"É unha batalla gañada; acabaremos coas touradas"

Asistentes á conferencia de onte na Coruña Dominio Público Praza Pública

“A batalla está gañada”. Con esta frase, os activistas participantes este sábado na Conferencia Internacional pola Abolición da Tauromaquia amosaron o seu convencemento de que o rexeitamento ás corridas de touros en España é xa “moi maioritario” e que “só é cuestión de tempo” conseguir a súa prohibición total no Estado. O acto, organizado por Galicia, Mellor sen Touradas e CAS-Internacional na Coruña, contou coa presenza dunhas cincuenta persoas, entre elas os voceiros municipais do BNG e Esquerda Unida, Xosé Manuel Carril e César Santiso.

O encontro contou, ademais de cos responsables de Galicia Mellor sen Touradas e CAS, Rubén Pérez e Marius Kolff, con Helena Escoda, historiadora e activista catalá, o activista portugués Rui Silva, o xornalista luso Sérgio Alves, así como Jordi Guillot, senador e vicepresidente de Iniciativa per Catalunya, que tivo un papel destacado no proceso de abolición das touradas en Catalunya.

"As touradas teñen máis pasado que futuro; o vento sopra a favor dos abolicionistas"

Precisamente, Guillot resumiu na súa intervención o sentir xeralizado dos asistentes. “Somos maioría os que cremos que as touradas son unha barbaridade”, asegurou o senador, que insiste en que “teñen máis pasado que futuro” e que “o vento sopra a favor dos abolicionistas”. De feito, destacou que as últimas enquisas sitúan en menos dun 30% a porcentaxe de poboación que di ter interés na “mal chamada festa nacional”, mentres que case un 70% afirma non ter afección ningunha por ella.

“É unha batalla gañada; tardaremos máis ou menos, pero acabaremos coas touradas”, engadiu Guillot, que fixo un repaso por varios motivos que fan inxustificable o seu apoio. “Hai motivos éticos evidentes, xa que non é propio dos humanos provocar dor nos animais e moito menos para se divertir”, argumentou o senador catalán, que insistiu no “escaso apoio social” ás corridas ou nas “razóns económicas” que dan forza á abolición.

"É unha festa artificial, subvencionada e que non se dá autofinanciado"

“É unha festa artificial, subvencionada e que non se dá autofinanciado”, lembrou Guillot, que fixo referencia ás axudas que incluso acaban fomentando as touradas con cartos procedentes de axudas europeas da PAC, tal e como lembrara antes o activista portugués Rui Silva. Do mesmo xeito, o político de Iniciativa lembrou a “escasa audiencia” coa que contan os programas ou retransmisións sobre os touros ou o “envellecemento evidente” do público dunhas corridas que “cada vez contan con menos subvencións e menos contratacións”.

Ademais, tanto Guillot como o resto de activistas, especialmente Marius Kolff, insistiron na “imaxe negativa” que España transmite noutras partes de Europa debido ás touradas. O responsable de CAS-Internacional destacou o rexeitamento que o maltrato dos touros xera nos turistas europeos que se achegan a cidades con corridas, como A Coruña, que recibe milleiros de cruceiristas contrarios a esta “mal chamada festa nacional”.

“En Alemaña non saben quen é Rodrigo Rato, pero si saben que aquí hai touradas ou a barbaridade do Toro de la Vega, recalcou o político catalán, que fixo un repaso pola ILP que rematou coa abolición das touradas en Catalunya, reivindicando “a legalidade e competencia soberana” do parlamento autonómico nunha decisión que “non ten nada que ver coa identidade nin co nacionalismo”, tras lembrar, como tamén fixo a hitoriadora  Helena Escoda, que en Barcelona “sempre houbo afección polas touradas, pero que o rexeitamento popular é froito "da evolución da sociedade".

“A inmigración chegada de Estremadura ou Andalucía non influíu para nada neste apoio ás corridas porque moita xente catalá ten afección polas touradas”, engadiu Escoda, que lembrou que en 1835 xa houbo este tipo de espectáculos, e moi concorridos, en zonas do país catalán.

Todos os activistas, que participaron ao final do acto nunha mesa redonda, destacaron “a importancia da Unión Europea” na loita pola abolición das touradas, ao ser “o principal valedor na defensa dos dereitos dos animais”, así como na “necesaria concienciación dos máis pequenos”. Rui Silva lembrou que en Portugal “hai visitas escolares a museos das touradas e un intento por valorar o espectáculo entre os cativos”. “A insensibilización comeza desde que son moi pequenos”, destacou, ao tempo que se reclamaba tamén que materias escolares como Educación para a Cidadanía “sensibilizasen os rapaces sobre o maltrato animal”.

O vindeiro 27 de xuño crearase unha asociación parlamentaria, con varios deputados, en contra das touradas no Estado

No ámbito político, Jordi Guillot optou por “aceptar o reto do PP”, que emprega todas as súas armas para defender as touradas ou utilizalas demagoxicamente como estratexia, para “seguir facendo pedagoxía” contra o maltrato e tortura animal. Así, anunciou en exclusiva a creación, o vindeiro 27 de xuño, dunha asociación parlamentaria contra as touradas e que contará con deputados do Congreso de varias formacións políticas. “Seremos un lobby no Congreso en loita pola defensa dos dereitos dos animais, un colectivo de denuncia e de protesta”, explicou.

O acto tivo lugar na Coruña, unha cidade que leva anos subvencionando as corridas e que este ano manterá as touradas sen axuda pública pero co pagamento de todos os gastos derivados da súa organización, ademais da limpeza ou a cesión da banda municipal. Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor sen Touradas, márcase o ano 2015 como obxectivo para porlle fin aos touros na cidade e cre que a empresa que organizará a feira "pensarao dúas veces en anos vindeiros", cando vexa o escaso éxito que teñen na urbe.

Asistentes á conferencia de onte na Coruña Dominio Público Praza Pública
Mesa redonda dos activistas na conferencia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.