"As verdadeiras provida somos as feministas"

Presentación da manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto CC-BY-SA Praza Pública

"Ningunha lei reduce o número de abortos, unha muller que ten decidido abortar vaino facer, coa lei ou sen ela, en condicións sanitarias óptimas, que é o que esiximos, ou noutras condicións. O que vai conseguir Gallardón é que aumenten os abortos de risco. Cada ano morren 70 mil mulleres no mundo por abortos clandestinos". A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto convoca unha manifestación en Compostela este sábado 28, Día Internacional de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto, e ante a posibilidade de que o Goberno abra en outubro o proceso para eliminar o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos. A marcha, que contarán con numerosas accións reivindicativas no seu percorrido. partirá ás 17.30 horas dende a Estación de tren e chegará á Praza Roxa ás 19.30 horas, apoiada polas 65 organizacións e colectivos que conforman a Plataforma.

"O PP e a Igrexa Católica non son provida: defenden os dereitos do feto até que nace, pero despois recortan en sanidade, en dependencia, en comedores públicos, provocan casos crecentes de desnutrición infantil... Ignoran a violencia de xénero e os asasinatos de mulleres"

"Nós, as feministas, somos as verdadeiras provida, porque defendemos unha vida digna para todos, unha vida que merece ser vivida", salientaron as voceiras do colectivo na presentación da manifestación, este mércores. E engadiron: "o PP e a Igrexa Católica non son provida: defenden os dereitos do feto até que nace, pero despois recortan en sanidade, en dependencia, en comedores públicos, provocan casos crecentes de desnutrición infantil... Ignoran a violencia de xénero e os asasinatos de mulleres". "Os seus argumentos son falsos", conclúen. Por este motivo, din, “esiximos unha sanidade pública e de calidade. Esiximos as mellores condición para todas as mulleres e iso só se dá na sanidade pública". Esixen tamén "que haxa unha prevención. Esiximos que haxa unha educación afectivo-social laica”.

A lei actual é unha lei de prazos, pero coa reforma volveríase a un modelo de supostos onde só se podería abortar en caso de violación, de risco para a vida da nai ou de malformación do feto; pero neste último caso todo indica que só se poderá interromper o embarazo no caso de que a malformación sexa moi grave. En 2011 abortaron 118.359 mulleres e delas, 105.341 (o 89%) non poderían facelo se a situación se lles presentase a partir de que entre en vigor a reforma propulsada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón.

Conclúen que a reforma “significaría que temos que pedir permiso para tomar decisións sobre os nosos corpos. Considéranos ás mulleres menores de idade perpetuas”

Para a Plataforma, esta reforma supón “un retroceso de máis de 25 anos" e supón "volver a un tempo no que as mulleres practicaban abortos clandestinos, poñendo en perigo as súas vidas", abrindo "unha fenda entre as mulleres ricas e as mulleres pobres". Para os colectivos que conforman a Plataforma a reforma da lei do aborto é unha decisión máis "dentro dunha estratexia máis ampla, clasista e  machista, que está tentando impoñer o PP. A política de gasto público que está levando a cabo o Goberno é un ataque claro á muller; só hai que reparar nos recortes en mamografías, en revisións xinecolóxicas, nos centros de orientación familiar ou nas campañas entre a mocidade para unha vida sexual sa e segura".

A reforma, salientan, constitúe unha “caza de bruxas contra as mulleres que disentimos do papel de nais e esposas, e caza de bruxas tamén contra os médicos”. E conclúen que “significaría que temos que pedir permiso para tomar decisións sobre os nosos corpos. Considéranos ás mulleres menores de idade perpetuas”.

Presentación da manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.