As universidades amosan "preocupación" polo futuro da lingua e esixen que se cumpra a lei

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

Os departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) veñen de facer pública unha declaración conxunta expresando a súa “fonda preocupación pola situación que atravesa actualmente a lingua galega e polo seu futuro”, que consideran “seriamente ameazado”. 

A súa reflexión e chamamento público veñen motivados polos "diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o uso e transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no último lustro". Sinalan que estes estudos confirmaron que o nivel de uso efectivo da lingua propia do país retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, "o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria". Alertan, igualmente, da "preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada", e tamén do "recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado".

A declaración subliña que este proceso provén "en primeiro lugar e en gran parte" da "falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004 por unanimidade" e, "en segundo lugar e de forma subseguinte", dos "efectos contraproducentes" do Decreto de plurilingüismo do ano 2010.

Conclúen que "a sociedade galega actual, querendo preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro, forzosamente terá que se transformar en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes". "O primeiro deles é a súa lingua propia", destacan, que "ao tempo que nos singulariza cunha identidade milenaria, nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países".

"Para podermos tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística"

"A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia" -engaden- "Mais, para podermos tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais".

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC
Biblioteca da Facultade de Filoloxía da Coruña © UDC
Interior da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.