran, unha compañía "insrumental" para facilitar a intalación da outra firma, vinculada coa matriz orixinaria, a construtora Lysply SA, con sede en Tenerife e coñecida xa en diversos puntos do Estado por outros intentos de grandes proxectos enerxéticos como en Andalucía ou nas Canarias. En ambos os dous casos, o resultado final foi o mesmo: as iniciativas foron botadas abaixo polos gobernos autonómicos e a xustiza tivo que ser quen rexeitara as elevadas peticións de indemnización por parte da empresa. De ata 620 millóns de euros diarios. 

Os outros grandes proxectos de Lysply foron rexeitados polas administracións tras reclamacións milmillonarias da compañía rexeitadas pola Audiencia Nacional

Detrás de todos estes casos está Daniel González González, enxeñeiro canario presidente agora de Termo-Biológicas e propietario tamén da contrutora Lysply, empresa que intentou a construción dun laboratorio de enerxía solar na localidade tinerfeña de Granadilla de Abona pero que non contaba coas licenzas esixibles. En xaneiro de 2013, a Audiencia Nacional desestimou a indemnización milmillonaria que a compañía reclamaba ao Eatado e ao Goberno das Canaras polo precinto do seu proxecto. 

Lysply pretendía que se condenase a ambas as dúas adminitracións a pagarlle 50 millóns de euros diarios a contar desde o 9 de febreiro de 2009 e ata que se satisfixese esa compensación polos danos que dicía ter sufrido pola cancelación das obras daquel laboratorio. O Executivo canario suspendéraas por ocupar solo rústico protexido, carecer de licenza urbanística, levarse a cabo sen cualificación territorial e sen a autorización da Dirección General de Energía. A Garda Civil e a policía local tiveran que colaborar no precinto das obras e a Fiscalía denunciouu aos responsables da firma por delitos conra a ordenación do territorio, contra o  medio ambiente e desobediencia. 

Lysply pediu indemnizacións de 50 e de 620 millóns de euros ao día pola paralización dos proxectos de enerxía solar nas Canarias e en Andalucía

 

Dous proxectos paralizados polas administracións

Lysply alegaba que a paralización das obras lle causaran un prexuízo de 40.256 millóns de dólares e que perdera contratos internacionais, polo que reclamou 50 millóns de euros diarios en concepto de responsabilidade contra os ministerios de Xustiza, Traballo e Medio Ambiente, o Goberno de Canarias e o Concello de Granadilla. A sentenza non só non lle deu a razón, senón que lembrou que a orde de suspensión nin tan sequera fora impugnada pola compañía. 

Algo semellante ocorreu en Andalucía. Daquela foi o deserto de Tabernas, en Almería, o lugar onde a empresa Guradoor -da que Daniel González era apoderado- quixo montar unha grande horta solar de 20.000 hectáreas que daría emprego á zona durante vinte anos. Presentouse en 2012 e pretendía unha central termoeléctrica no devandito deserto, ocupando tamén zonas de Murcia e Albacete. Para encargarse da instalacións, a empresa contaba cunha construtora encargada: a mesma Lysply. O Concello deu luz verde á utilización dos terreos. 

Pero o resto de administracións (Ministerio de Industria, Junta de Andalucía e goberno da Región de Murcia) botaron atrás o proxecto por non cumprir a normativa que requiría este tipo de instalacións. A empresa presentou unha demanda ante a Audiencia Nacional, argumentado que o silencio administrativo administrativo ás súas solicitudes lle causara un grave prexuízo. Reclamou unha indemnización de máis de 620 millóns de euros diarios desde maio de 2012, cantidade que se correspondería co beneficio que esperaban coa actividade. 

A empresa Guradoor viu como as administracións públicas botaban atrás o seu proxecto e a financeira que a apoiaba tamén deu marcha atrás. A gran planta solar desapareceu antes sequera de montar unha soa placa. 

A empresa promete 1.500 empregos directos "de alta cualificación" en Galicia

En Galicia, desde hai meses, representantes da empresa reúnense xa con propietarios de terreos, comuneiros, cooperativas e administracións. Precisan extensións para os invernadoiros onde, segundo aclaran, eles mesmos fabrican o tipo de solo necesario que se incorpora a unhas bandexas onde plantarán as batatas. Aspiran a seis colleitas ao ano e a súa aposta por Galicia deberíase á idoneidade do clima e das condicións. Cun investimentos inicial de 300 millóns de euros en cada un dos módulos industriais que se creen -catro que se prevén en Cee, Laracha, Ponteceso e Coristanco- as promesas de empregos directos "de alta cualificación" elévanse xa a 1.500. A compañía mesmo recolle xa currículos, segundo puido saber este diario, e asegura que tanto o peirao de Brens como o porto exterior de Punta Langosteira -onde anuncia unha base- serán claves para o movemento das súas mercadorías.

Plantación de pataca doce CC-BY-SA Ji-Elle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.