As touradas, derroche de cartos públicos en tempo de "austeridade"

O movemento en contra das touradas en Galicia non deixa de crecer CC-BY-SA Asociación Animalista Libera!

As corridas de touros, ademais dos seus aspectos morais rexeitables, estanse convertendo nos últimos anos nun buraco negro no que as administracións públicas deitan axudas económicas, co obxectivo de soster un espectáculo cada vez máis reprobado pola sociedade. A pesar do decrecente apoio popular e de que o CIS indica que só o 9,8% dos españois acudiu a unha corrida de touros (unha porcentaxe inferior aos que foron ao circo -10,8%- ou a un xardín botánico -13,8%-), os distintos gobernos seguen apoiando as touradas. O ministro de Cultura, José Ignacio Wert, afirmou este martes que "Os touros son un ingrediente da marca España que require protección". 

En Alemaña o financiamento das corridas de touros españolas con fondos europeos ergueu o malestar entre os seus cidadáns

Boa parte da batalla contra as touradas ten que darse no Parlamento Europeo, no intento de que ao redor de 600 millóns de euros destinados a desenvolvemento agrario (inseridos nos fondos FEDER) deixen de desviarse ao financiamento de empresarios taurinos dedicados á cria de touros para a súa morte. En Alemaña o financiamento das corridas de touros españolas con fondos europeos ergueu o malestar entre os seus cidadáns. As denuncias tamén inclúen a Portugal, onde estes fondos FEDER se empregaron en ocasións para financiar reformas e obras en prazas de touros e demais equipamentos relacionados coa tauromaquia.

Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda denuncia "hai países europeos que non queren evolucionar e que amosan a imaxe de sociedades trasnoitadas". Pero, asegura que "hai esperanza, como amosa a prohibición en Catalunya". En canto a Galicia, fai fincapé en que "hai espectáculos taurinos que non deberían ser financiados con fondos públicos".

 

Na Coruña, o Concello gasta 130 mil euros ao ano

O caso galego é máis sorpendente, debido á escasa afección por este tipo de espectáculo. Só queda una praza de touros, a de Pontevedra, das once que había na década dos sesenta. Séguense organizando, iso si, festexos puntuais noutras localidades, como A Coruña ou Muíños, por exemplo, e todas teñen en común a elevada porcentaxe de fondos públicos nos seus orzamentos e o seu escaso apoio popular. En Muíños, por exemplo, denunciouse o pasado ano que o Concello aproveitou parte dos cartos dos FEDER para promocionar unha tourada na que participou Julio Benítez 'El Cordobés', tal e como se podía ver no cartaz das festas, no que aparecían os logos do INORDE e do FEDER.

Existe un claro desacordo entre a cidadanía coruñesa coa subvención que destina o concello para a realización de corridas de touros, 130 mil euros anuais

A feira taurina da Coruña, pola súa banda, tivo unhas perdas acumuladas nos tres últimos anos, de 560 mil euros, que serían de case un millón se non fose pola achega económica do concello, ao redor dos 400 mil euros neste tempo. A asistencia de espectadores ao Coliseo foi moi escasa (o vinte por cento do aforo), unhas 5.400 persoas. E iso a pesar de que o pasado ano se repartiron gratuitamente seis mil entradas, un 119% máis ca en 2010. De feito, segundo unha enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, existe un claro desacordo entre a cidadanía coruñesa coa subvención que destina o concello para a realización de corridas de touros, 130 mil euros anuais. O 73,2% dos coruñeses declara estar en contra deste gasto público, unha proporción que é case absoluta entre os menores de 30 ano (90% en contra) e entre os que teñen entre 30 e 44 anos (78%).

 

A abolición en Galicia, paso a paso

Rubén Pérez, voceiro da plataforma Galicia Mellor sen Touradas, salienta que “acadamos pequenas vitorias, coma o tema da prohibición da entrada dos menores de 14 anos ás corridas, que está a piques de aprobarse no Parlamento, mesmo co apoio do PP”. Salienta igualmente o movemento popular que se está dando na Coruña “onde cada vez máis xente está convencida de que se teñen que retirar as axudas”. Pérez é optimista e sitúa a clave da solución na retirada das axudas: “estamos en Galicia, onde sen subvencións públicas, non hai touradas, porque non hai hábito nin afección".

“Estamos en Galicia, onde sen subvencións públicas, non hai touradas, porque non hai hábito nin afección"

En canto aos seguintes pasos a dar, Pérez é prudentes: “despois da abolición en Catalunya, intentouse levar adiante a ILP en Madrid, Andalucía, Euskadi, sen éxito. Imos ir paso a paso; podemos comezar con recollidas de sinaturas máis simbólicas, por exemplo as que levamos a cabo para a retirada das axudas na Coruña, que levamos máis de dez mil e esperamos chegar a 15 mil. Pero somos conscientes de que se o levamos agora ao Parlamento, non sairía adiante”.

Rubén Pérez e Ana Miranda participaron a semana pasada na Coruña nunha conferencia sobre as touradas promovida pola plataforma Galicia Mellor sen Torudas e a asociación animalista Libera na que tamén participaron Leonardo Anselmi, ex portavoz da plataforma Prou! que logrou a prohibición das corridas de touros en Cataluña, e Rui Silva, da plataforma portuguesa Basta de Touradas. Silva dixo que o sufrimento infrinxido ao animal en Portugal "é igual ou mesmo superior, ao prolongarse ás veces durante tres ou catro días" e salientou que o apoio ao abolicionismo está a crecer alén do Miño. Anselmi afirmou, pola súa banda, que en Galicia "hai que comezar polas activación do movemento; o consenso social xa está conseguido e só falta convencer aos partidos políticos, e iso faise co activismo social”.

A mobilización popular en Catalunya levou á abolición deste espectáculo CC-BY-SA Prou!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.