Así penaliza o Sergas elixir a sanidade pública

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A asociación El Defensor del Paciente vén de remitir un escrito ao conselleiro de Sanidade para reclamar unha solución á elevada espera que está a sufrir unha doente galega para ser operada da columna e para a que reclama unha "atención inmediata" ante as súas "condicións inaceptables" de saúde. Na carta, Carmen Flores, presidenta do colectivo que xa denunciou numerosos atrasos e eivas no sistema sanitario público galego, esixe ao Sergas que atenda "de inmediato" a paciente e advirte que, no caso de non facelo, enviarán á Fiscalía toda a documentación no seu poder para que poida "abrir investigación sobre as listas de espera vergonzosas e humillantes que hai en Galicia". A doente leva máis de un ano agardando pola operación que fora declarada prioritaria en maio de 2015.

El Defensor del Paciente reclama a Sanidade a "atención inmediata" da paciente que leva un ano e tres meses agardando a operación 

O caso e toda a documentación achegada -á que tivo acceso Praza-, volve pór en evidencia os atrancos e atrasos que sofren pacientes en Galicia cando solicitan seren atendidos nun hospital público, así como a penalización que se deriva de reclamar asistencia no Sergas, abeirada nun decreto do ano 2005 e na lei de garantías de prestacións sanitarias en vigor desde marzo de 2014 en Galicia que, como vén informando este diario, consagra o trasvase de pacientes á sanidade privada.

A recente lei de garantías de prestacións sanitarias consagra o trasvase de doentes do Sergas cara a centros privados

Neste caso, a doente presentou en outubro de 2015 unha reclamación ante a dirección xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) polos cinco meses que levaba xa agardando logo de que no mes de maio anterior fose incluída en lista de espera prioritaria para unha intervención cirúrxica ante os seus graves problemas na columna lumbar. Ante as "fortes dores", a afectada solicitaba ser intervida "o máis rápido posible". 

Na súa contestación, o Chuvi de Vigo comunícalle que "dada a presión asistencial existente no servizo de Traumatoloxía, a única posibilidade de levar a cabo a súa intervención no prazo máis curto é a de que acepte a súa realización nun centro concertado do Sergas". O hospital lémbralle que cando se lle foi ofrecida esa posibilidade, a doente reclamara ser intevida no centro público polo mesmo doutor que levaba o seu caso, "actualmente xubilado". Así, e logo desa primeira demanda para ser atendida no sistema sanitario público, a xerencia advírtelle que os pacientes "que rexeitan unha oferta asistencial como a que se lle formulou pasan á lista de espera 'non estrutural', que ten un prazo de espera superior, con suspensión temporal das garantías de demora que establece a normativa mentres se manteña esta situación".

Xa que logo, a doente foi penalizada por rexeitar nun primeiro momento a súa transferencia a un centro concertado e por requirir a intervención nun hospital do Sergas, tal e como lle recorda tamén a Valedora do Pobo na contestación a un escrito de reclamación. Nel, explícalle que, de acordo coa lexislación, e "unha vez esgotado o prazo máximo de espera dende a inclusión no Rexistro de tempos de Garantía para a Atención Sanitaria non urxente", o Sergas facilitará ao usuario a documentación para "solicitar a atención no centro acreditado da súa preferencia agás nunha serie de supostos". Un deles, como lle lembran, é ter rexeitado a oferta asistencial doutro centro sanitario. "Suposto no que vostede incorre", dille, tras xustificarlle o atraso na intervención "por non acreditarse a existencia dunha causa xustificada para o rexeitamento da alternativa ofertada". 

O Sergas acláralle á afectada que o ter rexeitado a intervención nun concertado colócaa na lista de espera 'non estrutural', cun prazo de tempo superior

Agora, e un ano e tres meses despois de que a doente fose incluída nunha lista de espera prioritaria para a intervención, a súa artrodesis ten empeorado, ademais de engadírselle novos problemas na columna que teñen reducido a súa mobilidade, segundo denuncia. Ante esta situación, anuncia que este mesmo martes acudirá ao xulgado a interpor unha denuncia contra a dirección do hospital Álvaro Cunqueiro. El Defensor del Paciente censura a "actitude totalmente indecente" de Sanidade e pregúntase "en que lei di que, de xeito obrigatorio, os pacientes se tean que adaptar aos desexos da Administración para mandalos intervir ou tratar onde lles pete". "Se o paciente se nega, que morra?", dille na carta ao conselleiro Vázquez Almuíña. 

 

Os efectos da lei de garantías de prestacións sanitarias

O caso desa paciente é outro exemplo dos efectos da denominada lei de garantías de prestacións sanitarias, un dos emblemas da segunda campaña electoral de Alberto Núñez Feijóo que ten como medida estrela a limitación de 60 días para a espera cirúrxica e de 45 para consultas especializadas. Como veu relatando este diario, por baixo desa promesa de garantía máxima de espera está un mecanismo de trasvase de doentes á sanidade privada, toda vez que se o Servizo Galego de Saúde incumpre o seu autoimposto límite de 45 ou 60 días está facultado para enviar os doentes a un centro privado no que lle realicen a intervención ou a proba.

As denuncias neste ámbito son varias. Hai tan só uns meses, unha muller denunciara que o Sergas lle negaba o tratamento por querelo nun centro público e a Asociación de Pacientes do CHUS aseguraba que "reiteradas testemuñas" acreditan que "os pacientes son vítimas dunha deficiente atención" cando son derivados a "centros privados concertados" para probas e intervencións. "Todo isto -resaltaban- ten a súa orixe nun modelo sanitario que inclúe aos centros privados na rede de recursos asistenciais" do sistema público "nos que se prima a rendibilidade económica sobre a calidade asistencial".

Resposta do Sergas á doente CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.