En Sarria, contra as touradas

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Galiza Nova convoca para este domingo ás 17.30 horas unha concentración para protestar contra a corrida de touros que se vai celebrar na vila, nunha praza móbil instalada polo Concello. A organización xuvenil do BNG chama "ás veciñas e veciños de Sarria a expresar o rexeitamento a esta acción que nada ten a ver coa cultura galega" e denuncia que o Goberno municipal, do PP, subvencione este espectáculo ao mesmo tempo que efectúa recortes en áreas de verdadeira importancia. A concentración será ao lado do Pavillón novo (Rúa Castelao), lugar onde se instalará a praza móbil

Galiza Nova convoca para este domingo ás 17.30 horas unha concentración para protestar contra a corrida de touros que se vai celebrar na vila, nunha praza móbil instalada polo Concello

O mes pasado xa a plataforma Galicia, Mellor sen Touradas lle esixiu explicacións ao Concello de Sarria polo financiamento público dos festexos taurinos e tamén pola viaxe do concelleiro de Xuventude, Manuel Sangil, a Salamanca para mercar os touros que se matarán este domingo. A plataforma denunciaba que o Concello "nunca ofreceu datos reais sobre a súa implicación na celebración dos festexos taurinos, a pesar de que as arcas municipais chegaron a asumir miles de euros de perdas dun empresario".

 

Os mozos e mozas, pola abolición

Pola súa banda, nove colectivos xuvenís ligados a partidos políticos ou movementos sociais presentaron un manifesto conxunto pola abolición. Trátase de Galiza Nova, Xuventudes Socialistas de Galicia, Isca!, IESGA, Comités Abertos, Mocidades do Encontro Irmandiño, Área de Mocidade de Esquerda Unida, Mocidade Nacionalista Galega e Moz@s pola Abolición, o colectivo de mocidade de Galicia, Mellor sen Touradas.

O manifesto pide "a fin de calqueira clase de subsidio ou axuda económica ou doutra tipoloxía para contribuir a realización de festexos taurinos no territorio galego"

No texto, titulado O futuro: Abolición, salienta que "as touradas son un espectáculo macabro, cruento e trasnoitado que fainos envilecer como sociedade" e que "a tentativa de seguiren fomentando a barbarie taurina, valéndose de medios de comunicación de masas e declaracións de "interese cultural" fracasará unha e outra vez fronte unha mocidade activa, informada e reivindicativa que non está disposta a deixarse enganar durante máis tempo". O texto conclúe que "as mozas e os mozos galegos rexeitamos de xeito maioritario e radical a celebración deste tipo de actividade na nosa terra, entendendo que non forman parte da nosa cultura nen da nosa idea de respeto cara os animais".

O manifesto pide "a fin de calqueira clase de subsidio ou axuda económica ou doutra tipoloxía para contribuir a realización de festexos taurinos no territorio galego" e o "desenvolvemento de iniciativas para impedir o acceso ás persoas menores de idade a este tipo de actividade".

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.